Queda alguén aí?

TVE Galicia emite mañán, domingo día 7, ás 11.30 da mañá pola 2, Queda algúen aí?, un documental sobre a grave e crecente despoboación no rural do interior de Galicia. A través da vida dunha aldea (Pedroso), na que máis da metade dos seus habitantes supera os cincuenta e cinco anos de idade, plásmase un problema que afecta a todo ese rural do interior galego, un extenso territorio que, se non se pon remedio, en poucos anos será un deserto humano. Para os veciños de Pedroso, a obra máis necesaria é un tanatorio, que os ten ilusionados a todos, a case todos… Os que coñecen o documental afirman que é interesante.

Actualización (7.1.07): Efectivamente, o documental pagaba a pena. Como xa fixera en Carrilanos, Rafael Cid, o seu director e guionista, consegue en cincuenta e cinco minutos un relato naturalista dunha comunidade campesiña onde latexan as enormes contradicións do noso tempo (a emigración e a inmigración, a vida subsidiada dos maiores, o abandono das actividades agrícolas tradicionais, a mudanza dos costumes, o envellecemento da poboación, o peche de escolas, a itinerancia dos cregos, o “turismo” dos enterros…). A construción dun formidable tanatorio de dúas plantas (valorado en 114.000 euros e pagado integramente coa tala dos piñeiros comunais) serve de metáfora e fío narrativo da historia dunha aldea que, inevitablemente, semella esmorecer, aínda que tamén emerxe a esperanza que alí outra vida tamén é posible. Mágoa que o documental fose emitido de forma case clandestina (supoño que haberá máis oportunidades de velo). Un exemplo de como é posible que as televisións públicas produzan espazos de calidade. Beizóns para Rafael Cid e a TVE Galicia.

Actualización (8.1.07): La Voz faise eco do documental, ao tempo que aparece a noticia do recurte da programación en galego e para Galicia de TVE. Que fai o Goberno Galego para denunciar semellante desfeita? Acaso non poden impedilo de algunha maneira?

Etiquetas: , ,

Carrilanos, novo premio

Carrilanos, o documental de Rafael Cid sobre a epopea dos traballadores da vía, acaba de recibir un novo premio: á mellor obra de documentais longas do Extrema ´doc Festival de Cine Documental de Extremadura. Este galardón, que mañá recollerá en Cáceres o autor verinés, únese á longa relación de recoñecementos da obra: Mención Especial do Xurado do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense, o Primeiro Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, o Premio de Comunicación Francisco de Cossío de Castela e León e o Premio Galicia de Comunicación 2004 ao mellor labor de comunicación en televisión. Recoñecemento, tamén dos lectores e espectadores que nos obrigaron a facer unha segunda edición do libro e DVD e a continuar a súa xeira de presentacións polo país: o 14 de decembro na Coruña (da man do Ateneo Republicano de Galicia) e o 15 na Galería Sargadelos de Monforte.

