A literatura galega ante o mundo
/en Cultura, Lingua, Polémicas/por bretemasSobre este mesmo debate aconsello a lectura destoutra longa anotación de Mario.
"O caso somos nós"
/en Cultura, Lingua, Polémicas/por bretemasPolo seu interese reproduzo o primeiro texto dos publicados por ARTURO CASAS:
“Non desexo polemizar sobre un asunto que me parece menor ao pé de tantos outros de dimensións máis serias, pero non me resisto a presentar aquí algunhas observacións que talvez fosen xa mencionadas por outras persoas en relación co que comezou sendo “caso Steiner”, derivou axiña a “caso Cruz” e eu estaría interesado en reorientar como “caso nós”. Dado que o espazo é breve, permítome enumerar unhas notas nas que concreto o meu criterio:
1. Non parece apropiado, xusto nin intelixente cualificar a George Steiner de ignorante. Tampouco o é dirixir a artillaría toda contra Juan Cruz polas liñas e as omisións da entrevista nas que hai referencia á lingua e á literatura galegas. Outra cousa é cuestionar a intervención dun e outro en cousas que aos axentes da cultura galega nos afectan de xeito directo ou indirecto.
2. Comezo observando que son excepcionais os casos de comparatistas que entenden a fondo e de verdade de máis de catro ou cinco literaturas. Fóra deses límites, bastante estreitos se temos unha idea non xerarquizada das culturas, o que os comparatistas citan provén adoito dun coñecemento parcial e non directo de textos e contextos, mediado en realidade polo dito por historiadores, críticos, antólogos e polo aprendido en enciclopedias ou a través de traducións (no de mediación emprego a propia terminoloxía de Steiner). Os comparatistas tradicionais, que son case todos incluído o autor de Language and Silence, dialogan en realidade cun canon pre-postulado como universal, trufado se acaso con casuais apuntamentos e contrapuntos menores tomados dalgunha literatura igualmente menor.
3. A literatura galega carece dun espazo propio e definido na cartografía dos comparatistas de prestixio e nas dos máis reputados historiadores das literaturas europeas ou da literatura europea como entidade, sexa isto o que for. En realidade, existe unha dobre alfándega —a portuguesa e a española— que é moi difícil salvar e que se concreta en primeiro lugar na desaparición ou inconcreción das raíces literarias medievais na construción dunha identidade propia (propia para os galegos e propia tamén para os portugueses e para os españois). Pode resultar sorprendente que a romanística non alcanzase a vencer eses atrancos, porén esa é a realidade que temos. Os alumnos portugueses de Bacharelato, p.e., poden chegar a ignoralo todo sobre o que significa Galiza en relación coa súa propia literatura nacional ou a súa nación. Hai poderosísimas razóns simbólicas, históricas e políticas de fondo, claro. Igual que na construción da idea de España. Igual que na da cultura occidental. Construír identidades, postular realidades históricas… ten moito de invención narrativa e de acordo máis ou menos imposto nunha determinada comunidade. Outras veces, ten tamén moito de xustificación e de lexitimación histórica, en particular se manexamos a vara de medir colonial e poscolonial.
4. O problema de fondo do caso Steiner tal como se veu desenvolvendo na prensa e nos blogs galegos semella ser dobre: a nosa representación exterior e a afectación diso sobre a nosa lexitimidade cultural/nacional. Iso é o que verdadeiramente debería interesarnos, alén de leas nas que os asuntos persoais ou corporativos —en sentido positivo ou negativo— desfiguren o debate. Un debate que, por certo, entendo oportuno e que, segundo observan Brétemas, o Levantador de Minas e outros bloggers, podería actuar como catalizador para unha auténtica discusión sobre a planificación da proxección exterior da cultura galega. Aquel dobre problema complícase nos dous discursos combinados na entrevista de Juan Cruz a George Steiner. Parece doer (a algúns) que aquel a quen tacitamente se concede algo semellante ao título de “maior humanista vivo” (MHV) ignore ou minimice a existencia da literatura galega e trivialice ou mesmo criminalice (a través da pouco fina alusión ao concepto de balcanización e da apelación latente á suposta violencia de certas gramáticas) algunhas linguas, algunhas actitudes, algúns dereitos, algunhas leis. Acaso axudase a entendelo, esa reflexión sobre a violencia e as linguas, a lectura das páxinas sobre o alemán de Heidegger e de Celan. Celan, o talismán da súa vida, ten dito Steiner. En segundo plano, parece doer asemade que aquel que algúns presentan como “amigo de Galiza” (p.e. o editorial de Xornal.com) non chegase a mediar nalgún sentido para que a agresividade verbal, moral e política de Steiner ou ben non chegase así a nós (ao público, e iso non é censura) ou ben recibise algunha clase de contraargumentación ou matización minimamente eficaces no contexto da entrevista (previsíbeis se o desprezo se dirixise á cultura española, ou, noutra escala, p.e., á canaria). Un terceiro plano de dor ou de molestia derivaría da comparación: Cataluña e o catalán, si; nós, a nosa lingua e a nosa literatura, non.
