Iniciativa Man de Camelle

Oportunísima a páxina de hoxe de La Voz de Galicia recordando o cuarto aniversario do falecemento de Man de Camelle. É inxustificable o esquezo por parte das institucións públicas galegas (dende a Consellaría de Cultura, a Deputación da Coruña ata o propio concello de Camariñas) dunha figura que simbolizou, como poucas, a comunión do home co mar e a coherencia radical dunha persoa coa súa conciencia. Poñer en valor o legado artístico do seu Museo, como reivindica Xoán Abeleira no seu libro e como esixen os milleiros de asinantes da Iniciativa Man de Camelle, é un acto de estrita xustiza e de autoestima da sociedade galega que se mobilizou contra o chapapote. Man merece non ser esquecido.

Etiquetas: ,

Tempo de Samaín

Rafael López Loureiro, autor de Samaín, a festa das caliveiras , e animador da recuperación do Samaín na vila de Cedeira, xa demostrou hai tempo o carácter galego desta festa que, moitas veces asociada ás de Santos e Defuntos, existía por todo o noso país ata hai menos de trinta anos.
Recuperar ou reinventar esta tradición do Samaín, desde os centros escolares de primaria e secundaria, pode ser unha boa estratexia educativa para defender un patrimonio inmaterial que todos debemos conservar e mimar.
Festexemos neste tempo de Samaín a fadas, trasnos e o resto de seres dos nosos seres míticos, exaltemos a nosa terra farturenta en humildes cabazas, tallemos con elas caveiras e acendamos candeas para tratar de escorrentar a tantos demos e bruxas que nos axexan.

Etiquetas:

Ler, saber, facer

O Día Internacional da Biblioteca Escolar celébrase este ano baixo o lema “Ler, saber, facer”. Recomendo baixar o documento PDF elaborado pola Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellaría de Educación, no que se dá conta das características da efémeride en Galicia e se suxiren moitas actividades para realizar nas Bibliotecas dos centros educativos, durante o día de hoxe ou durante esta semana, co obxectivo de facer visible a biblioteca escolar na sociedade.

Día Internacional das Bibliotecas Escolares

Mañá, cuarto luns de outubro, celébrase o Día Internacional da Biblioteca Escolar. Esta efeméride, iniciada en 1999 e convocada pola Asociación Internacional de Bibliotecarios Escolares (IASL), pretende sensibilizar á sociedade sobre a importancia da biblioteca escolar como recurso fundamental no proceso de ensino-aprendizaxe e impulsar a súa presenza na institución escolar.
Nesta pasada semana celebrouse o Iº Congreso nacional de Bibliotecas Escolares en Salamanca do que Antonio Tejero ofrece unha magnífica crónica. Quedei con dúas das afirmacións que el recolle sobre a definición da Biblioteca Escolar que ben poderían orientar a celebración da efeméride mañá:

  • Lugar central das aprendizaxes, centro de recursos para todas as áreas (Alejandro Tiana, Secretario Xeral do Ministerio de Educación).
  • Un centro educativo é un conxunto organizado de aulas entorno a unha biblioteca (Lourence H. Das).

25 anos do Xurelo

O pasado sábado celebrouse en Ribeira un acto con motivo do XXV aniversario da primeira viaxe do Xurelo. Aquela expedición, promovida pola nosa emerxente Esquerda Galega e por algúns membros de grupos ecoloxistas, con motivo de tratar de impedir os verquidos radiactivos a 750 quilómetros da nosa costa, foi a primeira mobilización en defensa do mar de Galicia. Anos despois, Agustín Fernández Paz escribiu unha fermosa homenaxe literaria, convertida polo apoio dos lectores nun dos referentes da nosa literatura infantil.
Os valentes expedicionarios do Xurelo amosaron que tamén era posible en Galicia un novo xeito de entender a participación política e social. Aquelas mobilizacións, que duraron tres anos (incluída a primeira manifestación galega en Bruxelas), conseguiron impedir o funcionamento do cemiterio nuclear previsto e a prohibición internacional de verquidos radiactivos na chamada Fosa Atlántica. Estou seguro de que a resposta cívica do Prestige nunca se tería producido sen este humilde precedente.
Os heroes do arco da vella do Xurelo merecen hoxe o noso recordo e maior agradecemento.

(Foto: Xosé Castro)
Actualización (27-09-2006): Magnífico o o poema de Sara Jess.
Actualización (30-09-2006): Rúa do sol (un blog mariñeiro que non coñecía ata hoxe) publica un post moi esclarecedor sobre a expedición, identificando o nome de todos os participantes. Outra proba de como na rede podemos ir tecendo a memoria.
2ª Actualización (30-09-2006): o xogo das diferenzas entre as fotos que propón Josito é xenial. Na foto publicada tiraron pola borda ao pobre Xurxo Lobato. É incrible!


