Campo do Fragoso CXCIV

JozabedCELTA REACTIVO

Diante do Osasuna o Celta de Eduardo Berizzo demostrou ser un equipo reactivo. Tras a inapelable eliminación de Copa diante do Deportivo Alavés, despois dos nefastos derradeiros minutos do domingo pasado no Vicente Calderón, á que se uniu a actuación decepcionante en Balaídos do xoves fronte os ucraínos do Shakhtar Donetks (tres derrotas consecutivas moi axustadas, polo tanto moi dolorosas), existía o perigo de que o Celta esvarase por vieiros tan perigosos como son os da melancolía e o desánimo. Por ventura non foi así. A versión B do equipo de Berizzo demostrou contar con enerxía, confianza, oficio e gol abondos para vencer con claridade a un cadro navarro que non soubo aproveitar as súas oportunidades.

Foi o de onte un Celta reactivo que apostou por un fútbol máis directo do que adoita, procurando atopar con velocidade as costas dos tres centrais navarros. Unha versión do xogo pouco habitual interpretada por unha trepia atacante inédita, Bongonda, Rossi e Pione Sisto, tamén os protagonistas do gol temperán, no minuto 22, determinante do devir do partido. Unha xogada de tiraliñas, iniciada na esquerda pola velocidade do belga, que pasou ao italiano, situado no centro da área, para que este cun taconazo de fantasía filtrase de costas ao dinamarqués que tivo a serenidade de canear ao seu marcador e logo xutar ás redes sobre o pao dereito. Un gol magnífico de composición e de resolución que abriu uns bos minutos de xogo celeste. Pouco despois, recuncou na área Rossi nunha xogada pola banda esquerda finalizada tras varios caneos cun xute chapado polo porteiro Sirigu. E pouco máis se pode contar de fútbol atacante celeste nunha primeira parte de aborrecible centrocampismo, no que os visitantes nos minutos finais chegaron a pechar aos celestes diante da portaría de Rubén.

Comezou o segundo acto cun Osasuna moito máis determinado e afouto. Sergio León puido nivelar a táboa de marcas no minuto 50 cun gran xute respondido por Rubén coa mellor parada do serán. Oportunidade que repetirían pouco despois Sergio de las Cuevas cun disparo dende o punto de penalti e Oriol Riera cunha cabezada, tras un saque de recanto, que lambeu o pao dereito. Os navarros tiñan moita máis intención ca acerto. Xaora, o partido esvarou por uns minutos de incerteza, onde comezaron os ires e vires que tanto dano lle fan aos celestes. Desta volta Berizzo non dubidou en mover o banco decontado e deu entrada na lameira a Jozabed, que con media hora por diante deulle a volta ao carpín. Co sevillano o Celta recuperou acougo e chegada, que se incrementaría notablemente coa incorporación de Iago Aspas faltando apenas un cuarto de hora.

Cos dous artistas sobre a lameira chegaron os goles. No 86, Jozabed cabezou un saque de recanto do Chelo Díaz, que o porteiro navarro non puido evitar se coase preto do primeiro pao. Apenas dous minutos despois o mediocampista sevillano serviu de marabilla unha pelota longa en diagonal sobre Aspas para que correse con ela pola banda esquerda e superase ao porteiro na area cun globiño de precisión, auténtica marca da casa. Toda unha xenialidade do Merlín de Moaña que pechaba unha táboa de marcas, quizais un pouco avultada para o xogo que ofreceron uns e outros sobre a lameira.

Abofé que non foi este un partido gañado polo fútbol de salón que tanto presta en Balaídos. Pola contra, abondaron unha defensa moi sólida, dúas contras veloces e un saque de recanto para superar aos rochosos centrais navarros. Outra versión do xogo moi ben executada pola versión B do cadro de Berizzo. Unha demostración de versatilidade e confianza nas propias posibilidades que nos permiten enxergar con certo optimismo o dificilísimo partido do xoves en Ucraína.