Chano Piñeiro

Álvaro Cunqueiro e Chano Piñeiro viviron a súa nenez entre os albarelos, os botes e as botellas de porcelana das boticas dos seus pais. Quizais por andar enredando entre aquelas fermosas pezas cerámicas de Manises, que contiñan principios activos da farmacopea tradicional, os dous adquiriron unha capacidade xenial e única para dispensar ficcións, para inventar novos mundos ou a velos dende o outro lado do espello. Don Álvaro Cunqueiro escribiu que “soñar é necesario para soportar a aspereza da vida cotiá, e perder o tesouro dos ensoños era perder o máis grande dos tesouros”. Chano Piñeiro, aquel fraquiño boticario do noso barrio, procurou ao longo dos seus corenta anos de vida ese tesouro valioso do que falaba o seu querido don Álvaro.
Chano mantivo no Faro de Vigo, ao longo dos anos 92 e 93, a sección “Conversas co vento”; unha das máis insólitas e intelixentes achegas ao xornalismo literario galego das dúas últimas décadas. Unha escolma daquel centenar de artigos, situados entre a fronteira da cotidianidade e da ficción onírica, recolléronse no mes de nadal do 94 nun libro do mesmo título, publicado gracias á axuda do Colexio Oficial de Farmaceúticos, que non pode quedar no esquecemento. Cada semana, o boticario de Torrecedeira recreaba a realidade dos soños, unha realidade imaxinada, nunhas ficcións súbitas, espléndidas, irónicas, reflexivas, tinguidas dun erotismo elegante (insólito na prensa de hoxe) e dun humor retranqueiro finísimo. Cada artigo era un lostregazo de tenrura, un exercicio de lucidez que iluminaba humanidade, verquida nuns personaxes imposibles. Chano emocionábase coa valentía da xente que se emociona, que é quen de chorar polas cousas pequenas, eses mínimas partículas coas que se fabrica a felicidade. Era quen de recordarnos a importancia que o cerebro ten para controlar os dous músculos máis importantes do corpo o isquiocavernoso e a imaxinación. Defendía con convicción as pulgas deprimidas, que falan con toda naturalidade cos seus hóspedes comprensivos. Entristecíase conversando cunha gaivota que non podía voar e volvérase tola. Demostraba que o amor e a paixón hai que seguilas inventado tódolos días. Alertaba sobre a existencia de máquinas como o chistógrafo ou como as expendedoras de tabaco que poden manter idilios cos seus usuarios e facelos josar, sen límite e sen mesura. Censuraba aos concelleiros que talaron as árbores da rúa da Paz para aumentar as prazas da ORA… Naquelas conversas co vento, Chano era quen de ofrecernos unhas ficcións que eran espello deformado da realidade, espello doloroso da vida, espello metafórico da nosa existencia e da nosa condición.

Chano non foi só un xenial articulista. Foi un apaixonado do cine que, cunha dedicación teimuda e un talento indubidable, abriu de vez unha nova fenda de modernidade para a nosa cultura: a de entrar a formar parte da ficción audiovisual. Realizador de películas como Os paxaros morren no aire, Eu o tolo, Esperanza e o Camiño das estrelas, Chano será sempre recordado por Mamasunción –a mediametraxe coa que a TVG iniciou as súas emisións cinematográficas en 1985 e que sería recoñecida e valorada internacionalmente– e por Sempre Xonxa –“un verdadeiro fito na historia de Galicia”, como sinala Xoán Acuña, autor do libro Chano Piñeiro. Unha historia do cinema galego–, as súas películas máis signficativas. A noite da estrea de Sempre Xonxa, no mes de novembro de 1989, milleiros de persoas en pé, moitas bagoando, tributáronlle un longuísimo aplauso, que era un agradecemento a un acto heroico: o de realizar a auténtica primeira longametraxe do cine galego; xa tiñamos cine de noso.

Chano Piñeiro foi un creador de ficcións, sexa literarias, sexa audiovisuais. Ficcións que foron un espello da vida, que tiñan a imaxinación e a memoria como elementos desencadenantes, e a palabra e a imaxe como elementos constitutivos. Onte na entrega dos Premios Chano Piñeiro volveu recordarse esta débeda que mantemos con quen nos axudou a soportar a aspereza da cotidianidade. Obrigados de corazón, Chano, polas túas ficcións.

Etiquetas: ,

Panificadora

Se hai unha edificación que quero é a Panificadora. Nacín case ao pé deses formidables dez silos cilíndricos de formigón armado que son o berce da memoria da xeración do Polycomander. Vivín a nenez toda baixo o reloxo vital que marcaban as fornadas da Panificadora, esparexendo o arrecendo penentrante dos cornechos e boliños empaquetados na súa furna de papel, que no mediodía se confundía no calexón das Angustias coa fragrancia dos callos da taberna de Armando (só mellorados, na opinión do avó Beleiro, polos de Casa Ligero), ata a última, a dos bares, a que coincidía coa recollida do sol sobre a terraza acristalada da fábrica. Demoreime, moitas veces, diante do letreiro da Panificadora para aquelar coa pesada dos camións que traían o gran de Peñaranda de Bracamonte e co trasego constante das Savas do reparto que marcaban o latexar do barrio noso. Esculquei, tantas outras, o estado da chimenea, un faro de fume en plena rúa de Santiago, e o traballo do chafarís sobre o depósito de auga do tellado, procurando sinais da actividade daquela fábrica tan singular.