Actualización (01-10-2006): vía Depósito atopo a fotografía da mesa da homenaxe.

Actualización (09-10-2006): O fotógrafo Xosé Castro escribiume para indicarme que é o autor da foto da expedición, solicitándome que o fixera constar (como aquí facemos). Indica, tamén, que a foto foi sacada en automático, sendo el o primeiro pola esquerda agachado. Xosé Castro cubriu a información fotográfica para La Voz de Galicia, mentres que Xesús Naya ocupouse da información textual. Quedan recollidas, pois, as precisións.

Etiquetas: ,

Federico García Lorca en Lugo

Dediquei boa parte da tarde a revisar as primeiras probas do que será o próximo libro de Alonso Montero, Anxel Fole, García Lorca e os Seis poemas galegos. Trátase dunha edición moi actualizada dun traballo anterior do Profesor, que será editada polo Concello de Lugo con motivo dos actos que o Foro pola Memoria Republicana de Galicia organizará en Lugo o vindeiro 28 de outubro, para lembrar a celebración do noventa aniversario da primeria visita de Federico á cidade da muralla.
Este novo traballo do Profesor (estamos preparando, tamén, a edición do seu groso volume Intelectuais marxistas e comunistas en Galicia. 1906-2006) deita unha mirada moi esclarecedora sobre as presenzas lorquianas en Galicia e sobre as motivacións, o proceso de escrita, a edición e a recepción dos famosos Seis poemas galegos.
Particular interese tivo para min a lectura do testemuño de Francisco Lamas (membro destacado da revista Yunque que dirixía Fole) que afirma que Federico escribiu en media hora, o 22 de novembro de 1932, o seu primeiro poema en galego, na trastenda dun comercio de gramolas que tiña en Lugo Luís Manteiga. Interesante, aínda que achegando unha versión diferente, é tamén o testemuño de José López Cabanillas, que relata o acontecido naquela mesma noite de Federico en Lugo, despois de pronunciar unha conferencia sobre a pintora María Blanchard, afirmando que o poema foi redactado na casa de Ramón Martínez López, despois de que Federico recitase o “Rey de Harlem” (unha marabilla!) e algúns outros poemas que logo se publicarían de forma póstuma en Poeta en Nueva York. Fose nun sitio ou noutro, o que non hai dúbida é que aqueles primeiros versos lorquianos do Madrigal agromaron en Lugo, como testemuña a copia autógrafa de Federico (que reproducimos no volume) e que quedou en poder (como unha alfaia) de Francisco Lamas.
Outra importante novidade do volume, froito do traballo de furón de biblioteca do Profesor, é a recuperación da reseña de Roberto Blanco Torres (publicada en El País de Pontevedra en febreiro do 36, apenas seis meses antes de que fose cuneteado) sobre a aparición dos Seis poemas galegos. Con todo, o famoso texto de Álvaro Cunqueiro (“Poesía, craridade”), publicado en El Pueblo Gallego (tamén en febreiro do 36), constitúe unha das máis fermosas críticas sobre poesía galega que teño lido. Eis un dos parágrafos máis luminosos (dos que a actual crítica galega debería tomar boa nota):

Federico García Lorca regálanos oxe con seis poemas galegos que son gaita, nadal i-outras frescuras. A lingua anterga il apremia profonda e di con ela a i-alma finísima. Aquela ágoa que non desemboca, aquel mirar que tanto mira. I-a nosa lingua apenas tivo nunca de estraño galano maior. Eu amo no verso de Federico García Lorca a lixeireza do mundo, a lediza das froles, o amor perdido das cantigas, o decir romántico das formas i-o antiguor esmerado e fermoso. Festa é oxe na pequena lingua d-a dozura i-a craridade diste verso nos goza a todos.

Escolla para o Blog day

Creo que a efeméride de hoxe debe axudar a ampliar a nosa mirada sobre a rede. Eis a miña escolla de cinco sitios:
  • Mirá, sitio do arxentino Julian Gallo, sempre sorprende a súa mirada sobre o mundo da comunicación.
  • Libreros, sitio do libreiro caraqueño Roger Michelena, ofrece fermosas imaxes e reflexións sobre a lectura e o libro.
  • tíscar, sitio de Tiscar Lara profesora de xornalismo da Universidade Carlos III, propón unha reflexión orixinal sobre blogs, educación e xornalismo.
  • Lousa digital, sitio da profesora paulistana Sonia Bertocchi, espazo para a reflexión colectiva sobre o uso educativo de Internet.
  • Another 52 books, sitio de Bibliophile, unha rapaza de Reykjvik, que se propuxo o reto de ler un libro cada semana e publicar comentarios críticos sobre a súa lectura. Ten outros dous blogs sobre Islandia ben curriños.
Recomendo, tamén, a escolla que co motivo da xornada fixeron Ana Bande (oportunísimas as referencias aos artistas e as bibliotecas libanesas), Txetxu (unha auténtica gozada os cinco enlaces) e Torredebabel (quen nos descubre o magnífico blog de Cobiñas). Unha oportunidade para tecer a rede da lectura.