Onte 1826: Un Celta irrecoñecible

Todas as derrotas doen. E doen moito máis cando o derrotado renuncia a ser o que é ou pretende ser. Iso sucedeulle onte a un irrecoñecible Celta diante do Deportivo Alavés, xustísimo finalista de Copa. Fracasou Berizzo cando deseñou unha estratexia para a eliminatoria inusualmente medrosa, prudente até lirismo, renunciando a identidade inconformista forxada neste campionato. O Totto confiou en sacar adiante dous duelos tácticos de aborrecible mediocampismo que se resolverían na épica celeste dos derradeiros quince minutos de cada unha das xornadas.

Esa foi a razón pola que Berizzo arriscou cos seus catro medios e renunciou a que Guidetti e Pione Sisto apoiasen as accións de Iago Aspas no seu labor de furar o valado vasco. Mais nin as xenialidades do Merlín de Moaña nin os derradeiros minutos heroicos do Celta abondaron para dobregar a un Deportivo Alavés que tanto en Vigo como en Gasteiz creu máis nas súas posibilidades ca os nosos. Desta volta o noso admirado mestre Berizzo errou na pizarra e na lameira renunciando a súa identidade de equipo destemido. Xaora, a ilusión e a emoción da Copa quedarán para o ano que ven. Hala Celta!

Onte 1824: Centralismo visceral

Marca_04-02-2017A polémica provocada por algúns medios deportivos madrileños a raíz da suspensión do Celta-Real Madrid previsto para onte é apenas a punta do iceberg do centralismo máis reseso que poidamos imaxinar. Pouco lle importa a estes medios os perigos que o vendaval da galerna puidese ocasionar nas persoas (espectadoras, xogadores ou persoal de reparación das cubertas), cando para eles están en xogo os intereses do seu Madrid, ese equipo que xa non ten datas para as dúas competicións nas que agora participa. Ese centralismo tolo que non ve máis que para os seus dous equipos capitalinos e para o Barça, como o seu “eterno rival”, e ao que nada importa o resto dos equipos, considerados apenas como comparsas e atrezzo, ameaza con estragar o interese das competicións e convertir a temperados celtistas ou deportivistas en novos arredistas.

É tan difícil comprender que ventos superiores aos 100 km/h poden provocar estragos importantes, como os de Riazor e Balaídos, que obrigaron aos concellos a ser prudentes e suspender os partidos desta fin de semana de severa galerna para milleiros de familias galegas? É tan díficil comprender que eses danos non poden ser reparados até que remita o temporal? É tan dificil entender que a seguridade das persoas está por riba dos intereses do Real Madrid? Ese centralismo visceral, de corazón tan branco, expresado de forma soez onte nas redes, é apenas un síntoma da grave e vella doenza de uniformismo (non só político) que padece a sociedade española. Temo que non é doado superala.

Campo do Fragoso CXCIII

MESTRE BERIZZO

Berizzo_ZidaneInesquecible foi a noite do mércores en Balaídos na que un Celta colosal conseguiu eliminar ao
Madrid (e toda a súa parafernalia) e clasificarse para as semifinais de Copa. Para o celtismo, probablemente, é un dos fitos máis importantes da última década, que así expresou a súa gratitude cantando unha emocionante rianxeira, só reservada para os días máis grandes. Unha noite onde se desenvolveron as liñas máis claras da gramática do fútbol celeste: intensidade, valentía e humildade. E, sobre todo, unha noite na que escintilou a madurez competitiva acadada polo cadro de Eduardo Berizzo.

Foi un partido intenso de tolos ires e vires dunha a outra portaría. Unha batalla de loitas bilaterais a cara de can, onde como sucedera no Bernabeu cada xogador de Berizzo tiña asignado o seu par ao que debía facerlle a vida imposible. O Celta confiaba a súa estratexia ofensiva ás posibilidades de contraataque e ás recuperacións que na primeira e segunda liña puidesen facer os seus homes máis adiantados. Unha proposta moi esixente para cada un deles, que obrigaba a un esforzo físico enorme e a unha mobilidade constante. E a pesar do arriscado da proposta a Berizzo deulle bo resultado. No derradeiro cuarto de hora da primeira parte, Aspas e Guidetti souberon abrir un par de furados na defensa branca, estragados polo porteiro, o mellor dos madridistas. Xaora, faltando apenas dous minutos, o internacional sueco-galego, tras un gran servizo de Wass, recuncou no seu empeño e, contando coa colaboración de Danilo e da deusa fortuna, adiantou aos nosos na táboa de marcas.

