"Merdeiros" de Vigo

Esta noticia de Máis Alá éncheme de ledicia. A volta dos “Merdeiros” a máscara tradicional do Berbés é unha das miñas vellas teimas. Hai sete anos, publiquei o primeiro artigo no Faro sobre esta máscara viguesa dos “merdeiros” ou “escabicheiros” do noso barrio de pescadores, figuras que satirizaban ou parodiaban cruelmente aos campesiños que viñan a Vigo a limpar os pozos negros e recoller o escabiche, os refugallos do peixe no peirao do Berbés, co que estercaban as súas leiras. Unha máscara desaparecida a partir de 1936, que pretendía ridiculizar de forma festiva, e algunhas veces provocadora, aos campesiños nun ambiente netamente mariñeiro.
Tivemos noticia dela pola noticia aparecida no libro de Federico Cocho que recollía a descrición realizada por Vicente Risco e debuxada nos traballos etnográficos publicados polo entrañable Xoaquín Lourenzo. A miña proposta foi axiña recollida polo Plan Comunitario de Teis que intentaron reiventar o humilde disfrace de merdeiro: camisa branca arremangada, chaleco e pantalón de pano a xogo, polainas e zapatillas brancas. Máscara de confección ben sinxela que, se seguísemos a descrición de Risco e Lorenzo, debería enriquecerse na parte posterior do chaleco cunha aplicación de tea que, semellante a dos cigarróns ou a dos peliqueiros, representase símbolos astrais ou animais: o sol, a lúa, un burro, un galo, unha galiña… Tampouco habería que esquecer o pucho de pano branco cunha tira vermella ou verde no bordo e un sol ou unha lúa de pano ganduxada no alto.
A imaxinación que se lle queira botar e as novas tecnoloxías da costura e dos tecidos poden levar a insólitas variacións na fasquía desta máscara de entroido, xenuinamente viguesa, que protexía as súas partes co peluxe dunha vasoira ou cunha ristra de cebolas, pendurada dun cordel atado á cintura sobre unha faixa azul, verde ou encarnada. Sen esquecer que non lle pode faltar unha vara ou un farol, que poden ser substituídos polo mango dunha vella vasoira ou por unha verza, xa que gostaban de vagar en solitario polas rúas, choutando, como fan os Troteiros de Bande, diante da xente e botando para diante o seu colgarexo.
Hai dous anos volvimos no Faro sobre a cuestión dando noticia de que a recuperación do disfrace dos merdeiros de Vigo parecía un feito consolidado grazas á iniciativa da Asociación Cultural A Revolta do Casco Vello (Real 32) e ao traballo de investigación e divulgación de Gerardo González: tivemos oportunidade de coñecer a cinco merdeiros trouleando polas rúas do Vigo vello. Este ano 2008, como se pode comprobar na foto, os mozos mozas da Revolta volverán saír este domingo e martes de Entroido. Beizóns, para estes novos escabicheiros!
Estes días daremos outras notas sobre a historia do entroido tradicional vigués.

Etiquetas:

O Carnaval en Galicia

Coincidindo co inicio desta primeira semana do Entroido puxemos nas librarías unha nova edición, totalmente renovada, do Carnaval en Galicia, o libro de Federico Cocho, con magníficas fotografías de Manuel G. Vicente, que percorre as manifestacións e a xeografía do noso entroido tradicional, tanto rural como urbano: os Momos e Mecos, os Felos de Maceda, os míticos Cigarróns, os Troiteiros de Bande, os rechamantes Xenerais do Ulla, os Merdeiros de Vigo, Peliqueiros, Pantallas, Tamborradas de Viana do Bolo, Foleiros de Sande, Marfois, Choqueiros, Zarrampallos, Madamas e Galáns de Cobres… E tamén a rica tradición do carnaval nas vilas e cidades: o Urco e o Ravachol de Pontevedra, os apropósitos coruñeses… Un libro ben xeitoso para estes días de xoldra.