Actualización: (1 de setembro de 2006): novas escollas: A dorfunteca (moi interesante a súa escolla de cinco sitios sobre Galicia escritos dende fóra), Opaco (sobre os blogomilhino, catro miúdos ao que hai que engadir ao Lois), Libreros (ferido de líbrido).

(A ilustración corresponde ao artista libanés Mazen Kerbaj.)

Etiquetas: BlogDay2006

Preparando o Blog day

Na reportaxe sobre os blogomillo con motivo do Blog day de mañá 31 de agosto chamoume a atención a opinión do escritor Xabier Cid valorando que o “blogomillo xa non pode ir a máis” e propoñendo unha evolución cara a produción multimedia. Creo que Cid, un dos nosos profesionais pioneiros na edición electrónica, acerta de cheo. A comunidade blogueira galega de hoxe non é a de hai un ano. Hai moitos máis blogs e máis diversos, hai menos enlaces entre eles e, quizais, menos entusiasmo comunitario. Non hai dúbida de que a irrupción durante este ano do fenómeno you tube e no caso galego do chuza (referencia ineludible para todos) modificaron a escrita e a lectura no blogomillo. Como teño sinalado noutras ocasións, entendo que a clave non está no actual soporte blog (moi enriquecido dende que apareceu hai apenas cinco anos), senón nas posibilidades de comunicación e creación do que Cassany denomina literacidade (crítica) e electrónica.

A pesar das mudanzas que se albiscan no horizonte do fenómeno blog, creo que non está de máis celebrar este terceiro Blog day. Recollo de Daniel Duende a información sobre a xornada e as instrucións para participar.

O que é o BlogDay?
BlogDay foi criado na convicção de que os bloggers deverão ter um dia dedicado ao conhecimento de novos blogs, de outros países ou áreas de interesse. Nesse dia os bloggers recomendarão novos blogs aos seus visitantes e visitarão blogs recomendados por outros blogueiros participantes, para alargar seus horizontes e criar novas conexões na blogosfera.

O que acontecerá no BlogDay?
Durante o dia 31 de Agosto, bloggers de todo o mundo farão um post recomendando novos blogs a serem visitados. Blogs estes que, de preferência, representem uma cultura, ponto de vista ou atitude diferentes do seu próprio blog. Nesse dia, os leitores de blogs poderão navegar e descobrir blogs desconhecidos, celebrando a descoberta de novas pessoas e novos bloggers e criando novos links na blogosfera mundial.

Instruções para o BlogDay:
1. Liste cinco novos Blogs que você ache interessantes.
2. Notifique por email esses cinco bloggers de que serão recomendados por você no BlogDay 2006.
3. Escreva uma pequena descrição dos blogs e o link para eles.
4. Publique no BlogDay (no dia 31 de Agosto) esse post.
5. Junte a tag do BlogDay usando este link: http://technorati.com/tag/BlogDay2006 e um link para o site do BlogDay: http://www.blogday.org/

Etiquetas: Blog day

María Mariño

Un dos momentos máis emocionantes que vivín estes días foi comprobar a gratitude que as herdeiras de María Mariño sentiron polo nomeamento da noiesa do Caurel como figura homenaxeada nas Letras 2007. As catro sobriñas da poeta, xa bastante maiores, viven en Madrid e Euskadi (onde tamén chegou a emigrar a nosa “poeta dinamiteira da linguaxe” antes de casar con Roberto Posse Carballido, mestre de Parada do Caurel). Maite Martín Barrenechea, a sobriña neta e voceiro da familia, díxome que están moi orgullosas de descubrir as súas raíces na fala nosa.

O nomeamento de María Mariño –coincidindo co centenario do seu nacemento e o corenta cabodano do seu pasamento– é unha boa oportunidade, tamén, para que a sociedade galega descubra unha voz ignorada que para Ferrín, nun artigo publicado en La Noche en 1964, é unha “poeta abisal, posuidora dunhas vivencias líricas en nivel máximo”. Creo que o vindeiro 17 de maio asistiremos a un importante pulo desta efeméride tantas veces criticada.

Etiquetas: , ,