Os correctores

O artigo de Moisés sobre os correctores abre un debate ben interesante. Ben se nota que sabe do que fala.

Coñecemento dos homes

A raíz do meu último texto sobre a crítica recibo varios correos privados lamentando o punto tan agre no que se está producindo o debate, ao tempo que valorando o ton prudente e contido das miñas reflexións. Quedo magoado polo desánimo que denotan estes correos de persoas honestas e rigorosas, ás que moito aprezo, que levan traballando arreo para construír entre todos esa fantasía colectiva que supón a edición na nosa lingua. Semella que este consenso do esforzo e do respecto pode perderse, o que sería fatal para o noso futuro.
A este fío, considero que ven ao caso lembrar a opinión de Giulio Einaudi, mestre de editores, sobre a edición como unha tarefa de “coñecemento dos homes“; un traballo onde primaba tanto a intelixencia que alimenta a relación coas persoas como a habilidade no tratamento dos textos. Comparto, dende a miña humildade, que non hai edición cultural posible sen esa dobre dimensión (feito que algúns participantes nesta polémica pouco parecen ponderar); idea que o francotirador de Isaac Díaz Pardo expresou aínda con maior franqueza: boa parte do noso traballo consiste “en templar gaitas e limpar merdas“.
Einaudi tamén apuntou que a tarefa da edición cultural para os vindeiros vinte anos (comentoullo a Severino Cesari en 1991) era a recuperación da felicidade, do entusiasmo. E nesa angueira creo que andamos todos os que labramos (con maior ou menor acerto) este eido, sexamos editores, autores, tradutores ou críticos (académicos ou xornalísticos, inhibidos e desinhibidos). Non perdamos nin a intelixencia na relación entre as persoas nin o respecto profundo que todas nos merecen nin a capacidade de entusiasmarnos co traballo que facemos.

Industria cultural

Nunha recente reunión de editores debatemos sobre o termo “industria cultural”. No excelente blo de Rogerio Santos (obriga consulta, fonte de coñecemento e curiosidade constante) leo o resume dun texto de Ramón Zallo que axuda moito a comprender este concepto no que teimamos tanto os editores galegos.
Para Zallo as industrias culturais serían o “conxunto de ramos, segmentos e actividades auxiliares industriais e distribuidoras de mercadorías con contidos simbólicos, concibidas por un traballo creativo, organizadas por un capital que se valoriza e destinadas finalmente aos mercados de consumo, cunha función de reprodución ideolóxica e social”.
Sob este concepto as industrias culturais serían:
  1. Industrias de edición descontinua, como as editoriais, discográficas, produtoras de cinema, edición audiovisual,
  2. Industrias de produçión e difusión continuas, como a prensa, radio, televisión, que coinciden cos chamados medios de comunicación,
  3. Industrias sen canle autónoma de distribuición e difusión, como a publicidade e a produción audiovisual,
  4. Segmentos tecnoculturais da informática e electrónica, como a informática doméstica e Internet,
  5. Segmentos culturais da industria xeral como deseño gráfico e industrial ou imaxe de produto.

Pois iso, a tomar nota. Temos industrias culturais en lingua galega? Lendo a Zallo, déitome máis optimista.

Editores ágrafos?

Assouline dá conta de dous novos libros de memorias de editores internacionais, o de Tom Maschler, o presidente de Jonathan Cape, e o de Michel Mohrt, o famoso lector de Gallimard. Para o crítico de Le Monde son dous volumes de “anécdotas e máis anécdotas con escasa reflexión”. As memorias de editores, das que son devoto lector, quizais agardando descubrir os segredos da profesión, agochan case todas o mesmo misterio: como persoas que presumiblemente teñen lido tanto, escriben tan pouca substancia?

Cinco retos para o libro

Coñezo por Nelson un novo sitio para os profesionais do libro. É interesante o debate que se propón arredor dos cinco retos do sector do libro e un informe sobre a situación das bibliotecas nas CC.AA.. Hai que rexistrarse. Recomendable.
Ao fío deste debate propoño os meus:

  1. Incrementar os índices de lectura en galego, aumentando a dotación bibliotecaria pública.
  2. Crear un novo tecido de mediadores fomentando clubes de lectura, blos, suplementos, programas televisión… que aborden a cultura do libro.
  3. Manter a actual rede de librarías de proximidade e o prezo fixo dos libros.
  4. Promover a tradución do literatura galega contemporánea e o seu coñecemento internacional.
  5. Desenvolver a edición galega nos soportes dixitais e en rede.