Foi tamén un partido incerto e emocionante, sobre todo tras a reanudación, onde un Madrid rabioso e desordenado obrigou aos celestes a parapetarse diante da portaría de Sergio. Así chegou o empate de Cristiano, tras unha falta dubidosa, preto da frontal; e así puideron adiantarse os visitantes nunha desas cabezadas letais de Ramos na área pequena rival. Porén, neses minutos críticos, onde as ondadas madridistas chegaban en avalancha e medraban as pulsacións dos celtistas, Berizzo soubo comunicar dende a banda as doses de xerarquía e confianza necesarias para xestionalos con sufrimento e intelixencia. Secomasí chegou o golazo de Wass, tras unha xogada coral, na que interviron Aspas, Marcelo e Jozabeb, consolidando unha clasificación forxada a semana anterior no Bernabeu.

Nesta eliminatoria Berizzo demostrou que é un dos grandes adestradores do momento e un dos máis importantes da historia do Celta. Un auténtico mestre capaz de sacar o mellor de cada un dos seus xogadores, capaz de que aprendan compartindo o proxecto colectivo e capaz de que brillen no desempeño individual. Na xerarquía, na teimosía e na humildade de Berizzo están algúns dos segredos deste gran Celta actual, para min máis admirable que aqueloutro do xogo da serpe de Mostovoi e Mazinho de hai dúas décadas. Berizzo ten moito que ver co momento excepcional dos nosos canteiráns Aspas, Mallo e Jonny, nos mellores días das súas carreiras. Aí está a confianza que foron gañando da súa man os dous porteiros, Rubén e Sergio. Como o medre de xogadores novos que están sendo agarimados pola súa man como Bongonda, Wass, Radoja, Guidetti, Sergi ou Pape Cheikh, que apuntan a figuras internacionais de moitos quilates e que polas súas traxectorias ascendentes dificilmente poderemos manter en Vigo durante moito tempo. Como tamén o papel esencial dos seus veteranos de confianza Cabral, Tucu, Chelo ou Roncaglia, leais e dispostos a manter a estrutura do debuxo táctico do adestrador.

Cheguemos ou non a final da Copa, o conseguido por Berizzo nesta competición nas dúas últimas tempadas merece de todas as beizóns. Gran adestrador o noso.

Campo do Fragoso CXCII

preview_mPACIENCIA

Nun exercicio exemplar de paciencia o Celta de Eduardo Berizzo gañou pola mínima a un excelente Deportivo Alavés de Mauricio Pellegrino. Un gran gol no minuto 89, o primeiro de Nemanja Radoja coa camisola celeste, desbloqueou in extremis un partido moi igualado no que a disciplina dos vascos soubo incomodar moito aos célticos incapaces de superar tan complexo valado defensivo. Un partido onde Iago Aspas cedeu o seu brillo habitual a Wass, Mallo e Radoja, tamén os tres participantes no gol celeste, nacido dunha parede do internacional dinamarqués sobre o lateral de Marín, que dende a dereita centrou raso e potente, como a el máis lle presta, para que o serbio entrase coa pelota no medio da área, amagase, canease, superase a dous defensas e xutase dende o punto de penalti sobre as redes cunha tranquilidade e confianza asombrosas. Un gol soberbio, a guinda que lle faltaba a unha das estrelas máis emerxentes e luminosas do Celta actual.