5. Vaiamos coa primeira dor ou afrenta. Como se ten observado por parte doutras voces, é evidente que Steiner posúe informacións escasas e terxiversadas sobre a realidade social e cultural galega. Fala de oídas e comete erros grosos na descrición dos feitos e da realidade. É algo común entre os comparatistas europeos cando falan de Galiza e da súa cultura. Non creo que por ser Steiner, talvez oínte da COPE ou lector de El Mundo, debamos prestarlle moito caso máis. E desde logo, discrepo absolutamente de quen propón enviarlle libros ou documentación para “sacalo do erro”. Non logro entender esa asunción aparentemente inxenua de subalternidade nin ese propósito de alcanzar por fin unha mirada xusta, beatífica ou cómplice do MHV. Se xeralizamos esa praxe quedamos sen fondos para a Biblioteca Nacional do Gaiás, pois son moitos os maiores humanistas vivos que xogan na liga de Steiner. Entón: afecta á nosa lexitimidade ou a nosa dignidade nacional a invisibilidade ou a escasa visibilidade coa que somos detectados en certos radares? Radicalmente, non. Temos que contestar como grupo/colectivo/nación esta clase de erros? Entendo que non. É máis, dou por sabido que a maior parte dos que se manifestan publicamente a raíz de episodios coma este, saben que falan no fundamental de portas adentro, para os de
dentro, para nós. Steiner disto nin se entera. Cruz, en cambio, si.6. Segunda dor, segunda afrenta. Con independencia do xuízo persoal que Juan Cruz merecese a cada un de nós antes do episodio —algo excesivamente presente nalgunha columna de opinión e na nota pública do PEN (por que dedicaría a metade da nota a presentarse?)—, nesta película el é un actor secundario. A súa actitude como entrevistador só debería molestar a quen considere que alguén co seu perfil público está para defender ou amparar referencias a terceiros, a terceiros coma nós, por poñer un caso (porque nós somos terceiros nos operativos mediáticos que Cruz xestiona; ou alguén ignora isto?). Malia Cruz, en efecto, formar parte dunha empresa e duns intereses determinados, en absoluto creo que nesta partida iso constitúa un referente fundamental das regras do xogo ou da estratexia de fondo. Orabén, hai outras facetas á marxe do acto e do momento da entrevista, outras prácticas, outros habitus… Hai unha traxectoria. Hai un aceptarse e postularse como interlocutor privilexiado coas provincias. Hai un sentirse cómodo co papel de canonizador do extrarradio. Hai un regusto aduaneiro. Hai unha funcionalidade apaciguadora, redutora e redutiva da pluralidade que hai fóra. Só pasan uns poucos, e de un en un. Cruz, un tipo simpático, seica, un tipo que vén de dicir que se sente ferido polo PEN galego, fala con algúns intelectuais e escritores, preséntaos no centro, delimita mesmo antecámaras nas que pode ir situando suplentes como Bieito Iglesias, un crack. A Cruz gústalle conversar, gústanlle as historias. Préstalle o ambiente Verines, como a moitos dos nosos autores e axentes. Naqueles mesmos días fala, tamén en El País, de Galiza = Praia de Santa Cristina e escolle informantes: Rivas, Reixa, un restaurador… Ve o que ve. Procura o sabor local, folcloriza, cata langostinos… O método non variou tanto no que vai de Pardo Bazán (De mi tierra) para aquí. Hai quen contemporiza con isto. Hai quen asente. Para o que fai e quere facer Juan Cruz non precisa máis. Ás empresas ás que se debe tamén lles é abondo porque conflúen con Cruz na lei básica da partida: o centro é rico, plural e irredutíbel, non admite limitación a un par de nomes; os outros centros son homólogos en riqueza e pluralidade; nas marxes rexionalizadas abonda con sinalar unha representación en singular, o seu mundo é menos rico, máis uniforme, é un complemento (isto asúmeo tamén a prensa local e actívao como mecanismo permanente de representación da realidade cultural). Esta é a política, non só en PRISA, claro, non só en España, non só en Galiza. Todo centro exerce ese control porque, se non, non é centro. Todo centro aspira a asimilar e metabolizar o que os seus vixías sinalan como valioso no extrarradio, e se de paso se consegue minorar iso que era alleo e se fai propio pois mel na filloa (v.g.: “100 escritores en español [Manuel Rivas, Carme Riera, Bernardo Atxaga e outros…] eligen los 100 libros que cambiaron su vida”, EPS). Quen descoñece estas regras?