Cuartas de cuberta



Agustín Fernández Paz e Andreu Martín

Estes días ando ensarillado na redacción de textos de cuarta de cuberta dalgunhas novidades de primavera. Entre as tarefas do oficio de editor esta é, probablemente, a máis complexa e comprometida. Trátase de redactar de seis a dez liñas (entre 500 e 700 caracteres) que seduzan dunha ollada aos potenciais lectores. Empresa difícil. Estas cuartas funcionan no libro coma os trailers no cinema. O proceso de preparación das cuartas serve, tamén, para sintetizar as ideas de comunicación do libro (froito da lectura demorada das últimas probas e da conversa, a ser posible, a tumba aberta co autor, imprescindible) e para a posterior elaboración dos textos promocionais (os anuncios, as follas de novidades, a reseña web ou a actualización do currículum); sen esquecer, tampouco, a súa utilidade para preparar as ideas básicas da presentación diante do público, se a houber. En definitiva, este é o momento da elaboración do discurso da editorial.

Na escrita destes textos, no caso dos títulos de narrativa, aposto pola presentación do comezo da trama, empregando os fíos da sutileza que deixou prendidos o autor, e dos temas que se abordan, fuxindo da pedantería filolóxica da categorización da obra, labor que corresponde ao momento da recepción, por parte de reseñistas ou da crítica académica. Se algo debe caracterizar o traballo do editor é a súa discreción. A nosa presenza no libro debe notarse, mais debe ser tan elegante e prudente que pase desapercibida para o lector. Debémonos ao texto e á comunicación do traballo autoral.

Camiño da cidade fabril, a onde fun con Quique presentar o seu libro de autoorgullos, sei do anuncio do premio de Agustín. Para min constitúe unha enorme alegría, a pesar de non poder publicar este texto (que sei excelente). Agus leva escrito unha das obras máis poderosas e de maior calidade da literatura galega actual, a pesar de encadrarse formalmente na literatura infantil e xuvenil, un xénero, ata agora, insuficientemente valorado pola crítica académica. Sei que todos os galardóns que reciba van ser insuficientes para recoñecer o seu talento literario desbordado e o traballo constante como escritor monolingüe. Os meus mellores desexos para a travesía que comeza a súa escola dos piratas.
Lúcido o último post de Ian. Remontar, remontar segue sendo a nosa tarefa.

U-la edición en galego?

Teño tres exemplares que recibín con cada un dos xornais impresos que comprei onte. Ningún deles está en galego. No País de hoxe aparece unha nota de desculpa lamentando o erro que supuxo que na súa edición de Catalunya se agregasen exemplares non editados en catalán. A quen teño que reclamar en Galicia?: A cada un dos xornais que distribuíron a edición só en castelán? Á Delegación do Goberno? Á DXPL? Quen garante os meus dereitos lingüísticos de recibir información pública na nosa lingua? Que voces dos partidos se pronunciaron para denunciar esta discriminación lingüística tan clamorosa?

Ae fond kiss

Sei da nova película de Loach por dous novos blos: Infixo e Café instantáneo. Elegantes e magnificamente escritos. Seguireivos, benvidos!!!

A boa sorte

Outra benvida: a da nova editora galega Xixirín, promovida por Daniel Rozados. Recibo o seu primeiro título, a tradución dun dos best sellers do pasado ano, que aborda as claves da prosperidade ou, falando con menos eufemismos, as claves para converterse en millonario. Abrín o libro e topei cunha das citas máis coñecidas de Woody: “o noventa por cento do éxito consiste sinxelamente en insistir”. Pregúntome se na edición, insistindo o noventa e cinco ou máis por cento das veces, como é posible que, aínda así, fracasemos? Lerei con atención o primeiro libro editado por Daniel.