Gañar o partido requeriu moito traballo. A primeira parte foi bastante sosa, xogada a maior parte arredor do círculo central, un campo de batalla do que o Celta saíu con superioridade en contadas ocasións. Fíxoo grazas á velocidade de Bongonda, capaz de provocar dúas amarelas aos seus defensores, e á afouteza de Aspas que nunha tarde, onde se lle notou un chisco cansado e recibiu unha severísima marcaxe dos seus defensores, dispuxo só de dúas oportunidades de gol, tras senllas asistencias de Daniel Wass, o enganche polo que onte pasou todo o perigo do Celta. Na primeira, apenas comezado o partido, o Mago de Moaña rematou sobre Pacheco. Na segunda, no trinta e oito, nacida tras un espectacular servizo de sesenta metros de Rubén, que Wass lle reenviou de tacón, só puido centrar procurando a presenza dun Guidetti que non chegou.

Tras a pausa, o partido mudou radicalmente cando foi expulsado Fedall, despois dunha dura entrada do central alavés sobre Iago. O Deportivo quedaba en inferioridade numérica, o que obrigou a Pellegrino a montar un grande valado defensivo, mais sen renunciar a accións esporádicas de contraataque. Con este novo escenario, os celestes monologaron coa súa posesión, pero en moi contadas ocasións foron capaces de superar aquel muro. A única oportunidade que lembramos foi unha estragada por Roncaglia, só diante do porteiro, tras un bo servizo de Guidetti, exhausto na súa pelexa a cara de can cos centrais visitantes. Porén, Berizzo non perdeu a paciencia. Fixo entrar na lameira a Jonny e a Rossi procurando intensificar o xogo asociativo polas bandas, procurando atopar dende alí os camiños do gol.

Unha presión celeste ben soportada polos de Pellegrino que se estiraron con moitísimo perigo nun par de oportunidades, sobre todo a protagonizada no 80 polo lateral francés Théo que correu dunha a outra área de forma sensacional, superando aos celestes que se lle puxeron por diante, e cuxo xute despexou de forma providencial Rubén por riba do longueiro. Xaora, foi Hugo Mallo quen mellor viu como furar o valado deportivista dende a dereita. Insistir e insistir era a receita de Berizzo dende a banda. Fíxoo o de Marín no 86 cun xute dende o recanto da área que bateu no poste longo. Recuncando, apenas dous minutos despois, cun centro raso co que Radoja fabricaría o gol da vitoria. No entanto, os visitantes estragaron nos minutos do desconto un saque de falta na media lúa viguesa, o que engadiu ao partido, se non as houbese, doses de emoción até o derradeiro asubío.

Outra vitoria celeste importante, a cuarta no que vai deste xaneiro, que sitúa aos de Berizzo, case no remate da primeira rolda, a carón das posicións europeas. Non cansaremos de expresar a nosa admiración polo devir desta campaña na que o Celta mantén as súas aspiracións nas tres competicións nas que participa.

Campo do Fragoso CXCI

faro-chapela-4667593-2_gASPAS ASOMBRA

Dende os tempos de Alexander Mostovoi, hai agora dúas décadas da chegada a Vigo do noso tsar, o Celta non contou cunha figura tan determinante e luminosa como a do incrible Iago Aspas desta tempada. O Merlín de Moaña, o mago do Morrazo, ou como queiramos alcuñalo, vive o momento máis extraordinario da súa carreira, tanto pola súa capacidade para marcar, que o sitúa a esta altura como o mellor goleiro seleccionable para Julen Lopetegui, cos mesmos tantos que Cristiano, apenas un por baixo dos de Messi e Luis Suárez, como pola confianza contaxiosa nas súas propias posibilidades, o que lle permite na lameira liderar ao equipo, intentar o máis difícil e non dar nunca unha bóla por perdida.

Onte Aspas volveu asombrar. Meteu un gol espectacular e participou de forma determinante nos outros dous, facilitando ao Celta unha vitoria (aparentemente) cómoda fronte a un bo Málaga do debutante “Señor Gato”. Á estrela celeste fixéronlle falta apenas seis minutos para aproveitar unha diagonal de trinta metros de Jonny, froito dunha recuperación no centro do campo do defensa de Matamá. Iago soubo conducir en carreira coa esquerda, levar ao rego ao seu marcador e sentar a Kameni xusto no momento en que mudou a bóla de perna para xutar e superalo con facilidade. Un contraataque marabilloso de toque, carreira, caneo, xute e gol. Un gol cen por cen da canteira galega que abría a táboa de marcas e que condicionou o devir do partido.