Mentiría se dixese que gustaba do pan da Panificadora. Gustabamos máis das barras de leña do señor Domingos, o panadeiro do Barrio do Cura, onde levabamos as tarteiras e as empanadas a cocer. O valor da Panificadora para nós non era o pan que preparaba, insípido e pouco sabedeiro (mesmo habíao sen sal, un pecado daquela), a súa importancia residía na súa dimensión imponente, como o eran as tolvas dos seus muíños, como o era a fábrica de fariña e pensos, como o era o obradoiro mecanizado todo, como o era o seu forno de gasoil. A Panificadora Viguesa pechou hai vinte e cinco anos e, dende entón, está en perigo inminente de desaparecer.

Construído entre 1923 e 1930 polo arquitecto galeguista Manuel Gómez Román, coa intervención no deseño das instalacións fabrís e mecánicas dos enxeñeiros Otto Werner e Jorge Wuchl, o edificio da Panificadora é, xunto á factoría de conservas Bernardo Alfageme (felizmente en funcionamento) e a Metalúrxica (só queda a súa fachada), unha das xoias da arquitectura industrial viguesa do século XX. Outras pezas patrimoniais industriais, como a fábrica de conservas de Antonio Alonso no Guixar (magnífica mostra do estilo modernista, obra de Jenaro de la Fuente), hoxe son só recordos do Vigo que se perdeu, da cidade que destruímos, a conciencia, xeración a xeración, os propios vigueses.

A Panificadora non é un edificio máis: é a peza primeira do noso skyline, a ponte dun barco atracado no mesmo Campo de Granada. Unha construcción xeitosamente integrada na paixase urbana, no miolo do casco vello. A Panificadora é o palco de honra do anfiteatro que a cidade forma sobre a ría. A sobriedade constructiva, non exenta de arestas decoradas, a fortaleza do formigón, a grandeza dos silos, o seu perfil minimalista, o xogo do ferro e do cristal son elementos que simbolizan a modernidade, o afán industrial desta cidade que non se resigna a perder as súas fábricas.

Derrubar a Panificadora, como fixemos co Mercado la Laxe, co edificio Rubira, ou coa capela de Santa Rita (e tantas outras pezas do noso patrimonio arquitectónico), sería cometer outro crime contra a humanidade e a razón; sería destruír o corazón da nosa memoria, suporía derrubar o noso horizonte, contribuiría a estragar a nosa esperanza. O novo mundialismo sostible esixe, en Vigo como en todas as cidades do primeiro mundo, recuperar espazos urbanos máis que destruílos, a tarefa do futuro é rehabilitar máis que construír novo. Acudide hoxe á estrea do documental A cidade perdida. Estaredes afirmando a necesidade de salvar a Panificadora.