7. Terceira molestia: que eu saiba Steiner ten seis libros traducidos ao catalán, entre eles o último da súa produción. A produción traducida forma parte da produción cultural. Steiner é xuíz e parte neste caso. Que eu saiba Steiner non ten libros traducidos ao galego nin ao éuscaro. Os límites da súa linguaxe ou das súas linguas —as que sabe, as que entende, as que lle menciona o seu axente— son tamén nel os límites do seu mundo. Parece ser que nunca estivo aquí, onda nós. En Barcelona si estivo, non hai moito. E foi ben recibido e moi celebrado. Unha súa conferencia transmitiuse en directo nunha web municipal. Pero, ollo, non creo que agora sexa tempo de pensar en invitalo a que veña. Atención, AELG: nin cantigas nin agarimos, por favor.
8. O caso somos nós. Paga a pena pechar o suplemento dominical e entrar con forza na segunda feira para tomar decisións adiadas durante excesivo tempo por institucións, medios e gobernos: como identificarse e autorrepresentarse?, como proxectarse e dialogar coas representacións que as outras culturas fan de nós?, como xestionar o noso desigual legado cultural e literario (da Idade Media ao século XIX) e a excelente hora presente (séculos XX e XXI)?, como convencer(nos) de que tras o hiato histórico de séculos seguimos sendo nós e somos tamén outros?, que interlocutores elixirmos?, que medios?, como dialogar coa Galiza que non se identifica con esa tradición?, como suxerir a comparatistas como Claudio Guillén que se Rosalía fala mal de Castela e da súa paisaxe non é porque tautoloxicamente renuncie a calquera experiencia do outro senón porque existía a sega e existía a historia?, como marcarse un rumbo serio e firme e non entreterse con Steiner nin con Cruz nin co sexo políglota dos anxos?” Arturo Casas.
Steiner: superar a fase da indignación
/en Cultura, Lingua, Polémicas/por bretemasSuperada a primeira fase de indignación e estupor (tan necesaria como comprensible) provocada por tan lamentables declaracións, as nosas institucións culturais e educativas (dende o Consello da Cultura Galega, as tres universidades, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, as consellarías de Cultura e Educación, ás propias asociacións de escritores e editores…) deberían reaccionar en man común coa intención de informar a este señor sobre o estado da nosa lingua e o valor da nosa literatura. Seguro que unha comunicación cordial e intelixente, da man de Meendinho e Rosalía, podería axudar ao señor Steiner a saír da ignorancia sobre o noso. Pola contra, estou seguro que culpabilizar da polémica a Juan Cruz, só vai contribuír a proxectar unha imaxe antipática e vitimista da nosa literatura.
Debemos recoñecer que a pesar dos esforzos realizados nos últimos anos (tanto polas asociacións de editores e escritores; como, moito máis recentemente, pola Consellaría de Cultura nas feiras internacionais do libro e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, na rede de centros de estudos galegos), carecemos dunha estratexia de país para dar a coñecer a nosa lingua e a nosa literatura no mundo. Artellala en man común (coas achegas e xenerosidade de todos) sería a mellor lección que podemos tirar desta “polémica Steiner”.
Actualización (30-08-2008): Juan Cruz solicita en xornal.com unha rectificación ao PEN Clube e o levantador de minas publica unha moi interesante anotación sobre a polémica.