Certo é que no minuto 18 o árbitro non viu, tras un remate de Guidetti, unha clara man de Diego Llorente na área andaluza, o que podería ter pechado o que foi unha saída preciosa do cadro de Eduardo Berizzo. Mais bó e recoñecer que a partir de entón os visitantes nunca tiraron a toalla e o partido se foi igualando, con oportunidades en ambas as dúas portarías e un xogo combinativo ben xeitoso para a bancada. Nestes ires e vires ao Málaga sobroulle xogo e faltoulle fortuna no remate, tanto nas chegadas do seu goleiro Sandro como na cabezada de Mikel Villanueva desviada por Rubén Blanco nunha das súas mellores paradas da tarde.

Tras a reanudación o panorama no mellorou para o Celta, que sufría máis do previsto, obrigado polo Málaga a repregarse diante da súa portaría. Xaora, no minuto 60 volveu aparecer a afouteza de Aspas. O noso internacional pelexou unha pelota na frontal da área que enviou á esquerda, onde Bongonda centrou ao primeiro toque agardando a chegada de Wass dende a segunda liña para que o dinamarqués marcase case a pracer. Un gol decisivo no partido, xerado por Iago a partir dunha pelexa a cara de can cos seus defensores. Como magnífica foi tamén a súa participación no terceiro, aos 73 minutos, sacando unha falta moi rasa que, despois dun erro clamoroso de Cabral, Andrés Fontán enviou ás redes dende a área pequena. O partido semellaba pechado, mais como sucede decote no treito final non faltou o agasallo celeste, desta volta un autogol de Wass, que cabezou un saque de falta que levaba veleno. Un gol que facía xustiza ao esforzo dos malagueños que pouco minutos antes tiveran un deses goles que semellan feitos, abortado in extremis por un Rubén Blanco, cada vez máis seguro e valente nas súas intervencións.

Ademais da gran tarde de Aspas, que como un líder indiscutible do equipo soubo marcar o ritmo de xogo, acougando ou acelerando cando era preciso, tamén estiveron a un gran nivel Radoja e Wass, dous xogadorazos que medran en cada partido. Outra das claves desta tempada excelente na que o Celta de Berizzo continúa con magníficas expectativas nas tres competicións nas que participa. Mellor non se pode comezar un ano de ilusión para o celtismo

Campo do Fragoso CXC

celta-sevilla_11-12-2016IBORRAZO

Os tres goles do xigantón Iborra, o centrocampista que tras o descanso substituíu a Nico Pareja, liquidaron un Celta-Sevilla moi nivelado no primeiro acto. Un castigo moi avultado para o cadro de Eduardo Berizzo que só se dobregou diante do de Jorge Sampaoli nos derradeiros minutos, cando pagou o esforzo do pasado xoves en Atenas cando conseguiu unha merecida clasificación europea.

Un partidazo de fútbol decantado por unha cabezada do centrocampista valenciano, a un saque de recanto de Sarabia, que se anticipou a tres xogadores celestes e na que Rubén Blanco quedou en media res, en terra de ninguén. Unha xogada desafortunada que amosa as carencias de altura do Celta a balón parado e o escaso liderado dunha portaría, en período de formación. Unha mágoa, xa que até entón, correran apenas 51 minutos de xogo, a xove promesa de Mos fixera dúas intervencións de moito mérito, unha extraordinaria, na que tapou un bo remate de Franco Vázquez, e outra moi difícil, na que rexeitou a boca de cano un remate de Ben Yedder.

