Onte 1660: As confesións culés de Sergi Pàmies

portada_confessions-dun-culer-defectuos_sergi-pamies_201602101211Seguidor que son dos libros literarios sobre fútbol non puiden resistir a tentación de mergullarme nas páxinas da tradución castelá de Confessions d’ un culer defectuós de Sergi Pàmies, un magnífico tratado de cruyfismo e melancolía barcelonista. Unha confesión valiosa, sobre todo pola emoción que destilan textos memorables como «El silencio», onde Pàmies denuncia a noxenta contaminación acústica do fútbol actual, onde xa non é posible escoitar no silencio do estadio nin a sonoridade do toque do balón na lameira nin os matices do latexar da bancada. Como tamén é de gabar a crueza coa que Pàmies formula os dilemas morais dos cules de hoxe encaixados nos rituais sentimentais e familiares dun deporte que é trabe da industria audiovisual e do lecer. Xaora, as páxinas dos relatos dos encontros con Cruyff abondarían para recomendar un libro no que se afonda con alento literario e beleza no carácter emocional e sentimental da adscrición futbolística. Para fútbolferidas e lectoras non prexuizosas.

Campo do Fragoso CLXXIX

aspas_granadaEUROCELTA

Conseguido o obxectivo matemático da clasificación europea o celtismo deu onte á noite unha lección de responsabilidade extraordinaria. Contido no seu lexítimo entusiasmo, despois de acadar un soño tan lonxano como é regresar a Europa despois dunha década, a bancada sostivo ao equipo durante os noventa minutos dun partido moi difícil, con momentos de ledicia, mais tamén de sufrimento, fronte a un valente Granada que xoga neste derradeiro treito do campionato no tan perigoso arame do descenso. Unha magnífica expresión de animación celtista, mais tamén de ambición deportiva, xa que nin o cadro técnico nin o de xogadores nin a afección renuncia a sumar máis de sesenta puntos, cos que moi probablemente aseguraría a quinta ou a sexta praza.

Xaora, tras un campionato memorable, o Celta de Berizzo apenas celebrou onte a súa proeza clasificatoria. Demostrou que aspira a máis, mesmo a desputarlle praza de Champions ao Vilarreal de Denís Suárez. Con este afán, Berizzo plantou na lameira un equipo de curte moi ofensivo, coa conexión chilena dirixindo o medio do campo e co tridente marabilla, detrás de Guidetti, preparado para abrir espazos dende as bandas. Transcorrido apenas un cuarto de hora, chegou o penalti sobre o noso internacional sueco, que con moita pillería se anticipou a Biraghi obrigando ao lateral italiano a derrubalo. Aspas asumiu a responsabilidade do lanzamento e marcou con toda a confianza.

Coa táboa de marcas por diante, o Celta despregou o seu catálogo ofensivo, sostido por Marcelo Díaz e un Tucu Hernández, que cada vez namora máis á bancada viguesa. Aspas motivadísimo, quizais lembrando as leas cos nazaríes de hai cinco tempadas, cando desputaban unha praza de ascenso a primeira, buscou a Guidetti e as liñas interiores de Orellana e Nolito, que non tiveron a súa mellor noite. Porén, os de Berizzo deixaron vivos aos andaluces, que conseguiron chegar con moito perigo e facilidade nun par de ocasións. A cabezada de Lombán ao longueiro enmudeceu Balaídos cando case remataba a primeira parte. Aínda que pouco despois, outra de Tucu Hernández quedase lixeiramente alta.

 Coa renaudación, o Granada espremeu todas as súas opcións. Subiu liñas, roubou o balón e acurralou aos nosos diante de Rubén. A bancada comprendeu que o Celta vivía moi serias dificultades e intensificou o seu apoio. Nunha ocasión clarísima, Peñaranda abriu un corredor enorme pola súa banda, mais cando encarou a Rubén o noso gardarredes soubo aguantalo in extremis. Porén, o inevitable gol andaluz chegou tras un rexeite que aproveitou o galego Fran Rico, nunha acción de auténtica potra, mais merecida pola teimosía atacante do seu equipo.