Etiquetas:

Samaín: imposición ou impostura

Mario pedía nun comentario unha anotación sobre Samaín, para volver sobre o animado debate do pasado ano. Onte, vendo as desconexións locais na canle internacional da TVG (un exercicio moi interesante) puiden comprobar que a festa renace con pulo en toda Galicia, sendo múltiples as iniciativas, sobre todo no eido escolar. Mais, tras o artigo de hoxe de Ferrín, o debate volve estar sobre a mesa. Velaí como remata o texto (recomendo lelo completo) do mestre quen, como ben sabemos, non é un celtista convencido:

“O que nos di claramente que a festividade das bruxas e dos espíritos é unha reivención recente tamén en Escocia e Irlanda. A Festa foi lanzada unha vez adoptada como “tópico situacional” polo cine e a televisión norteamericana, que impuxeron Halloweein ao mundo en catro patadas e o mundo obedeceu, como é regra, ao Imperio. En rigor, até onte mesmo, no universo anglosaxón Hallowe´en ou Halloween ou Allhallows era só formas, e non as máis usuais, de designar a festividade realixiosa de Todos os Santos.
A noite de Halloween, do 31 de Outubro ao 1 de Santos, recibe en irlandés moderno, incluido o gaélico de Escocia, o nome de Samain. Aplícase (como en galego Santos) á festa de Todos os Santos e ao mes de Novembro. Do irlandés antigo Samana, a palabra, de raíz indoeuropea moi rendedoira significa orixinalmente algo así como “reunión, asemblea”. Non sabemos se a reunión de Todo os Santos que van en plan Santa Compaña facendo machin-in animados pola voz augardenosa de Louis Amstrong ou ben da reaunión da parroquia dos vivos coa dos nosos defuntiños. O caso é que existe hoxe en Galicia unha corrente ideolóxica celtista que pretende que o Samain ou Samhainn ou Oidche Shamhna, lonxe de ser algo exótico e irlandés ou escocés, constitúe unha celebración auténticamente galega (por celta) e da cal xa se teñen, tendo Ortigueira como punto de irradiación, escrito e difundido unidades didácticas nas escolas.
Vexa como, no tempo dun alustre, un costume imposto polo imperialismo norteamericano (Halloween) se transforma nunha falsa tradición céltica galega. Ou sexa=dunha imposición a unha impostura.”

Etiquetas:

Festas fracas

No artigo da semana volvo sobre a miña teima coa calidade do programa das festas de Vigo. A pesar do concerto dos Arctic Monkeys (gustei moito desta actuación en Castrelos dos indies de Shiffield) e do ciclo de cine ao aire libre Realidade 07, a liña continuista e rutineira do programa é decepcionante. Non entendo, tampouco, a teimosía do novo goberno de coalición de chamalas “Festas do Cristo”, un nome relixioso que non ten tradición ningunha en Vigo. Non perdo a esperanza de que poidan mudar de orientación o videiro ano.

Etiquetas: ,

A Coca rende

No artigo da semana propoño a recuperación da festa da Coca como parte do noso patrimonio inmaterial da humanidade. Un esforzo no que deben implicarse as autoridades do goberno de Redondela e da Consellaría de Cultura.

Etiquetas: Coca

Tempo de castañas

No artigo da semana, ao abeiro do tempo de Samaín e Magostos, abordo a proposta de conseguir para a Castaña de Galicia unha Indicación Xeográfica de Calidade. Outra forma de abordar a recuperación do noso medio rural.

Foto: Fraga de Catasós.

Tempo de Samaín

Rafael López Loureiro, autor de Samaín, a festa das caliveiras , e animador da recuperación do Samaín na vila de Cedeira, xa demostrou hai tempo o carácter galego desta festa que, moitas veces asociada ás de Santos e Defuntos, existía por todo o noso país ata hai menos de trinta anos.
Recuperar ou reinventar esta tradición do Samaín, desde os centros escolares de primaria e secundaria, pode ser unha boa estratexia educativa para defender un patrimonio inmaterial que todos debemos conservar e mimar.
Festexemos neste tempo de Samaín a fadas, trasnos e o resto de seres dos nosos seres míticos, exaltemos a nosa terra farturenta en humildes cabazas, tallemos con elas caveiras e acendamos candeas para tratar de escorrentar a tantos demos e bruxas que nos axexan.

Etiquetas:

Pobres festas

No artigo da semana critico o “programa” de concertos das festas de Vigo. Unha tristeza máis provocada pola anemia política da cidade revolcada.

Etiquetas: ,