Da escola das bolboretas á noite de voraces sombras

A lingua das bolboretas, a película de José Luís Cuerda que recrea textos de ¿Qué me queres amor? é unha película que consegue emocionar, xa que tras os ollos de Monchiño –o Pardal de seis anos que foxe do seu niño familiar da man de don Gregorio, o mestre a piques de se xubilar que lle aprende a importancia do silencio e da lectura– vemos un mundo que se desintegra moralmente, por mor da intolerancia e do fanatismo relixioso. Don Gregorio representa a figura daqueles mestres que foron as verdadeiras luces da República. Mestres, formados na tradición laica da moderna pedagoxía da Institución Libre de Enseñanza e nas ideas educativas do socialismo histórico, que pretendían redimir a súa sociedade pola escola. Con este obxectivo os gobernos progresistas da República realizaron un extraordinario esforzo educativo: crearon milleiros de escolas e formaron a novos profesores nas máis modernas técnicas pedagóxicas da Escola Nova europea. Tentaban deste xeito atallar a lacra do analfabetismo, que en Galicia acadaba unha taxa do 35% de toda a poboación adulta.
Na escola das bolboretas non se pegaba, nin o mestre berraba. Non había vara de vimbio para azoutar a aqueles que non sabían. Moi ó contrario, don Gregorio sempre sorría coa súa cara de sapo e empregaba as súas verbas –agarimosas, sedutoras e entusiastas– coma poderosas lentes que achegaban aquilo que estaba tan lonxe. Verbas lentes que permitían coñecer o tilonorrinco, un paxaro que vivía en Australia e pintaba de cores o seu niño cunha especie de óleo que fabricaba con pigmentos vexetais. Verbas lentes coas que os rapaces descubrían que as patacas e o millo viñeran de América e coas que viaxaban sobre o mapamundi coa mesma fascinación dunha película. Cando don Gregorio se anoxaba, calaba buscando nese silencio prolongado, desacougante, que os seus alumnos sentisen como eles mesmos eran os que debían buscar a solución ao seu conflito. Para don Gregorio a escola tiña que ser obradoiro e xardín, un verdadeiro laboratorio de coñecemento científico e experimental, no que todos agardaban coa mesma ansia a chegada do microscopio que algún día enviarían os responsables do Ministerio de Instrución Pública.
Como outros mestres daquel tempo, organizaba paseos escolares, verdadeiras rotas do descubrimento, para que os alumnos puidesen coñecer horizontes novos dende o Monte Sinaí, e ir na procura do Iris, aquela bolboreta que brillaba fermosísima pousada na lama ou no esterco. Saía con eles para facer unha ensinanza máis intuitiva que os fixese interrogarse sobre o que os rodeaba e eles non coñecían. Velaí a razón de ser da lingua das bolboretas, esa trompa enroscada coma un resorte de reloxo, feliz metáfora de Manuel Rivas sobre a paixón por coñecer e por descubrir, de cómo o saber posúe un poder redentor para as persoas.
A película é crónica do fracaso deste modelo escolar, desta utopía pedagóxica destruída pola barbarie da intransixencia que levou, só en Galicia, a que noventa profesores (segundo o censo máis recente de Xosé Docampo) pagasen coa súa vida polo único feito de ser coma don Gregorio. A lingua das bolboretas é unha homenaxe para eles que forman parte da memoria de todos os educadores progresistas de hoxe. Aquela escola das bolboretas deu paso para o profesorado republicano á noite de voraces sombras.
Os sublevados axiña puxeron fin a esperanza educativa republicana e abriron un período de mortes, encadeamentos, castigos e exilios, que afectaron grave e negativamente aos corpos docentes en toda España e así tamén en Galicia. Desde os primeiros momentos de iniciado o golpe militar, e alí onde triunfaba, púxose en marcha a maquinaria represiva sobre o profesorado, ditándose en pouco tempo distintas medidas sinalando o alcance da depuración de condutas políticas e sociais consideradas punibles polo novo Réxime. Todo o profesorado (e mesmo o alumnado das escolas de maxisterio do curso 1935-36) foi sometido a expedientes de depuración, isto é a expedientes informativos que contemplaban, a través das opinións e escritos de diversos informantes (especialmente do sector eclesiástico), o comportamento político, moral e profesional de cada un no tempo da IIª República. O tipo de cargos sometidos a sanción cubría unha extensa nómina: militancia en organizacións afectas á IIª República, nacionalismo/separatismo catalán, vasco ou galego, simpatías de esquerda, irrelixiosidade, pertenza á masonería, conduta privada inmoral, etc., derivándose do anterior as diversas resolucións: dende a confirmación no cargo, ata posibles sancións que supuxeron o cese total para case 700 profesores galegos (o que para moitos deles supuxo intentar o camiño do exilio cara América ou do exilio interior), para outros tantos a suspensión de emprego parcial ou traslado de localidade e para máis de sesicentos sancións económicas.
Moita peor sorte tiveron os xa citados noventa profesores fusilados en Galicia. En Vigo foi fusilado na tapia de Pereiro, o 27 de agosto de 1936, o mestre José Apolinar Torres, xunto a outras oito persoas, entre as que se atopaban os alcaldes de Lavadores (José Antela Conde) e Vigo (Emilio Martínez Garrido), tres deputados (Enrique Heraclio Botana, tipógrafo, fundador da UGT en Vigo e primeiro alcalde republicano da cidade; Antonio Bilbatúa Zubeldía e Ignacio Seoane Fernández), ademais de dous concelleiros socialistas (o médico Waldo Gil e Ramón González Brunet) e o panadeiro Manuel Rey “O Vilagarcía”.
O 12 de setembro de 1936, o tenente da Garda Civil Francisco Rodríguez González “O Rabioso” e tres falanxistas de Bouzas foron buscar a súa escola a José Vázquez Grela, mestre de Nigrán que foi asasinado polas costas no barrio de Devesa. Severino Crespo, alumno seu, relata así os feitos: “(…) sacárono e metérono
nun coche daqueles antigos e baixaron cara ao cruce, torceron á esquerda e metéronse pola estrada de Camos. Niso a muller baixa correndo as escaleiras e só puido ver o coche como torcía cara ás Angustias, saíu correndo (…) cando chegou preto das Angustias xa se oíron os tiros. Levárono pegado por un carreiro ao cemiterio do Cean e dixéronlle que baixara que o ían levar xunto do cura, así como comezou a andar pegáronlle cinco tiros polas costas, a carón dun carballo”.
Semellante infortunio ocorreu o 15 de setembro de 1936, cando foi paseado o mestre da escola Pública de Coia, Víctor Fráiz Villanueva, comunista, fundador da
FETE-UGT de Galicia e profesor de ideas pedagóxicas moi avanzadas como as descritas cando falamos da escola das bolboretas. Outrosí sufriu Antonio Mojón Vázquez, nacido na Cañiza e mestre interino en Asturias, fusilado no Monte do Castro o 31 de outubro de 1936, tras un Consello de Guerra.
Outros mestres asasinados da nosa comarca, dos que só temos constancia documental do seu nome, foron: Xoán Alonso Pérez e X. A. Álvarez Álvarez, os dous de escolas de Arbo; José Cortés, mestre de Goián; Hipólito Gallego Camarero, da escola de Forcadela, Tomiño (fusilado o 4 de agosto de 1936 en Mondariz); Gumersindo Gastiasoro, mestre de Cangas; Vitor Trabazo, mestre de Moaña. Outros dous mestres galeguistas de Rianxo, Manuel Rodríguez Castelao, e Xosé Losada Castelao, ambos os dous curmáns de Castelao, morreron o 24 de abril de 1937 no porto de Vigo cando intentaban fuxir nun bou cara a Francia.
Hoxe, setenta anos depois, pronunciando os seus nomes, estamos exercendo o noso lexítimo dereito á esperanza das luces da República que eles coa súa vida prenderon.