Mais cando todos os ventos semellaban propicios para os visitantes, tras a incorporación de Wass, unha conexión máxica entre Orellana, Nolito e Aspas facilitou o segundo gol do de Moaña, que liquidaba as opcións nazaríes. Faltaban aínda máis de dez minutos, mais os de Berizzo souberon aguantar con acougo a un Granada que subiu con todo e deixou espazos para uns cantos contraataques celestes que puideron ampliar o marcador. Foi só entón cando a bancada comezou a cantar o miudiño e a festexar unha vitoria que sitúa ao Celta moi preto do seu ceo soñado. Rematado o encontro a ledicia esvarou das bancadas a lameira, adiantando as celebracións que sen dúbida viviremos co peche da tempada co Málaga. Un partido, pois, traballado, discreto no xogo, excelente no resultado, que vai pechando a que é, sen dúbida, a mellor tempada celeste da década.

Onte 1649: O orgullo de Sergio Álvarez

Escoitar a Sergio Álvarez, o gardarredes do Celta, expresar no programa En xogo o seu orgullo de falar galego é unha beizón. Sergio faino con absoluta naturalidade, sabendo que non é algo extraordinario, asumindo a lingua galega apenas como o seu vehiculo de comunicación cotián, desfacendo asi tantos prexuízos pailáns sobre o uso do noso idioma pola mocidade. No seu día xa abeizoamos ao «Gato de Catoira» polas súas preferencias lectoras nas que situou nada máis e nada menos que Resistencia de Rosa Aneiros como un dos seus libros preferidos. Sergio Álvarez merece os nosos parabéns pola súa actitude e coidado no uso e defensa da lingua galega.

Campo do Fragoso CLXXVIII

europa-tiroCELTA XENEROSO

Os empates recentes co Deportivo e co Betis en Balaídos demostran que acadar o quinto posto non vai ser un camiño de rosas para o Celta de Berizzo. A exhibición celeste de xenerosidade e voracidade atacante en ambos os dous partidos, nalgúns momentos transformada en precipitación e ansiedade diante da portaría rival, noutros en desorde e inferioridade defensiva na propia, non abondou para gañar a dous equipos que tamén precisaban puntuar. Cómpre recoñecer que en ambas as dúas noitiñas o Celta careceu das doses de equilibrio e acougo nos momentos decisivos coas que acadou a clara vitoria do Molinón.

Diante do Betis aos de Berizzo abondáronlles cinco minutos para abrir todo o seu catálogo de xogo ofensivo. Foi o tempo que tardou John Guidetti en enviar unha taconazo de moitos quilates ao pao, tras unha parede anterior dentro da área de Nolito e Planas que centrou tras percorrer toda a banda. O Celta arriscaba presionando con intensidade e moitos efectivos na liña de dous terzos, situando moi adiantados aos dous laterais, o que facilitaba as recuperacións no territorio bético. Así chegaron outras dúas ocasións para o noso internacional sueco, en centros de Beauvue e Planas, que chegaba con moita facilidade á liña de fondo.

Xaora, a partir do cuarto de hora inicial, o Betis espertou devagariño, aproveitando instantes de confusión do centro do campo galego, onde frouxeaba Wass (lesionado no nocello dende o inicio) e o poeta Orellana non collera aínda o seu punto de caneo. Así chegou o gol bético, tras unha internada na área do antipático (e perigoso) Rubén Castro, a quen os celestes non souberon defender coa contundencia que un xogador das súas características require. Montoya aproveitou un rexeite frouxo de Cabral e dende a liña de fondo da área pequena enviou o pase da morte para que N’Diaye marcase. Unha xogada moi mal defendida que case derrubou aos nosos. O Celta sen o control da bóla sufriu durante os vinte minutos que restaron até a reanudación. O veterano Joaquín puido liquidar o partido nunha xogada individual na que enviou o balón ao pao longo, imitando a acción preferida de Nolito. Con todo, o Celta tamén tivo a súa oportunidade de ouro nunha galopada de Beauvue, antes de caer gravemente lesionado, que centrou en carreira para que Nolito cabezase dende o punto de penalti. Mágoa que Orellana a porta baleira non aproveitase o rexeite no chan do afortunado gardarredes andaluz.

