Suso de Toro en Bos Aires
/en Autores, Entrevistas/por bretemas
Débora fai unha magnífica crónica da presenza de Suso de Toro en Bos Aires. Complétase con estoutra (tamén interesantísima) entrevista en Vieiros. Está cada vez máis clara a necesidade de que os nosos autores e autoras teñan contacto directo coa Diáspora galega. É impresindible rexenerar este tecido que nos une no proxecto común da nación.
Alvarellos: 30 anos de edición en Galicia
/en Beizóns, Editores, Efemérides, Entrevistas/por bretemas
A editorial Alvarellos celebra os seus trinta anos de traballos cun interesante libro conmemorativo no que Quique tivo a deferencia de incluír un meu traballo sobre a evolución da edición galega nos últimos trinta anos. Ten moita razón o editor actual cando expresa que cando comezou o seu pai “a edición era unha tarefa artesanal e hoxe é unha industria cultural”. O chimpo que demos durante este período foi de xigante, non só polo aumento do número de títulos (pasaamos de 187 a 1.800), senón e sobre todo, pola profesionalización do sector e polo aumento do número de lectores e lectoras en galegos. Con todo, para proseguir a nosa actividade os editores galegos seguimos precisando dos azos de fantasía que moveron a xente como don Enrique Alvarellos, cando fundou unha pequena editorial para publicar libros en galego. Beizóns para o traballo de Alvarellos nestes trinta anos! Que veñan moitos libros!
Entrevista a Álvaro Cunqueiro
/en Autores, Entrevistas, Vídeos/por bretemasEsta longa entrevista con Álvaro Cunqueiro (máis dunha hora), realizada en 1978 por TVE no seu programa A fondo, merece ser arquivada. Un documento didáctico e literario moi valioso. As marabillas da rede!
Vía Valadés.
Entrevistas a Agustín Fernández Paz
/en Autores, Entrevistas, Internet/por bretemas
Volve actualizarse o web de + Internet + Galego + Futuro (formidable!). Entre os moitos contidos de interese atopo esta entrevista con Agustín Fernández Paz. O autor de Cartas de inverno aborda o papel de Internet para a lingua e para a nosa creación literaria e confésase “vicioso dos blogs” e usuario de Skype. Ademais, esta fin de semana, Agustín ten outra entrevista na sección “Os favoritos” de Culturagalega.org (con recomendacións de blogs e webs moi intereantes). Dúas pezas para compartir.
"Os libros arden mal", Premio da Crítica Galicia e Premio Losada Diéguez
/en Autores, Entrevistas, Narrativa, Premios, Xerais/por bretemas
Non hai dúbida ningunha que, despois do éxito de vendas e lectores, a recepción da crítica d’ Os libros arden mal tamén está sendo apabullante. Onte, nun mesmo día, recibiu outros senllos premios, o Losada Diéguez de creación e o da Crítica Galicia (a crónica dende dentro do xurado de Marcos Valcárcel é moi significativa do que alí pasou).
Estes dous novos recoñecementos únense ao premio Ánxel Casal 2006 dos editores, ao Irmandade do libro 2007 dos libreiros galegos, ao Premio da Crítica 2007, ao Premio do Gremio de libreros de Madrid e ao Premio Cálamo 2006.
Novos parabéns para Manolo que hoxe está na Feira do libro de Bos Aires (con importante presenza nos medios porteños) presentando novela tan premiada e recoñecida.
Entrevista con Rivas en Vieiros, realizada por Débora Campos en Bos Aires.
Crónica de Fíos Invisibles da presenza de Manolo na Feira do Libro de Bos Aires e na Federación de Sociedades Galegas. Lectura moi recomendable.
Entrevista a Xabier P. Docampo
/en Autores, Entrevistas, Literatura infantil e xuvenil, Narrativa, Política/por bretemas
Interesantísima esta entrevista a Xabier P. Docampo. Como moi ben sinala Xavier Cordal, o mestre fala “o idioma da sabedoría, do afecto e da rebelión”.
Anoto algúns fragmentos das súas respostas nunha entrevista que é desas poucas para arquivar e compartir:
- “A orixe do feito literario está na palabra e esta é a esencia da oralidade. Calquera texto, por moi afastado que pareza estar do oral, aprehendémolo coma un resoar interior, coma un eco que nos vén dalgures… “
- “Hai un momento no proceso da escritura no que entras nunha voráxine narrativa que te invade e te impulsa, nese momento tes a sensación de estar escribindo ao ditado dese son ou dese eco que chega a ti desde o demo sabe onde, e faino con palabras.”
