Secuencia Cero
Inés Fernández remítenos esta invitación para asistir ao IIIº Certame de Curtametraxes Secuencia Cero que se celebrará esta semana no Verbum (non desaproveitar pasar pola cafetaría). Unha cita interesante.
Inés Fernández remítenos esta invitación para asistir ao IIIº Certame de Curtametraxes Secuencia Cero que se celebrará esta semana no Verbum (non desaproveitar pasar pola cafetaría). Unha cita interesante.
Os responsables de mercadotecnia do Celta están de noraboa, aínda que non é a primeira vez que Viggo Mortensen veste unha camiseta dun equipo de fútbol. Pois iso, nestes días Viggo = 100% Celta.
Lendo este comentario de Arsenio Escolar, veume á cabeza a intertextualidade estrutural e temática que percibín entre Non volvas, a novela de Suso de Toro, e Volver a película de Almodóvar recentemente premiada. Esta aparente coincidencia será unha paxarada miña? Unha boa oportunidade para reler a novela de Suso.
Nunha primeira ollada pode parecer que moi pouco do selo do rabudo Polanski atopamos no seu remake de Oliver Twist. Formalmente maxistral, a narración cinematográfica flúe fiel co texto da novela, ao ritmo marcado por unha fermosa banda sonora e unha ambientación decimonónica moi coidada, deixando só un oquiño final para unha homenaxe polanskiana á ambivalencia moral de Fagin, o mestre dos ladronciños. Porén, o mestre da dor deixa subterránea a súa pegada na aparentemente intrascendente exposición dos padecementos infantís como parte da condición humana e da súa maduración e perda da inocencia (algo moi dickensiano), fuxindo á mantenta do sentimentalismo de bos e malos doutras versións. A crueza arrepiante da xungla urbana londiniense (paradoxicamente unha homenaxe a Praga), amosada en detalles insignificantes, serve para expresar con frialdade a brutalidade da vida coa que aínda hoxe se enfrontan con escasa esperanza milleiros de rapaces das rúas do mundo. Eis, nese escaso doutrinarismo moral da versión de Polanski é onde atopei esas migallas de infinita humanidade que deitan todos os textos do meu admirado Charles Dickens. Creo que Polanski, a pesar do xélido desta mirada, sae ben parado da ousadía de reconstruír tan complexa narración deste mestre indiscutible do corazón humano.
Onte, despois dunha longa paseata pola Castellana e de xantar nun restaurante hindú (El séptimo cielo), fomos ver Broken Flowers (Flores rotas) en versión orixinal, obrigado pawley pola magnífica recomendación. Gustounos. Este é un exercicio soberbio de narración sutil e minimalista que amodiño vai prendendo no espectador con enorme profundidade ata deixalo rendido. Tras a a aparencia de comedia, Jim Jarmusch ofrece un drama sobre a fasquía actual da soidade e sobre a interrelacións das persoas entre elas e co mundo. O director independente norteamericano non ofrece certezas nin consellos morais. “O pasado foise, o futuro non está aquí e non o podo controlar, así que supoño que o hoxe é o único que existe”, afirma Don (o protagonista interpretado de forma maxistral por Bill Murray, que enche coa súa presenza imponente e a súa mirada de irónica tristeza toda a pantalla), ao remate dunha obra que queda aberta para a reflexión do espectador. Ese chisco de amargura agradécese no cinema de hoxe, xeralmente tan complaciente como insubstancioso. Recoméndoa.
No artigo da semana recordo o papel de Chano Piñeiro, falecido prematuramente hai dez anos, no desenvolvemento do actual sector audiovisual galego.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
