Os filmes de Agustín

Beizóns a Martin Pawley que cumpre os seus cinco primeiros anos de mestre blogueiro. Agasállanos cunha nova sección “Os filmes de…”, comezando cos do mestre Agustín. Hoxe, pois, todos somos dobremente afortunados.

Unha carta de Iciar Bollaín

Agustín recoméndame que lea a carta que Iciar Bollaín escribiu onte en El país sobre o “cine español”. Proponme, ademais, que onde pon “cine español” lea “literatura galega” e comprobarei que a carta describe unha situación parella. A verdade é que o fixen (“Se non houbera literatura galega”, titulei para min) é as coincidencias parecéronme verdadeiramente abraiantes (sector “subvencionado”, escaparate para a nosa lingua e a nosa cultura, deixar espazo nas mesas de novidades para os libros de fóra…). Propoño facer o mesmo exercicio paralelístico coa carta de Alex de la Iglesia sobre o mesmo tema… Seguro que atopamos outras tantas semellanzas.

Etiquetas:

"Os fabulosos irmáns da luz" de Olaia Sendón

O próximo sábado estréase na Punta da Barca de Muxía Os fabulosos irmáns da luz, o novo documental de Olaia Sendón que constitúe unha homenaxe ao fotógrafo Ramón Camaño, pioneiro en levar o cine á Costa da Morte. En palabras da súa autora:

“O cine era ante todo espectáculo. A posta en escea desta premiere non podía obviar esta realidade e, como non podía ser menos, o evento está organizado en torno a esta idea: ESPECTÁCULO. Malabaristas, luces, sombras, siluetas animadas… xunto co impresionante entorno da Costa da Morte: o mar, as ondas, as rochas (a de abalar e a dos cadrís). Percorrer a alfombra vermella permitirá os asistentes achegarse ao Fabuloso mundo dos Irmáns da Luz.”

Recordamos que hai un ano, Olaia presentaba o seu primeiro documental, A casa de Lola e Andrés, que obtivo unha grande acollida nos diversos festivais no que foi presentado. Neste segundo traballo, que forma parte co anterior do proxecto Costa Difunta, revisítanse os espazos que noutrora foron cines, agora desaparecidos transformados ou botados a perder, acompañando a Ramón Camaño na súa experiencia de cine itinerante pola Costa da Morte. Un traballo moi prometedor e unha estrea, que se promete espectacular, da que falaremos devagariño nestas bretemas.

Actualización (20-01-2008): A estrea espectacular recollida en La Voz de Galicia e Galicia hoxe.

Etiquetas:

"Os amigos de Chano Piñeiro"

Chegoume hoxe un exemplar d’ Os amigos de Chano Piñeiro, un libro de homenaxe (formidable o formato), coordinado por Miguel Anxo Fernández e editado pola Presidencia da Xunta de Galicia. Sempre mantiven grande lealdade con Chano, figura da que son admirador incondicional, razón pola que estou moi orgulloso de ter sido convidado a participar en tan fermoso libro achegando unha pequena colaboración agarimeira. Grazas a Mariluz e a Miguel Anxo polo convite.

Etiquetas:

"1977", curta de Peque Varela

1977 – film clip

Añadir a mi perfil | Más Videos

Hai varios meses tiven a oportunidade de ver completa esta curta de animación de Peque Varela que foi seleccionada agora para participar no Festival de Sundance. Un gran traballo da animadora ferrolá. Beizóns.
Etiquetas:

Celta: Tempada 92-93


Curtametraxe de Alejandro Marzoa [9 minutos]. Con Miguel de Lira e Carlos Blanco. Indispensable para persoas de corazón celeste. Case rompo a chorar. Beizóns para celestes.org por ter artellado semellante espazo de vídeos.
Etiquetas:

Calceta sen fin

Vía Manolo Gago (grazas, por tantas) coñezo esta curta da finlandesa Laura Neuvonen. Sei que lle vai prestar a María Reimóndez, a nosa amiga, gran tradutora e escritora. Esta semana apareceu o seu Club da calceta en italiano, asinouse o contrato para a edición en castelán e chegou do prelo a terceira edición en galego.

Realidade 07

Grazas a Pawley temos en Vigo este ciclo magnífico de cine ao aire libre.
Etiquetas.

Libro electrónico

Esta interesante curta de anticipación, promovida polo grupo Editis, propón unha reflexión sobre o que poderá ser o futuro do libro: posible ou probable? Inevitable, diría eu. Recoméndoa.

Vía Txetxu.

Ver a curtametraxe (10 minutos).

Etiquetas:

Audiovisual e edición en Galicia

Convidado pola Academia Galega do Audiovisual, o pasado xoves participei nun debate sobre as relacións do sector audiovisual co mundo da cultura. No acto, moderado por Nani García, participaron Quico Cadaval, Antía Otero, Antón Baamonde e Marcial Gondar. Centrei a miña intervención en analizar as posibilidades dunha maior transferencia entre os sectores da edición impresa e da produción audiovisual que en Galicia viven virados de costas. É un feito que a maior parte das producións audiovisuais galegas están realizadas a partir de guións orixinais, o que supón unha certa anormalidade.
Nun recente e moi documentado traballo de Camilo Franco debúxase esta realidade: só o 7% das 70 longametraxes galegas fron adaptación de obras literarias en galego (cinco películas); porcentaxe que aumenta nos telefilmes ata o 19% (5 de 22 producións), grazas, sobre todo, ao proxecto Un mundo de historias, dirixido por Antón Dobao, que vai verquendo á televisión textos de narradores contemporáneos (os máis recentes serán A mariñeira de Quilmas, O bosque de levas e O club da calceta). Paradoxicamente, a transferencia no mellora na produción de curtametraxes (onde apenas se acada o 3%), sexan tanto as documentais como as de ficción. As posibilidades que ofrecen a actual edición infantil e educativa en lingua galega, así como os retos que propón a nova literacidade dixital, foron obxecto da miña reflexión.
Tras as nosas intervencións o debate foi animadísimo. Falouse moito sobre o uso da lingua galega no audiovisual, os enfoques que podería adoptar a programación da TVG, as posibilidades que para a nosa cultura ofrece Second Life ou a necesidade de contar cun proxecto empresarial multimedia dirixido á cultura urbana. Ao remate do debate coñecimos a noticia da produción en 2008 d’ A casa da luz, unha longametraxe dirixida por Carlos Amil, baseada na novela de Xabier P. Docampo.