- “A aparición dunha literatura infantil e xuvenil galega tan vizosa e importante, relaciónase –non unicamente, pero entre outras cousas– moi directamente co compromiso coa lingua dos autores e autoras. E iso forma parte dun claro compromiso co pobo galego, entendendo esta expresión como o desexo de explicar o que somos e a que aspiramos. “
- “O máis alto compromiso do escritor ten que ser coa literatura, sen iso non é posible ningún outro.”
- “Vexo con dolor como todo aquilo que podería ser a base dunha nación que arma un futuro de seu, agricultura e gandaría, pesca, paisaxe, recursos naturais… foi destruído ou está a ser rapinado e, ademais, a industria que debería servir de compensación está ameazada de deslocación. Entrementres o noso capital espiritual: fala, tradición, historia… vaise precarizando. Os actuais son tempos de grandes decisións, desas que damos en cualificar como históricas; nelas, na súa aparición, reside a miña esperanza de optimismo.”
"Diario do impostor"
/en Autores, Cine, Entrevistas, Narrativa, Novidades, Presentacións, Xerais/por bretemas
Onte presentamos na Coruña Diario do impostor, a primeira novela de Héctor Carré. A presentación correu a cargo de Miguel Anxo Fernández quen iniciou a súa intervención de forma moi contundente: “paseino como dios lendo esta comedia; é divertídisima; vai ser un auténtico libro de texto para os meus alumnos e alumnas de Comunicación Audiovisual”. A continuación sinalou que nunca se escribira un literatura galega e, tampouco, na española, unha obra coma este que ten o cine como argumento principal. “A novela de Carré hai moito humor e un grande pesimismo sobre o que está acontecendo no mundo do cine”. Miguel Anxo rematou as súas palabras salientando que Carré continúa a tradición do malogrado Chano Piñeiro de achegar o mundo do cine ao das letras. “Esta é unha novela para recomendar”, finalizou.
Héctor Carré iniciou o seu discurso sinalando que intentara poñerse nos ollos dun espectador para que coñecese como se fan as películas. “Esta era unha historia que merecía ser contada nunha novela”. “O personaxe do impostor, Onofre García (o nome é unha homenaxe a Eduardo Mendoza), levoume á comedia, un xénero que esixe estar moi conectado coa realidade. Na miña novela novela todo o que ten que ver co cine son cousas reais”.
Actualización (28-04-2007): Albino Mallo publica en Galicia hoxe esta entrevista con Carré realizada o día da presentación.
A presentación de Silverio
/en Autores, Entrevistas, Narrativa, Novidades, Presentacións, Xerais/por bretemas
O venres á noite a presentación da novela de Silverio Cerradelo ateigou a Galería Sargadelos de Barcelona. Máis de oitenta persoas seguiron con atención emocionante as intervencións da profesora Sabela Labraña e do autor limiao. Un grande éxito, como o do resto das actividades desta semana das letras galegas que se ven desenvolvendo con motivo do Sant Jordi. Alí estaban Helena González, Manuel Mandianes, Xosé Lois García, Xesús González Gómez, Camilo Valdeorras, entre outros moitos membros da comunidade literaria galega en Barcelona, acompañando na súa estrea ao gañador do Terra de Melide 2006.Pola súa banda, Silverio Cerradelo, tras expresar a súa satisfacción polo desenvolvemento do acto, sinalou que era consciente que a súa novela era moi atrevida, tratándose da historia dun amor transgresor coa que quedara emocionalmente moi vencellado. Explicou que o seu xeito de escribir era reescribir, sobre todo grazas á enerxía que lle supoñía facelo en galego. “Para min isto é moi emocionante. Escribo en galego, sendo consciente do papel da nosa lingua, por razóns emotivas e afectivas”.
Tras unha lectura de varios parágrafos da novela por parte dun Silverio moi emocionado, abriuse unha quenda de intervencións. Entre elas, a profesora Helena González manifestou a súa ledicia pola presentación salientando “o erotismo absolutamente impactante da novela do Silverio”.
Unha presentación impactante e emocionante. Unha fermosa noite barcelonesa ás portas do Sant Jordi.
Actualización (29-04-2007): Entrevista con Silverio na Voz de Galicia.
Moda violeta
/en Críticas, Entrevistas/por bretemas
Esta interesante entrevista coa profesora Helena González dá moito que pensar sobre as categorías que a crítica académica emprega para analizar o mundo editorial galego. Existe unha “moda violeta” xestionada por quen controla a nosa edición?

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
Liñas de galego3 de Decembro de 2025 - 9:30 a.m.
Marconi nas Rías Baixas2 de Decembro de 2025 - 5:45 p.m.
Entrevista en Biosbardia2 de Decembro de 2025 - 5:32 p.m.
Dous días negros1 de Decembro de 2025 - 9:19 a.m.
Entropía26 de Novembro de 2025 - 10:53 a.m.







