Campo do Fragoso LXIV

MAL COMEZO
Tras as boas sensacións da pretempada tiñamos fundadas esperanzas en que este Celta refundado na concursal comezaría a liga de forma ilusionante e axiña nos faría esquecer dous anos de pesadelo. Porén, este Celta do trinque (no que só permanecen dous xogadores da tempada pasada no primeiro equipo titular, o capitán Rubén e o medio centro destrutor Rosada) amosouse aínda moi inmaduro e absolutamente incapaz de superar a un equipo tan ben estruturado como o Girona, o recén ascendido que noqueou na fase de ascenso ao Pontevedra e permaneceu invito na pasada tempada regular de 2º B. Foron os cataláns un óso demasiado duro de roer para un equipo aínda en construción, como é o de Pepe Murcia, máis obsesionado por manter o axuste do seu debuxo táctico e o control do xogo ca en procurar situacións de vantaxe e de perigo na área rival. Dende o inicio, os de Raúl Agné agardaron polos celestes diante da frontal da súa área onde, coa excepción dun par de internadas polas bandas dun magnífico e descarado Dani Abalo (o canteirán foi o mellor dos célticos) e dunha moi boa galopada de Óscar Díaz, finalizaban as lentísimas combinacións dirixidas dende o centro por Trashorras, o único mediocampista dos nosos con certa capacidade creativa. Unha e outra vez as tenues subidas celestes quedaban afogadas alí pola intensidade defensiva catalana que aproveitaba as súas recuperacións para despregar perigosos e veloces contraataques que supuxeron un par de clarísimas oportunidades malogradas in extremis por Notario, o novo gardarredes céltico. Tras a reanudación, apenas variou este panorama ata que no minuto dezaoito un erro fatal nun despexe dentro da área celeste de Óscar Díaz facilitou que o Girona marcase a pracer o seu gol. Entón, Pepe Murcia non soubo reaccionar; desconcertado agardou un cuarto de hora para introducir, entón á desesperada, toda a súa artillaría ofensiva, un feito que apenas intimidou a un Girona xa cada vez máis seguro e dominador do partido. Ademais do sabor agre desta primeira derrota e da preocupante incapacidade rematadora amosada por todos os novos atacantes celestes (tanto Ghilas, David como Dinei estiveron a un baixo nivel), o encontro deixou algunha escintilación de esperanza, sobre todo polo bo comportamento dos dous centrais galegos (Rubén e Noguerol estiveron impecables) e polo perigo creado por Dani Abalo na súa banda, ao que contribuíu o seu bo entendemento con Trashorras. Agardabamos moito máis. Un pobrísimo balance para un mal comezo do proxecto de Pepe Murcia.

A completísima reportaxe fotográfica do partido é de Javicelta. Obrigado.

Kamel Ghilas, novo dianteiro do Celta

Procedente do Vitoria Guimarães chega ao Celta Kamel Fhati Ghilas, un atacante versátil (principalmente de banda esquerda) internacional arxeliano con pasaporte francés. Ghilas xogou tres tempadas na liga francesa co Cannes e logo pasou á liga portuguesa. O máis sorprendente é que parece estivo na axenda do Arsenal de Wenger. Alguén pode explicar como é posible que un xogador polo que na primavera pasada se pedían 1,75 millóns de libras polo seu traspaso, cun equipo clasificado para a previa da Champions pode chegar libre ao Celta da concursal e fichar por tres anos? Semella cousa de meigas. No vídeo poden verse algúns dos seus goles co “Eurovitoria”: “tres preciosos tantos” para o locutor portugués. Semella unha boa fichaxe este compatriota de Zidane. Ghilas (autodenominado “o fenómeno alxerino”) ten aberto este blog.

Salvemos o Celta!

Esta paréceme unha iniciativa oportuna. Velaí dous parágrafos do manifesto apoiado por celtistas de todas as condicións:

“O Celta é máis que unha Sociedade Anónima Deportiva. É algo máis que un nome, é un sentimento en algo que para algúns tan só é un deporte de masas, pero que a nós, celtistas, levanos a sentir dende as maiores ledicias ás máis profundas depresións. Algo que non se pode explicar con verbas.
Por iso as novas acerca da súa posible desaparición amosan unha profunda preocupación por algo que naceu alá no ano 1923. Facemos o chamamento por nós, os siareiros actuais. Polos nosos pais e avós que nos levaron por primeira vez a Balaídos. Polos fundadores, por Manuel De Castro “Handicap”. Polos nosos fillos, que herdarán o noso sentimento. O Celta non pode desaparecer, non se pode borrar as ilusións, esforzos de tanta xente ó longo de tantos anos.”

Pode asinarse aquí.