Actualización (31-08-2008): declaracións de Juan Cruz a Galicia hoxe: “Síntome ferido”.
Steiner e o galego
/en Cultura, Lingua, Polémicas/por bretemasA entrevista de Juan Cruz a George Steiner, o prestixioso profesor da Universidade de Cambridge, amosa como as persoas teoricamente intelixentes e valiosas, cando están desinformadas, din as maiores parvadas. O caso é que interpelado por Juanito Cruz sobre se o idioma pode estar na orixe do terrorismo de ETA, o intelectual deita de forma brutal todos os seus prexuízos sobre o galego (e de paso sobre o valor que para ele posúen as “linguas minoritarias”):
– Quizá. Pero, cambiando de tema, me han dicho que hay una universidad en España en la que es obligatorio hablar en gallego.
Para Steiner “O catalán é un idioma importante, cunha literatura impresionante”, mais se pregunta de forma retórica: “o galego, por que ha ser obrigatorio na universidade”. O famoso crítico literario (Premio Príncipe de Asturias) emprega sen arroibarse un falaz argumento de autoridade, outorgando as linguas un valor distinto en función do poder que atribúe a comunidade dos seus falantes. Para el, o catalán e a súa “literatura impresionante” poden empregarse na universidade, mais utilizar o galego entre os membros da comunidade científica (segundo as súas declaracións) “significa que vamos a seguir dividiéndonos en pequeños grupos regionales, y eso despierta el odio étnico, como el que existe en los Balcanes”.
Máis alá de constituír unha solemne parvada, o comentario de Steiner é un síntoma do escaso coñecemento (e por riba prexuízado) que existe sobre a nosa lingua e a nosa cultura no mundo (mesmo entre as elites universitarias). O peor é que a parvada de Steiner é un tristísimo síntoma do que somos e supoñemos para estas elites académicas, o que (máis alá da nosa lexítima indignación) nos debería obrigar a reflexionar sobre a estratexia que estamos utilizando para darnos a coñecer e respectar no exterior. Ocórreseme que os responsables das tres universidades galegas lle fixeran chegar ao profesor Steiner unha completa bibliografía literaria galega ou mesmo que o seu colega da Universidade de Oxford, o profesor Rutherford, axudase de forma privada a tan fogoso intelectual a vencer a supina ignorancia que amosa sobre a lingua galega.
Aconsello a lectura de tres magníficos comentarios que lin hoxe sobre estas lamentables declaracións: o atinadísimo artigo de José Manuel Ponte e as oportuna anotación no blogs de Manuel Jabois e Ian.
Actualización (27-08-2008): Galicia hoxe e A opinión da Coruña dedican senllas reportaxes á polémica. As opinións das numerosas persoas que fomos consultadas son coincidentes: Steiner meteu a zoca ben metida.
Galicia continúa á cola en lectura
/en Cultura, Lectura/por bretemasContinúa sendo tan triste como desolador: Galicia non sae dos postos de cola en índices de lectura. Na presentación da campaña “Lee en la playa” (campaña moi pouco imaxinativa e eficaz, por certo), organizada pola Federación de Gremios de Editores e o Ministerio de Cultura, salientouse que, segundo os datos do máis recente barómetro de lectura 2007, as comunidades con menor índice de lectura son Galicia (51,2%) e Estremadura (49,5%). Os responsables do estudo xustifican estes fracos porcentaxes a “cuestións históricas”, feito que pouco nos consola. O máis decepcionante do dato, que arrastramos dende que se ven elaborando este barómetro, é que non semella importar a case ninguén. Unha sociedade penúltima en lectura pode aspirar a colocarse con algunha garantía en cabeza noutros ámbitos? Teño para min que estas balanzas de lectura son tan significativas sobre as nosas posibilidades futuras como as balanzas fiscais. Cando asumiremos que a lectura é unha cuestión estratéxica (e, polo tanto, política)?
Máis sobre a xestión da CdC
/en Cultura, Política/por bretemasDaniel Salgado publica en El País Galicia unha xeira de opinións sobre o modelo de xestión escollido para a CdC. Entre as persoas que fomos consultadas a maioría expresamos dúbidas sobre a conveniencia de darlle maioría ao capital privado na xestión da nova fundación. Pola súa banda, Galicia hoxe publica unha entrevista con Juan Manuel Urgoiti, a persoa escollida por Touriño para presidir a nova fundación, que non achega novidades con respecto ao xa publicado ata agora.
Desvélase o modelo de xestión da CdC
/en Cultura, Política/por bretemasComezan a desvelarse os proxectos previstos para a CdC. Non podo agachar a miña enorme perplexidade diante do modelo de xestión anunciado por Touriño: unha fundación con maioría privada (51%) para xestionar unha obra financiada na súa totalidade con cargo a fondos públicos. Outrosí sucede co anuncio do nome do responsable da nova fundación, Juan Manuel Urgoiti, empresario de tan acusado perfil financieiro e cosmopolita como escasa presenza na actividade cultural do país, ou o carácter claramente bipolar (“mixto”) que se pretende proporcionar á xestión da CdC, esgazada nunha parte pública (os edificios do Arquivo e da Biblioteca Nacionais, e supoño tamén do Museo de Historia de Galicia, que serán responsabilidade da actual Fundación CdC) e noutra privada, onde se adscribirán as instalacións expositivas de perfil máis innovador (o Centro de Arte Internacional, o Museo dos Nenos e o Espazo Obradoiro) e a xestión dos servizos comúns (restauración, espazos comerciais ou parkings).
Outra das nosas perplexidades é que este modelo de xestión bipolar non parece coincidir exactamente co anunciado pola conselleira Ánxela Bugallo nas súas comparecencias parlamentares; como tamén parece ben extraño que o presidente Touriño non anunciase un compromiso explícito do Goberno central na xestión dun proxecto que debería ser considerado de estado. Porén, sen poder entrar a valorar a viabilidade e excelencia do modelo de xestión proposto nin os contidos expositivos (as informacións proporcionadas onte foron moi xenéricas), polo menos semella unha boa noticia o compromiso destas grandes empresas galegas para encarreirar tan díficil proxecto. Ben está que as dúas caixas, Inditex ou os grupo Jove e Tojeiro arrisquen parte dos seus recursos nun proxecto que, inequivocamente, debe estar ao servizo da cultura galega e da súa proxección internacional. Quedemos con esta esperanza, agardando que despois do verán se poidan despexar moitas das dúbidas que expresamos.
Premios Nacionais da Cultura Galega
/en Cultura, Eventos/por bretemasOs concertos de Enrique X. Macías
/en Cultura, Eventos, Música/por bretemasPor fin soubemos da celebración dos concertos en homenaxe a Enrique X. Macías con motivo do 50 aniversario do seu nacemento. Celebraranse o xoves na Coruña no Teatro Rosalía de Castro, o venres en Santiago no Salón Teatro e o domingo en Vigo nas instalacións de Marco. Os tres concertos comezarán ás 20:30 horas. Os concertos enmárcanse no proxecto “As nosas músicas, os nosos sons”, co que a Consellaría de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, quere dar a coñecer ao gran público o legado musical e creativo dos compositores galegos contemporáneos máis significativos. A homenaxe a Macías realízase en colaboración coa asociación portuguesa Miso Music, depositaria da obra do compositor. A asociación fundou o grupo “Sond’Arte Electric Ensemble”, coa dirección artística de Miguel Azguime e con Pedro Amaral como mestre titular. O programa dos concertos estará formado por tres obras de Enrique Macías: Adhuc (1993) para ensemble e electrónica; Cadencias e interludios/Percurso I (1989-1992) para piano e electrónica e Itinerario de luz (1995) para ensemble e electrónica. A actuación complétase coa peza Derrière son double (2001) de Miguel Azguime, compositor portugués director do grupo e amigo persoal de Enrique Macías. Aconsello non perdelos. Serán unha magnífica oportunidade para recuperar ou coñecer o valor dun dos nosos máis importantes creadores da cultura galega da fin do século pasado.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- Castelao 758 de Xaneiro de 2025 - 11:12 a.m.
- Aniversarios 20257 de Xaneiro de 2025 - 10:51 a.m.
- Brétemas 20 anos3 de Xaneiro de 2025 - 5:40 p.m.
- Axendas1 de Xaneiro de 2025 - 10:44 a.m.
- 2025, quere celebrado con ansia e esperanza31 de Decembro de 2024 - 4:27 p.m.