2 solucións para un problema
Abbas Kiarostami (1975).
Envíamo un bo amigo como homenaxe a Suso Jares.
Abbas Kiarostami (1975).
Envíamo un bo amigo como homenaxe a Suso Jares.
No artigo da semana publico unha lembranza de Suso Jares. Ao longo da semana foron aparecendo diversos textos no seu recordo: os dous artigos de Marcos Valcárcel e a anotación e os comentarios no seu blog; a anotación do noso amigo Manuel Area Moreira (profesor de Tecnoloxía da educación da Universidade da Laguna); a de Klimta, a de Francisco Castro e os seus comentarios, o artigo de María Reimóndez an edición impresa d’ A Nosa Terra e os comentarios que deixaron os profesores Gloria Ramírez, JM. Alonso Muñiz e José Tuvilla Rayo no xerais blog… A todos eles o noso maior agradecemento polas súas palabras.
Actualización (06-10-2008): artigo de Xosé María Palmeiro, anotación de Bouzafría, condolencias da Coordinadora Galega de ONGD.
«Dende hai varios anos, Suso libraba con enorme serenidade unha difícilísma partida, na que seguiu ofrecendo aos seus seres máis queridos un modelo de dignidade e serenidade humana, e como tal, morreu cos brazos abertos, aloumiñando e amando a vida, consolándonos con provisións enormes de coraxe, sementando camiños de paz e gromos da tenrura e da esperanza polas que loitou ao longo dos seus cincuenta e tres anos.* Fragmento do texto lido na cerimonia civil do 28-09-2008 en lembranza de Xes
ús R. Jares.
Conferencia de Xesús R. Jares sobre «Educación para o conflicto» no Congreso de Convivencia de Gasteiz.
Estou enormemente conmocionado xa que hai só unhas horas que faleceu o meu amigo Xesús R. Jares, fundador de Educadores pola Paz de Nova Escola Galega. Suso sempre foi un modelo de dignidade e, como tal, morreu cos brazos abertos á vida, ofrecéndonos a tenrura e a esperanza pola que loitou toda a súa vida. O acto civil na súa memoria terá lugar hoxe domingo ás 20:00 horas no Vigomemorial. Con todos os nosos abrazos para Paz e Sira.
No artigo da semana reflexiono sobre a implantación das tres materias de «Educación para a Cidadanía» que para min teñen como obxectivo primeiro o desenvolvemento dunha cultura democrática.
Galicia hoxe publica unha entrevista con Xosé Lastra Muruais, presidente de Nova Escola Galega, con motivo do vinte e cinco aniversario do noso movemento de renovación pedagóxica. Esta é unha efeméride que para min non pode pasar desapercibida. A miña vida profesional, tanto como docente, pedagogo e editor non se pode entender sen Nova Escola Galega, un colectivo de medio milleiro de profesionais da educación soñadores que, dende eidos diferentes (a escola, a universidade, os concellos, a edición educativa privada ou dende a merecida xubilación) seguimos teimando na procura da escola galega das pombas. Ten moita razón Lastra cando amosa a vixencia do noso proxecto, continuamos acometendo “unha acción decidida, autónoma e favorable á causa da educación pública e democrática, laica, galeguizadora e socialmente integradora, amais de respectuosa co pluralismo democrático”. Nestes vinte e cinco anos, mudaron moito a escola e a sociedade galega, porén continúa a nosa teima pola construción dunha escola pública galega. O vindeiro 29 de novembro estaremos no Museo Pedagóxico Galego para celebrar este primeiro século de angueira, o que é dicir unha parte vital das nosas vidas.
Actualización (20-06-2008): afortunadamente hoxe o Consello da Xunta aprobou o decreto de currículum.
A de onte foi unha noite moi emocionante e memorable. Un milleiro de persoas (1000, non me trabuquei) ateigaron o Teatro Caixanova para participar no Serán pola paz, onde presentamos os dous primeiros volumes da triloxía Educación e paz e celebramos o 25 aniversario de Educadores pola Paz. A presentación de Manolo Romón foi magnífica. Os discursos institucionais interesantes (especialmente o do alcalde Abel Caballero, que apostou por unha cultura de paz laica e pcomprometida). As intervencións dos autores dos libros acaídas (algunhas como as do teólogo Tamayo e o vicerreitor da Universidade de Lisboa, Luis Moita, extraordinarias). As lecturas dos poetas galegos e portugueses potentes. E as actuacións musicais memorables: Abe Rábade virtuoso, Uxía (a sorpresa non prevista no programa) saudosa e entrañable, e Berrogüetto (xa con Xavier Díaz) impresionante.
Porén, e a pesar de todo o expresado (o acto alongouse durante tres horas), o verdadeiramente importante desta noite inesquecible foi a homenaxe que todos lle rendemos á figura de Xesús R. Jares, ese orfebre da cultura de paz. Suso é unha autoridade mundial en Educación para a Paz, como puidemos comprobar pola presenza no acto de persoas chegadas de Latinoamérica (México, Colombia e Chile) e de diversos lugares da península coa única intención de abrazalo e expresarlle o seu recoñecemento. Ao longo da noite, eu que son un sentimental incorrixible, non puiden evitar quedar invadido polas saudades de hai vinte e cinco anos, cando os dous tiñamos arredor de vinte e cinco anos, e desde o grupiño de Nova Escola Galega de Vigo abrimos este vieiro de loita contra o conformismo e a desesperanza no eido educativo. Con todas as beizóns para Suso Jares.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