Campo do Fragoso XLIII

ESCÁNDALO
Nunca na nosa historia de seareiros celestes, e levamos acudindo a Balaídos dende hai corenta anos, sentimos tanta vergonza e tanta indignación polo comportamento do noso equipo como na segunda parte do encontro de onte. A primeira foi moi cómoda. O Celta, levando o partido ao ralentí, como se estivese disputando un partido de preparación fronte a un rival moi inferior, púxose por diante aos dez minutos, grazas a un servizo moi longo de Núñez que Canobbio rematou cunha boa dereita. Logo, mantendo o mesmo ritmo preguiceiro e diante da incomprensible anemia atacante do Alavés, que apenas chegou con perigo nun par de ocasións, Perera estragou varias oportunidades claras para aumentar o marcador. Porén, tras a reanudación mudou o panorama de arriba a abaixo. O equipo visitante, apupado polos seus numerosos seareiros, situados en Río Baixo, saíu disposto a gañar o encontro, mentres que o noso, semellaba que prefería non facelo. Como aquel Bartleby, o oficinista que inmortalizara Herman Melville, os celestes fixeron da súa inhibición, da súa apatía (preferimos pensar froito do seu decaído estado de ánimo) o comportamento que facilitou que os alavesistas metesen tres goles verbeneiros en só seis minutos, asegurando así a súa permanencia e condenando irremisiblemente ao Rácing de Ferrol ao descenso. Foi entón cando os seareiros celestes rebentamos irados, diante da inhibición dun cadro de xogadores de conveniencia, aos que non lles importaba que esta nova derrota provocase un impacto emocional tan duro para os seus afeccionados, avergonzados polo castigo enorme e inxusto que o seu Celta infrinxía ao segundo equipo galego do seu corazón. Con este comportamento indigno, este equipo formado por Ramón Martínez, o auténtico responsable desta tempada de catástrofe, acadou o seu máximo nivel de degradación, xa que rebasou as liñas dos valores incuestionables do deporte: o esforzo e o orgullo para acadar a vitoria. O escándalo chegou ao seu cénit cando o arbitro asubiou o remate do encontro: a maioría dos xogadores célticos, coa excepción de Antonio Núñez (un profesional dunha peza), correron a toda mecha para protexerse no curral do vestiario. Nese momento, nas bancadas había unanimidade: a aplicación da Concursal é unha magnífica oportunidade para desfacerse canto antes deste cadro de mediocres millonarios que non merecen levar durante máis tempo a camiseta celeste que representa ao país dos galegos. Non hai dúbida, a tempada que ven, teremos que mudar de xente.

Celta, a derradeira oportunidade

No artigo da semana volvo coa miña reflexión sobre a crise do Celta e as posibilidades de refundación do seu proxecto galego.

A derradeira oportunidade para o Celta

Estaba cantado. A pésima tempada a nivel deportivo e os múltiples erros de xestión da era Horacio obrigaron ao consello de administración do Celta a solicitar voluntariamente no xulgado mercantil a concursal (o que antes chamaban quebra ou suspensión de pagamentos). Non existía marxe ningunha, xa que a outra posibilidade que tiña Mouriño sería promover a disolución do club. A pesar de que o caso do Celta non é único (o Deportivo debe 150 millóns), a situación celeste, agotadas as posibilidades de ascenso e os ingresos televisivos que supoñerían, é desesperada. A pesar de que todo o mundo do futbol profesional español está arruinado (o que demostra o fracaso da aplicación e posta en práctica da Lei de Sociedades Anónimas Deportivas), son os clubes de segunda aos que lles está tocando apandar co inicio dunha nova reconversión, quizais máis dolorosa que a realizada nos anos noventa.
A Concursal do Celta, inserida nun plan de viabilidade (no que se pretende renegociar a débeda con Facenda, Caixanova e asegurar unha cesión do estadio por parte do concello e durante vinte anos) pretende reducir a enorme débeda da entidade (84 millóns de euros, recoñecidos a finais de 2007, ás que habería que engadir as perdas do primeiro semestre deste ano como consecuencia do fracaso de non acadar o ascenso) en cinco anos e endereitar un barco que vimos á deriva ao longo das dúas últimas tempadas.
É innegable que esta nova situación xurídica supoñerá para o Celta importantes dificultades e propón múltiples dúbidas, na medida que o club terá un estreitísimo marxe de manobra para xestionar a súa (ata agora, nefasta) política deportiva, xa que será controlado por unha instancia xudicial. Isto suporá que o club será xestionado cunha economía meduliana: rebaixaranse as posibilidades de novas fichaxes e ás contías dos salarios de técnicos, directivos e, sobre todo, xogadores. O primeiro efecto da Concursal será, inevitablemente, o dunha importante limpeza no cadro de futbolistas. E iso pode ser moi positivo –como demostra a situación do Sporting de Xixón e do Málaga, que nesta mesma situación pelexarán esta fin de semana polo ascenso–, se axuda a que directivos e seareiros baixemos da nube fachendosa na que estivemos instalados por riba das nosas posibilidades (durante unha década) e recuperemos a identidade de equipo humilde que representa aos laboriosos galegos. Por moito que doa, non podemos seguir vivindo eternamente do soño daquel marabilloso xogo da serpe do Eurcocelta, alicerzado nos mellores tempos de Mostovoi, Karpin e Víctor Fernández. Agora toca volver atravesar, durante algunhas tempadas (cantas?), o deserto da Segunda; o que pode constituír unha magnífica oportunidade para refacer un proxecto futbolístico galego (onde dificilmente lle vexo cabida ao actual director deportivo), baseado nunha combinación axeitada de canteiráns (dende Borja, Roberto Lago, Michu a Iago Aspas) e mozos e veteráns repatriados (dende a fichaxe de Trashorras á cesión de Jonathan Pereira). Toca volver a aquel Celta humilde da nosa nenez (o de Ibarreche, Herminio, Las Heras…). Esta pode ser a derradeira oportunidade para evitar destrozar a memoria de oito décadas de fútbol atlántico.