(Extracto da intervención preparada para pronunciar o día 15 de novembro na Semana pola Recuperación da memoria Histórica de Navia)

A cidade perdida

O vindeiro 17 de novembro estréase A cidade perdida, un documental que pretende pór en valor a arquitectura industrial destruída da cidade de Vigo. Edificios como a Panificadora, Cerámicas Santa Clara ou La Artística son emblemas industriais que non nos poden ser roubados. Beizóns para este esforzo de recuperación da nosa memoria. Agardamos con expectación esta proxección.

Etiquetas:

Secuencia Cero

Inés Fernández remítenos esta invitación para asistir ao IIIº Certame de Curtametraxes Secuencia Cero que se celebrará esta semana no Verbum (non desaproveitar pasar pola cafetaría). Unha cita interesante.

Celta Mortensen

Os responsables de mercadotecnia do Celta están de noraboa, aínda que non é a primeira vez que Viggo Mortensen veste unha camiseta dun equipo de fútbol. Pois iso, nestes días Viggo = 100% Celta.

O trailer de "Salvador"

Eis o trailer (máis de dous minutos) da agardada película de Manuel Huerga sobre Salvador Puig Antich. Con BSO de Lluis Llach, reparto de calidade, bastante boas referencias críticas e lanzamento potente a película (un alegato contra a pena de morte) promete, aínda que agardaremos polo esixente criterio do noso mestre.
Etiquetas: