Bibliotecas, Lectura, Edición (Conclusións)

Quedáronnos atrás as conclusións elaboradas pola AGE tras o IIIº Simposio O Libro e a lectura. Reproducímolas polo seu indubidable interese:
  1. A práctica lectora configúrase dende hai tempo coma un dos termómetros básicos para medir o nivel de desenvolvemento social, económico, político e cultural das sociedades. O acceso aos libros por parte da cidadanía é unha necesidade obxectiva que cómpre atender axeitadamente. O libro e a lectura son axentes básicos de socialización e, por tanto, elementos fundamentais na construción dunha Galicia nova.
  2. A lectura pública é un servizo necesario que a Administración e os poderes públicos deben considerar dun xeito regular e constante nos seus planos estratéxicos. Tal servizo, con carácter universal e igualitario, debe atinxir á totalidade da poboación, por riba de diferencias sociais, económicas, ambientais, culturais ou xeográficas, xa que está profundamente vencellado á formación do capital humano, á cualidade democrática e participativa dos individuos e das sociedades, e á capacidade de desenvolvemento das mesmas.
  3. Os arredor de 430 puntos de lectura que constitúen na actualidade a rede de Bibliotecas Públicas de Galicia non están suficientemente dotados. O 45% dos fondos bibliotecarios quedaron hai tempo obsoletos. Os recursos económicos para a adquisición de libros está moi por debaixo das medias europeas e mesmo da media española. Cómpre unha actuación decidida na dotación de recursos bibliotecarios, e cómpre facelo dun xeito constante e anual, contando cos profesionais da lectura pública, e integrados nos orzamentos das consellerías correspondentes.
  4. Sen unha xeitada rede de servizo de lectura pública, dotada de espazos, persoal cualificado e medios, tal como sucede nas sociedades desenvolvidas do noso contorno, non parece posible un deseño de modernización da sociedade galega consonte as necesidades do século XXI.
  5. Complementarias ás Bibliotecas Públicas son as Bibliotecas Escolares, factor capital no desenvolvemento dun sistema educativo renovado e homologable a outros modelos do noso contorno. Conscientes de que os pasos a dar deben ser progresivos, invitamos aos poderes públicos a un pronunciamento decidido a prol da dotación de recursos dentro do sistema: bibliotecas escolares, ben dotadas e ben atendidas, en todos os centros docentes sen exclusión, como parte da estratexia educativa; centros de documentación, información e acceso ao coñecemento, dirixidos moi especialmente ás novas xeracións. Consideramos necesaria, xa que logo, a creación dun corpo de profesionais especializados neste tipo de servizo dentro dos centros, conectados en rede nun programa xeral de aproveitamento de recursos e documentos, non só para o soporte tradicional do libros senón en todo canto atinxe ás Novas Tecnoloxías (TIC).
  6. Dende a Asociación Galega de Editores ofrecemos os nosos servizos, atencións, coñecementos e apoios, ás iniciativas de desenvolvemento e fortalecemento da rede bibliotecaria e das estratexias a prol de animación á lectura, conscientes da súa importancia na construción dunha Galicia instalada de seu nas necesidades do século.
    Asumimos como reto a necesidade de diversificar as nosas liñas editoriais, mesmo abríndonos aos novos soportes da edición, posibilitando deste xeito o fornecemento á rede bibliotecaria dos materiais necesarios en lingua galega.
    O coñecemento dos novos soportes de edición e as súas posibilidades, a busca de solucións imaxinativas que permitan superar atrancos, e a consecución dos apoios necesarios que fagan viables novos proxectos, convértense en tarefa urxente para o sector editorial galego e a industria cultural.
    Apoiamos aos profesionais da biblioteca na procura dun espazo estable dentro do sistema cultural, educativo e de servizos á sociedade, na medida en que son parte decisiva na formación do capital humano e na implementación da Sociedade da Información e o Coñecemento.
    Animamos a implementar decididamente as Novas Tecnoloxías da Comunicación no servizo bilbiotecario, conectándoo cos recursos dispoñibles e mais cos que poidan xurdir, así como co resto dos axentes do libro e a lectura, moi especialmente os libreiros.

    Santiago, 17 de novembro de 2006

Bromera, 20 anos

Bromera celebra esta semana os seus primeiros vinte anos de edición en catalán. O proxecto de Josep Gregori –modelo de editor culto, imaxinativo culto e discreto (como ten que ser)– foi consolidándose devagariño ata converterse nunha referente da nosa edición cultural e educativa, ao tempo que no primeiro editor do País Valenciano.
O modélico traballo de Gregori e do seu equipo (con Joan Garles Girbés na responsabilidade de responsable de edición) demostra que a edición cultural é unha conversa permanente coa nosa contemporaneidade ao servizo dunha cultura e dunha lingua; un feito ou unha fantasía, aínda máis trascendente, cando se publica contracorrente nunha lingua minorizada como as nosas.
A literatura e a edición galega débelle agradecemento aos moitos servizos que a xente de Bromera rendeu á visibilidade da nosa literatura en catalán. Eles foron os primeiros que traduciron a autores galegos como Carlos Casares; foron, tamén, os primeiros que acreditaron en catalán na obra de Agustín Fernández Paz (dende entón un dos máis importantes autores da editorial), Fina Casalderrey, Miguel Vázquez Freire ou Xabier P. Docampo e, máis recentemente os que apostaron polos libros máis recentes de Suso de Toro, ou Marilar Aleixandre. Toda unha proeza.
Ademais Bromera facilitounos a edición dalgúns dos seus títulos para traducilos para o galego e colaborou connosco na edición concertada de proxectos infantís como as coleccións Paseniño ou Andavía, un modelo de xestión e creación editorial que permite ofrecer libros moi xeitosos (preparados por autores e ilustradores procedentes dos diversos países da Galeuscat) a calidades e prezos moi competitivos.
Celebramos o éxito de Bromera (eses mil títulos editados e cinco millóns de exemplares vendidos) co mesmo entusiasmo ca se se tratase dun éxito propio na medida que nos sentimos partícipes do seu concepto de edición cultural. Beizóns e longa vida de libros para BROMERA (que por certo significa “escuma”!!!).

Etiquetas:

Entrevista a Beatriz de Moura

Continúo o proxecto de ir arquivando no blog importantes entrevistas con protagonistas da edición internacional. O pasado domindo El Pais publicaba unha longa entrevista a Beatriz de Moura, a editora e fundadora de Tusquets. De Moura, unha das editoras literarias máis importantes da xeración da “gauche divine” barcelonesa (como tamén Jordi Herralde), nos últimos trinta e oito anos soubo construír un catálogo variadísimo de literatura contemporánea de calidade. Autores con Kundera, Camus, Calvino, Updike, Mankell ou Pinilla (o recente premio nacional de narrativa), entre moitos outros, conforman o seu envexable catálogo.
Escollín algunhas das súas reflexións que me pareceron máis interesantes:

A lectura da editora
A partir del momento en que empecé a leer por obligación, o sea, desde que tuve que leer, primero como lectora para otras editoriales y luego como editora yo misma, la naturaleza misma del placer de la lectura cambió radicalmente. Ya no leí sólo para complacerme a mí o instruirme yo, sino también para complacer e instruir a un lector hipotético que, por encima de mi hombro, empezó a compartir conmigo la lectura del mismo libro. Al principio me costó hacerme a esa presencia fantasmal a mis espaldas, pero hace ya mucho tiempo que me he acostumbrado a ella; tanto, que a veces hasta decide por mí…

Editar a un autor descoñecido
Para publicar el libro de un autor desconocido, éste tiene que entusiasmarme o emocionarme o intrigarme o perturbarme o apasionarme o revelarme algo o sorprenderme o hacerme pensar… no sé. Depende de cada manuscrito. ¡Las lecturas son tan arbitrarias! Nadie hace la misma lectura de un libro. Esto es lo que me fascina de los libros: cada lectura es única y hace único a su lector. ¡Es magnífico!

O consello de Kundera
Milan Kundera me sopló hace ya muchos años otro criterio, bastante más racional que los míos: en principio, descartar los libros difíciles de leer y fáciles de comprender, y, en cambio, prestarles especial atención a los libros fáciles de leer y algo más difíciles de comprender
.

Vía Tirant al cap.

Etiquetas: ,

Solidariedade con Fernán Vello

Aínda que entendo desafortunado o título e o antetítulo desta información, paréceme inadmisible que un concelleiro recrimine en público o lexítimo exercicio da liberdade de expresión dun editor cando presenta un dos seus libros. Cónstame que Fernán Vello expresou as súas opinións (que poden ou non ser compartidas) coa elegancia e a diplomacia que sempre caracteriza a súa actuación. Incidentes como o descrito por Galicia hoxe prodúcennos vergonza, moito máis aínda cando son protagonizados por políticos nacionalistas. Son compatibles semellantes actitudes deste candidato á alcaldía compostelana coa política de rexeneración democrática que pretende encabezar o BNG desde o Goberno Galego?
Expreso a miña solidariedade con Miguel Anxo Fernán Vello, gran editor galego.
Actualización (08-10-2006): Néstor Rego publica hoxe unha importante aclaración sobre os termos do incidente.
Actualización (09-10-2006): Miguel Anxo Fernán Vello publica hoxe un artigo moi clarificador onde explica os termos e o contexto do incidente.
Etiquetas:

Entrevista a Carmen Balcells

Un bo amigo, que nestes días anda en viaxe, fíxome chegar a que di ser a segunda entrevista que lle fixeron a Carmen Balcells. Apabullante a grande señora. Recomendo a lectura vivamente.

Etiquetas: ,

IIIº Simposio "O Libro e a Lectura"

Despois do éxito do pasado ano, estamos ultimando o programa do que será o IIIº Simposio “O Libro e a Lectura” (16 e 17 de novembro de 2006), organizado en Compostela pola AGE en colaboración con CEDRO e a sección de Literatura e Industrias da Edición do Consello da Cultura Galega.
O encontro de 2006, aberto a estudantes e todo tipo de profesionais relacionados co sector do libro e da edición, xirará arredor do lema “Bibliotecas, Lectura e Edición“. Están previstas varias conferencias e mesas redondas sobre a situación bibliotecaria e a lei do libro, a lectura no marco da Reforma Educativa, as bibliotecas escolares e a Reforma Educativa, Bibliotecas e Lectura, Bibliotecas e Novas Tecnoloxías, o canon bibliotecario e a presentación de diversas experiencias de animación bibliotecaria. Axiña anunciaremos o programa definitvo e o nome dos participantes.
Etiquetas: ,

Naceu o DILVE

O nacemento do DILVE (Distribuidor do Libro Español en Venda) é unha noticia esperanzadora. Esta é unha ferramenta informática, baseada en Internet e na tecnoloxía ONIX for Books, que permitirá intercambiar información bibliográfica (tanto comercial como promocional) entre todos os integrantes da cadea de valor da industria do libro (editores, libreiros, distribuidores, bibliotecarios, webs de lectura ou medios de comunicación…). Veremos como funciona. Semella unha oportunidade para visibilizar na rede o enorme catálogo vivo (325.000 títulos) imposible de poder atopar nas librarías.
Unha experiencia que se debería poder emular para o libro galego que conta con apenas nove mil referencias en catálogo. Un proxecto que podería acometer a AGE e a Federación de Libreiros de Galicia en colaboración coa Consellaría de Industria, Innovación e Comercio.

Etiquetas: , ,

A pregunta sobre a dixitalización

Coincidindo co Liber, celebrouse un foro de debate, organizado por Google, sobre O futuro do libro. Se nos atemos ao contido da pregunta de Txetxtu (o vídeo dura apenas dous minutos) a cousa debeu estar moi animada. O debate sobre a dixitalización acaba de comezar no sector editorial en España.
Etiquetas:

Libros sobre libros

Leroy Gutiérrez publica hoxe unha completa recompilación da bibliografía en español sobre a edición e os editores. Engado algunha referencia (do apartado de memorias de editores) que pode ser de interese para completala:
  • Giulio Einaudi en diálogo con Severino Cesari, Anaya/Mario Muchnik, Madrid 1993.
  • Memorias, Carlos Barral, Península, Barcelona 2001.
  • Pasando página. Autores y editores en la España democrática, Sergio Vila-Sanjuán, Destino, Barcelona 2003.
  • La guerra de los planetas. Memorias de un editor. Rafael Borrás Betriu, Ediciones B, Barcelona 2005.
  • Una experiencia editorial, Manuel Aguilar Muñoz, Aguilar, Madrid 1963.
No eido do deseño de libros penso que un título importante é El diseño de libros del pasado, del presente, y tal vez del futuro. La huella de Aldo Manuzio de Enric Satué, Fundación Germán Sánchez Ruipérez, Madrid 1998 (a edición orixinal en catalán publicouna Eumo en 1996). Tamén é importante sinalar que existe unha 2ª edición (2005), ampliada sobre a citada de 1994, do extraordinario Manual de edición y autoedición do prolífico galego José Martínez de Sousa (este é o libro que sempre agasallo a aqueles que comezan a traballar comigo como editores). En francés (onde hai unha abondosa bibliografía sobre a cuestión) son moi útiles dous manuais: Les métiers de l’ edition, Bertrand Legendre, Editions du Cercle da la Librairie, Paris 1996 e Traité pratique d’ edition, Philippe Schuwer, Edition du Cercle da la Librarie, Paris, 1994. Mención á parte merecería a bibliografía sobre a historia do libro e da lectura. Un bonito traballo para completar en comunidade.