Coa entrada na lameira de Aspas e Marcelo Díaz, que substituíron a Wass e Beauvue lesionados, o Celta desenvolveu unha heroica estratexia de asedio, asumindo os riscos de deixar espazos baleiros polas bandas, sobre todo na cobertura dos numerosos saques de recanto. Foron corenta e cinco minutos emocionantes onde o gol axexou ambas as dúas portarías. Os béticos tiveron grandes ocasións. Case no inicio, Rubén Castro puido sentenciar o marcador nunha longa carreira en solitario finalizada cunha vaselina que quedou longa só uns centímetros. Pouco despois, o noso porteiro evitou in extremis un precioso gol olímpico dun Joaquín inspiradísimo. Como Cabral defendeu na mesma liña de gol un remate de Rubén Castro, cando o porteiro céltico xa estaba superado. Outro tanto sucedeu na outra área, onde baixo a batuta de Marcelo Díaz as chegadas celestes eran continuas. Coa mellor xogada de Nolito chegou o gol anulado (inxustamente) a Guidetti, o que aumentou a frustración da bancada cunha arbitraxe ruín que facilitou as continuas interrupcións do xogo provocadas polos visitantes. A entrada nos minutos finais de Tucu Hernández achegou decontado a dose de claridade que até entón faltara nos celestes. O seu gol magnífico, froito dun soberbio pexegazo ao pao corpo, tras un servizo maxistral de Jonny, fixo xustiza ao esforzo xeneroso dos nosos.

Onte 1630: O noso derbi

Na Coruña falei onte con algúns amigos cascarilleiros do noso derbi. Coincidimos na necesidade de superar o modelo de antagonismo visceral daqueles derbis de entre séculos e substituílo por unha exixente competencia deportiva de dous adversarios orgullosos da súa condición de primeiros cadros galegos. Coincidimos, tamén, que non é doado achegarse a este modelo de «derbi vasco», xa que cómpre superar aínda prexuízos e resistencias como as expresadas ao longo da semana en comentarios e declaracións saudosas daqueles tempos da guerra de Leri contra Lendoiro e Vázquez.

Desenvolver esta nova cultura para o noso derbi exixe, en primeiro lugar, que sexa asumida polas directivas, cadros de xogadores e técnicos, como polos colectivos de peñistas de ambos os dous clubes. En segundo, require da responsabilidade, temperanza e bo criterio das alcaldías, dos políticos e dos medios de comunicación de ambas as dús cidades. Xaora, esta nova cultura do derbi galego precisa, ademais, da existencia de mediacións culturais e sociais capaces de artellar actividades que poidan ser compartidas e sentir como propias as dúas afeccións. É imprescindible refacer unha memoria común de case 75 anos de derbis e unha historia de dous equipos que chegaron mesmo a trasvasar xogadores (como Pahíño, Vicente Celeiro ou Djorovic) e adestradores (como Irureta, Lotina ou Fernando Vázquez).

Por razóns de traballo non poderei acudir esta noite ao estadio, o que moito lamento. Sei que me emocionaría cantando o himno galego no Campo do Fragoso con tantas voces amigas que comparten o orgullo do noso derbi. Canto menos, agardo o mellor resultado para que o Celta continúe enguedellado na súa angueira de regresar á competencia europea.

Onte 1622: Adéu, Johan

Adeu-Johan-Cruyff-estimar-futbol_1547255349_28037002_651x366

Para a miña xeración Joan Cruyff é o primeiro xenio do fútbol que vimos no estadio de Balaídos e nas pantallas de televisión no período de transición entre o branco e negro e a cor. Johan foi, xunto ao meu admiradísimo George Best, cabezaleiro dos futbolistas melenudos, a xeración ye-ye dacabalo das décadas de 1960 e 1970. Coa morte de Johan desaparece o mellor futboleiro da historia, tanto pola súa traxectoria como xogador de fútbol total, capaz de nun mesmo partido de xogar de líbero e despois de rematador, coma pola de adestrador do fútbol dell’ arte, forxado durante seis tempadas inesquecibles no banco do Barça.

Como xogador non obtivo todos os títulos que merecía o seu talento, protagonizando co seu 14 da Laranxa Mecánica algunhas das derrotas máis xenuinamente vitoriosas da historia do fútbol, como a da final do mundial 74 fronte a Alemaña ou aqueloutra motivada pola súa ausencia no mundial do 78 celebrado durante a ditadura de Videla. Como adestrador do Barça abriu a técnica do rondo como alicerce do xogo da serpe, que dende entón interpretou o Barça e que desenvolveu a escola dos seus discípulos Guardiola, Eusebio e Luís Enrique. O fútbol de Johan baséase na sinxeleza da constante circulación do balón, e polo tanto das ideas, no xogo ao primeiro toque, o que é o mesmo que dicir sen dúbidas, coa intención de crear a superioridade que facilite o instante decisivo.

Johan concibiu o fútbol como unha actividade máis cerebral ca física. O fútbol é un deporte no que durante 90 minutos e sobre un espazo acoutado dous cadros se disputan a posesión dunha pelota utilizando a cabeza e os pés. Unha confrontación na que os participantes deben correr o suficiente para estar en cada momento no lugar axeitado. Non hai outras limitacións para a creatividade e orixinalidade dos seus intérpretes que procuran a beleza e a vitoria. Eis a clave para que este xogo sinxelo sexa tamén precioso, mesmo unha manifestación das belas artes sobre a lameira.

Entre as moitas frases memorables de Cruyff sobre o xogo, unha das que mellor recolle a súa filosofía é aquela na que afirmaba que quería «xogadores que poidan facer movementos decisivos en espazos pequenos, que traballen o menos posible para aforrra enerxía de cara a esa acción positiva». Unha boa lección, tamén para a vida e para todo o planeta: economicemos as enerxías e os recursos, que sempre serán escasos, para poder dispoñer deles no momento fulcral. Un xenio! Adéu, Johán, adeus, amigo!

Onte 1613: Guidetti solidario

14579374267057

O xornalista Rafa Valero recolleu en Marca a confesión de John Guidetti, o dianteiro sueco do Celta, na que rememora os anos nos que viviu en Kenia. Promotor dunha fundación ao seu nome, cando non cumpriu os vinte e catro anos, o internacional sueco está moi comprometido co proxecto da construción de escolas en Nairobi, mais tamén coa causa dos refuxiados. Guidetti cre no valor do fútbol como medio de integración das vítimas máis inocentes dos conflitos, como escaparate para facer chegar a moita xente estes anceios de paz. Ademais dun formidable tinglado da industria do lecer, onde se moven cantidades millonarias,o fútbol pode ser unha ferramenta solidaria e comprometida coa igualdade. Así o cre o afouto Guidetti.

Onte 1610: Bufandas celestes

CdXO8ktWIAAgZdH

Non podo agochar a miña indignación cando souben que o meu amigo, a quen o Real Club Celta retirou o seu carné de socio por levar a súa vella bufanda celeste (de tres décadas) coa lenda «Celtarras», aínda non llo devolveron, mesmo a pesar de terse entrevistado co director xeral da entidade, impedindo así a súa entrada onte no estadio. Como non me gustou tampouco que os servizos de seguridade privada fosen onte reforzados nas portas do estadio, ocupándose de revisar de forma minuciosa os textos das bufandas de cada un dos seareiros. Outro desacerto dos responsables do clube cuxa actuación neste conflito das bufandas non se pode considerar máis que ridícula e intimidatoria cos seus propios afeccionados. O comunicado de protesta das peñas celtistas da pasada semana quedou para o club en auga de castañas. Señor Mouriño, señor Chaves, reflexionen, por favor. As bufandas que levamos os afeccionados celestes a Balaídos só serven para abrigarnos e para expresar o agarimo co noso equipo. En Balaídos non hai bufandas ningunhas que inciten ao odio nin a violencia. Hai probas abondas que os celtistas defendemos o «fair play» e somos pacíficos até o lirismo. Convénzanse, por favor. O demais son andrómenas que non teñen que ver co caso.

Campo do Fragoso CLXXVII

celta-vigo-real-soci-3073509-7_gVASELINA

O Celta recuperouse decontado da malleira da segunda parte do Bernabeu. Outra goleada que avergonzou a afección celeste e demostraba o carácter bipolar do cadro de Berizzo, capaz de recibir máis de media ducia de goles nunha semana e na seguinte amosar unha disciplinada austeridade defensiva. Por ventura fronte á Real Sociedad, un rival directo na angueira europea, o Celta recuperou a súa faciana máis práctica e paciente, a que amosara tamén fronte a Getafe e Vilarreal, aproveitando ao máximo unha xogada xenial de Nolito e Aspas e traballando arreo e sufrindo até o límite para deixar a súa portaría a cero. Unha vitoria pola mínima que sabe a gloria xa que os de Berizzo abren unha importante fenda cos seus perseguidores e manteñen todas as súas opcións no que semella será unha loita moi dura con Sevilla e Athletic pola quinta e sexta praza.

Onte o Celta botou en falta a Tucu Hernández e Orellana, dúas pezas esenciais para que esta tempada funcione o engrenaxe celeste. Durante o inicio do partido dominaba, mais non era capaz de facer circular a bóla coa harmonía e coa fluidez que gusta en Balaídos. Fronte a aspereza dos txuriurdin, que xuntaron moito as súas liñas, e as dificultades de Wass para funcionar como enganche, labor da que se ocupa as mil marabillas o poeta Orellana, Berizzo apostou entón por facer correr a pelota dende a cobertura ao tridente atacante. Un fútbol directo pouco habitual no Celta, mais que transcorrido apenas un cuarto de hora facilitou a xogada que decantou o partido, froito de dúas xenialidades consecutivas, a primeira, o pase de Nolito en carreira, a segunda a recepción de Aspas, tamén en carreira, e a súa marabillosa vaselina sobre un gardamallas ben chantado sobre a liña de meta. Outro gol de alta escola, inesquecible, fermoso na concepción e afortunado na execución que, por riba, supuxo tres puntos de ouro.

Coa táboa de marcas por diante, o Celta acougou e parecía que podía recuperar o seu fútbol de salón. Tivo, entón, os seus mellores minutos, onde Nolito puido marcar, tras un servizo de Wass, e cando Guidetti chegou con claridade, impoñéndose ao seu marcador de ferro. Xaora, o equipo donostiarra, un chisco preguiceiro no seu ataque, agardando quizais a oportunidade dunha reviravolta de Jonathas, co que mantivo un formidable duelo Cabral, non deixaba nin un furado na súa cobertura. O xogo así foi devalando nun perigoso fastío, que só racharon un remate de Aspas e outro de Wass dende a segunda liña.

Porén, todo mudou tras a reanudación. Eusebio Sancristán non podía desengancharse da loita europea. A Real deu un paso adiante e comezou a acurrular o Celta na súa área. Un asedio constante e intenso, Xabi Prieto e Carlos Vela, tiveron as súas oportunidades fronte a Sergio, mais desta volta os celestes estiveron moi concentrados, sobre todo nos temibles saques de recanto onde podía aparecer o xigante Jonathas. O nivel de sufrimento e resistencia celeste, que os seareiros intentaron rebaixar co seu apoio entusiasta, acadou os seus límites máximos nos catro minutos (interminables) de desconto cando Illarramendi puido marcar até en dúas ocasións e Bruma estragou outra opción clara. Mais non era o día para os donostiarras, xa que os ventos eran propicios para os de Berizzo. Foi un partido moi igualado, decidido a prol dos nosos por unha vaselina en movemento, un alustro de xenialidade do astro de Moaña. Así é o fútbol, unha alquimia misteriosa, onde se funden doses de creatividade e de esforzo, capaz de xerar emoción tan intensa coma a que vivimos onte en Balaídos.

Onte 1603: Goleadas

Madrid_Celta_05-03-2016

O Celta recibiu no Bernabeu unha goleada que avergonzou a súa afección. Chovía sobre mollado tras as malleiras recibidas hai pouco no Camp Nou, no Pizjuán e en Vallecas, que devolven ao cadro de Berizzo  á condición de comparsa goleada de bonito xogo combinativo e «temible» tridente atacante. Sen menoscabo da boa tempada dun cadro de carácter bipolar, nin sequera das súas posibilidades na táboa final de marcas, estas goleadas, a maior honra de Messi, Cristiano ou Banega, deberían canto menos provocar unha reflexión por parte do cadro técnico, tanto do adestrador como do secretario técnico. Non é normal estar clasificado na sétima posición e ter recibido 51 goles, sendo de longo un dos catro equipos máis goleados. Como non fai falta ser Valdano para saber que a portaría celeste está cuberta de forma precaria e que lesionado durante toda a tempada Fontás facía falta un central de garantía para defender faltas e saques de recanto. É certo que onte o Celta fixo unha primeira parte digna, mais tamén o é que abondou que Pepe e Cristiano cabezasen na área dúas veces para comprender que era imposible defendelos cos tres laterais baixiños nunha cubertura de catro. Tras a grave lesión de Tucu Hernández e un Cristiano ferido no seu orgullo, a malleira era tan previsible como inevitable. O de onte no Bernabeu ten explicación. Mágoa que Torrecilla e Berizzo non queiran recoñecer as feblezas na composición do seu cadro. Non abonda con apelar á baixa na intensidade nin a erros de concentración. A orixe das goleadas está nos despachos e nas pizarras.