Non será doado esquecer os trinta minutos iniciais deste Celta-Sevilla onde os dous cadros –como era de agardar, tratándose os seus adestradores dos dous alumnos máis avanzados de Marcelo Bielsa– procuraron con ansia teimosa o gol. O espectadores gozamos dunha tirapuxa continua, onde a emoción viaxaba cada minuto dunha a outra área. Un espectáculo para aproveitar. Un auténtico partizado, tanto polo afán construtivo dos dous cadros como pola súa xenerosa intensidade, incluídos algúns duelos individuais moi interesantes e onde brillaron xogadores de moitos quilates como Samir Nasri ou Iago Aspas.

Non embargante, durante os primeiros corenta e cinco minutos, os porteiros, ambos os dous en estado de graza, estableceron a xerarquía e impediron que, incriblemente, non se movese a táboa de marcas. Rubén Blanco, como xa adiantamos, salvou dous goles feitos e só foi superado por unha cabezada de N’Zonzi ao longueiro. Sergio Rico salvou unha cabezada cara abaixo de Aspas, que pelexou o que non está escrito coas trabes sevillistas. Daniel Wass obrigou a Rico a facer unha grande estricada ao comezo da reanudación, tras un pexegazo sobre o pao dereito.

Xaora, cómpre recoñecer que neste duelo bielsista Sampaoli gañou a Berizzo na pizarra cando, tras a reanudación, reforzou o mediocampo cunha peza potente como a de Iborra. E máis aínda, cando tras o primeiro gol do centrocampista ordenou aos seus repregarse, abandonando a estratexia do intercambio de ataques que caracterizara tan fermosa primeira parte. Coa táboa de marcas en vantaxe, o Sevilla deixouse dominar, agardando aproveitar a velocidade de Vitolo nunha contra. Durante case media hora o Celta sitiou a área visitante procurando o gol do empate. Un esforzo teimoso mercedor de maior fortuna, sobre todo nun gran xute de Guidetti, rexeitado por Rico, e noutro dende a frontal de Orellana, que desviou Iborra, o protagonista nas dúas áreas, que case marca en propia meta. O Celta só desistiu da súa angueira cando nunha xogada de Vitolo, no minuto 84, volveu marcar o centrocampista sevillista, que onte tivo o seu día do mes. Daquela o cansazo acumulado na proeza de Atenas caeu a chumbo sobre os de Berizzo que co partido estragado entregaron o terceiro, tras unha perda no medio do campo de Bongonda, que saíra minutos antes para enfiar a área, e a transformación dun claro penalti que Cabral cometeu sobre Correa.

Non mereceu o Celta un castigo tan severo como este Iborrazo, mais cómpre recoñecer que desta volta Jorge Sampaoli soubo mover ficha antes ca Eduardo Berizzo. Unha magnífica tarde de fútbol de inverno, a pesar do resultado adverso para os nosos.

Onte 1795: O Celta no corno da lúa

Grazas a un traballo defensivo moi sofrido, o Celta emendou onte en Atenas o fracaso de hai quince días en Balaídos fronte ao Standard. A cabezada á rede de Guidetti, tras un centro marabilloso de Hugo Mallo, equilibrou aos tres minutos as posibilidades de clasificación para os dezaseisavos da Europa League, feito o que tamén contribuíu a deportividade e fair play do Ajax en Liexa. Os de Berizzo amosaron na capital grega a súa faciana máis seria, nun partido moi difícil e pouco vistoso, resolto polo esforzo titánico no centro do campo, dominado primeiro polo incansable Radoja e logo por Tucu Hernández. Xaora, nin a táboa de marcas, aparentemente cómoda ao longo de todo o encontro, nin a primacía na posesión, impediron que os derradeiros minutos fosen agónicos, pendendo do fío dun posible segundo tanto do Standard. A pesar dos agoiros e da ausencia de Merlín Aspas, o Celta volveu facer historia coa súa humildade e afouteza. Con Berizzo seguimos pendurados do corno da lúa.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Campo do Fragoso CLXXXIX

Aspas_27_11_2016ASPAS TOTAL

Outro partidazo de Iago Aspas levou ao Celta a unha clara vitoria sobre o Granada nun encontro que foi cómodo até os xa clásicos cinco minutos agónicos nos que a bancada, tras un agasallo de nadal de Cabral, rosmaba a posibilidade dun empate visitante. Capaz de marcar un gol decisivo, asistir con xenerosidade no segundo, mais tamén equilibrar ao cadro recuperando pulo no medio campo e sabendo marcar o ritmo preciso en cada fase, este Aspas total demostrou que vive un momento de forma excepcional, quizais o mellor da súa carreira como futbolista profesional. Unha etapa de madurez, plenitude e confianza do Merlín de Moaña que a bancada de Balaídos acompaña coa ledicia, entusiasmo e admiración que supón asistir a semellante marabilla.

O Celta precisou vinte minutos para que Aspas aproveitase cun zurdazo un incrible erro de Vezo, que na tarde dos agasallos deixara de forma inocente un balón morto na área pequena. Unha xogada iniciada, tamén polo de Moaña, cando entrou pola banda dereita e procurou un pase a Rossi, que interceptou con tan escasa fortuna o defensa nazarí. Un gol decisivo que mudou o rumbo dun partido até entón aburrido. O Celta monologaba coa pelota, anque polo seu ritmo apagado non conseguía crear superioridades fronte a un colista que colocou as súas liñas moi xuntas, agardando un contragolpe nunha recuperación ou un erro dun dos nosos mediocampistas.

Coa táboa de marcas xa por diante, o cadro de Berizzo meteu unha marcha máis de velocidade coa intención de encarreirar o partido. Aspas en estado de graza enviou dende a esquerda un fantástico pase sobre Wass para que o dinamarqués xutase sobre o porteiro, unha xogada de auténtico tiraliñas. No minuto 36 o de Moaña volveu intentalo, desta volta asistindo en carreira (de forma maxistral) dende a banda esquerda a Bongonda que, despois de entrar na área, bateu ao porteiro cun zurdazo moi preciso. Un gol de moi alta escola que o extremo belga dificilmente esquecerá. Xaora, antes do tempo de lecer, a táboa de marcas celeste puido incrementarse nun remate de Iago que desta volta fixo migas con Rossi.

O Celta encarou con prudencia a segunda parte. Se ben diminuíu a intensidade do seu xogo, o que facilitou que o Granada puidese contar máis coa pelota, foron súas as mellores oportunidades. Iago Aspas recuperou unha saída de pelota en media agra do Granada e moi arteiro, cando viu ao porteiro un chisco adiantado, enviou un globiño precioso que bateu no longueiro. Unha xogada de auténtico mestre nunha tarde onde o de Moaña era capaz de ir máis alá. Como tamén puido chegar o tan procurado terceiro caroliño nunha xogada na que o noso internacional compartiu paredes con Radoja, que no momento decisivo (algo confuso) disparou preto do pao esquerdo. Aspas participaba en todas as alladas, cunha mobilidade eléctrica que toleaba a defensa andaluza e que contaxiaba aos seus colegas.

No entanto, o Granada tivo tamén as súas oportunidades, aproveitando algún erro na cobertura celeste. Kravets puido marcar nun deses contragolpes no minuto 76, mais fíxoo doce minutos despois, cando na tarde dos agasallos aproveitou un erro garrafal de Cabral cuxa cesión a Rubén Blanco foi moi facilmente interceptada polo dianteiro ucraíno. Un gol que acelerou durante cinco minutos o ritmo do corazón dos seareiros celestes até que Pape Cheikh no terceiro minuto do desconto conseguiu o terceiro, tras unha xogada moi ben levada por Guidetti e unha asistencia preciosa de Señé, cando todo o Granada envorcaba a área celeste. A nosa maior promesa pechaba cun xute de moitos quilates un partido no que Aspas escintilou como xogador total, co brillo que só posúen as auténticas estrelas. Con xenialidade e afouteza Iago empurra ao Celta de Berizzo cara as posicións europeas.

Campo do Fragoso CLXXXVIII

celta-complica-1FRACASO

O equipo de gala de Berizzo, onde só faltaba o poeta Orellana, fracasou na primeira final desta tempada. Un triste empate fronte ao Standard de Liexa, un cadro onte superior en xogo, vontade e intensidade, deixa ao Celta moi eivado nas súas posibilidades de clasificarse para a quenda dos dezaseisavos desta Europa League, a mercede do que os belgas poidan facer diante dun Ajax, indiscutible líder do grupo, e das dificultades dos nosos de gañar en Athenas dunha forma ampla a un Panthinaikos, pechacancelas, xa sen aspiración ningunha. Unha decepción para a bancada celeste que, sendo xustos, tampouco se mobilizou como a oportunidade merecía ao longo dos tres partidos en Balaídos desta liguiña europea.

O fulgor do comezo do partido non agoiraba o que despois sucedeu na lameira do Fragoso. Aos cinco minutos, Jonny picou unha bóla sobre Guidetti que, tras baixala co peito e realizar no recanto da área pequena unha reviravolta espectacular, xutou coa perna dereita e bateu na base do pao longo. Foi un deses goles fantasma, que berra a bancada, mais que non sobe ao taboleiro de marcas. Xaora, dous minutos despois, foi Hugo Mallo quen sacou de banda sobre Iago Aspas para que o internacional ofrecese un dos seus trucos de maxia: superou en carreira a un dos defensores, fíxolle un cano a outro e logo na área xutou coa esquerda para bater ao porteiro. O partido encarreirábase de marabilla e ninguén podía sospeitar que o Merlín de Moaña remataría desnortado, expulsado no tempo de desconto por dobre amoestación, tras protestar as decisións do sobrio árbitro francés.

Coa táboa de marcas favorable e oitenta minutos por diante, o Celta perdeu o fol inicial e foise deixando dominar por un Standard que xa puido marcar de forma clara no minuto vinte. A partir de aí os de Berizzo perderon a batalla do medio do campo, onde Wass, Marcelo Díaz e Hernández estiveron moi por baixo do que se podía agardar deles, até que os belgas abafaron completamente aos celestes procurando a mobilidade de Orlando e os remates de Belfodil, que co dorsal 99 nas costas foi un pesadelo para Cabral e Roncaglia. Os belgas puideron empatar cun remate ao pao, tras un saque de falta, mentres que apenas puidemos contabilizar no xogo ofensivo celeste un saque de recanto ensaiado rematado con certo perigo por Pione Sisto. Un pobrísimo balance para un partido que o propio Berizzo consideraba decisivo.

Tras a reanudación non mudou o panorama. Na portaría Rubén continuaba sendo o mellor dos célticos, despexando un xutazo do Belfodil de marras. Por ventura, chegado o minuto 60, Berizzo comprendeu que o seu equipo precisaba bulir, rachar unha inercia que tanto o paralizaba no medio do campo. A entrada de Radoja e o un certo cansazo dos belgas abriu un cuarto de hora no que o Celta recuperou a pelota e o acougo no xogo. Mágoa que Pione Sisto non finalizase mellor unha entrada na área ao xeito de Nolito xutando de volea sobre o pao longo. Mais faltando apenas un cuarto de hora o Standard deixou o seu derradeiro salaio en Balaídos, volveu a carga con todos os seus efectivos e toda a súa enerxía. O empate semellaba que podería chegar en cada arrincada. Rubén fixo outro dos seus incribles paradóns, mais xa non puido cunha cabezada de Mbenza moi axustado sobre o pao dereito, que faltando dez minutos nivelou a táboa de marcas. No tempo dun longo desconto, Sisto puido marcar, pero ao internacional dinamarqués faltoulle para superar ao porteiro, como onte a todo o equipo de Berizzo, un chisco de determinación e confianza nas súas propias posibilidades. Sen dúbida, o de onte foi un claro fracaso celeste, ao que quizais non foi alleo a xestión técnica diletante dun partido que comezou coas mellores luces e rematou nunha negra sombra.