Actualización (11-06-2008): Claves para entender a aplicación da lei concursal (Faro de Vigo).

Campo do Fragoso LXII

SAN ESTEBAN
A pesar da decepción do empate co Tenerife, tras levar unha boa vantaxe de dous goles, este Celta de Alejandro Menéndez ten mellor cara que o dos adestradores anteriores. É máis equipo, xa que desenvolve un xogo máis solidario e sacrificado, ao longo do encontro desenvolve máis variantes tácticas polas bandas e, polo menos, amosa un chisco máis de orgullo. Novidades todas que, despois da pobrísima actitude que mantivo ao longo da tempada, son de salientar. Foi o partido moi entretido e intenso dende o comezo. Xa no primeiro cuarto de hora houbo oportunidades nas dúas portarías. O gol de Perera chegou axiña, no minuto dezaseis, tras unha elegante apertura de Fabián Canobbio sobre o recanto da banda dereita, desde a que Núñez enganchou sen deixar botar a pelota, para que o noso pichichi, tras buscarlle as costas á defensa canaria, cabecease ás redes. Un gol magnífico. Despois do tanto, os celestes souberon modular o ritmo do encontro desarborando aos rivais (sobre todo por mor dun traballo tan excelente como calado de Michu), ata que no minuto 43 unha nova parvada de Diego Costa (un reincidente que non madura) levouno a autoexpulsarse. Dende entón, o partido mudou completamente a súa deriva. Apenas comezada a segunda parte, Nino (o goleador tinerfeño) estragou un penalti que, como sucedera a pasada semana, soubo atrapar un xenial Esteban, que conseguira antes meter unha man milagreira tras un duro remate a queimarroupa. A partir desta parada decisiva, o partido gañou en intensidade. Un magnífico Núñez recuperou unha pelota case no medio do campo, galopou a banda toda, caneou o defensa na área e con acougo soubo cruzar o balón á saída do porteiro. Outro gol estupendo. O partido semellaba gañado. Porén, os canarios, moi voluntariosos, souberon insistir na súa presión sobre a frontal da área nosa, convencidos que alí poderían aproveitar a súa superioridade numérica. Desgraciadamente para os galegos así foi, ao que contribuíu un troco, que cremos errado, de Sales por Perera. O Celta perdeu así a capacidade intimidatoria dos contragolpes do seu mellor dianteiro e, mermado polo sobreesforzo, foise afogando na súa impotencia. A ninguén estrañou que en tales condicións chegase a igualada, un resultado xusto tras un partido moi competido, onde os dous equipos tiveron semellantes opcións de vitoria. Con todo, a diferenza doutras ocasións, o público que queda nas bancadas deu o resultado por bo: San Esteban coas súas paradas decisivas agasallounos con outro puntiño.

Campo do Fragoso LXI

50 PUNTOS
Alejandro Menéndez, o cuarto adestrador desta tempada, conseguiu no seu primeiro encontro endereitar a deriva na que caera o Celta tras tres derrotas consecutivas. Acadar os 50 puntos, que deberían afastarnos de todos os perigos e fantasmas, é unha boa noticia para os seareiros celestes; mais a recuperación dunha certa disciplina táctica, dunha descoñecida capacidade goleadora e, sobre todo, dunha mellor actitude de todos os membros do equipo poden ser aínda mellores novidades. O encontro comezou co público máis pendente das evolucións de Gustavo López (apupado agarimosamente ao remate) ca dos nerviosos xogadores celestes. Xa aos catro minutos, os cadistas anunciaron cunha gran xogada que, a pesar das súas limitacións, viñan dispostos a dar batalla. Houbo que agardar un cuarto de hora para que o recuperado Quincy enviase o seu primeiro aviso a Limia e para que, poucos minutos despois, cabecease con moito perigo un bo servizo de Canobbio. Á media hora, o uruguaio (moi motivado) fabricou un magnífico pase interior que aproveitou Perera para abrir o marcador. A diferenza de encontros anteriores, o gol aguilloou aos celestes que a partir de entón reinaron con autoridade. Unha xenialidade espectacular de Quincy, catro bicicletas e unha rosca moi axustada ao pao esquerdo, supuxo o segundo tanto. Tras o descanso, cos de Procopio dispostos a intentar a remontada, os galegos defendéronse con xeito buscando contras que aproveitasen a sociedade dos seus tres veloces dianteiros. Deste xeito chegou o segundo gol de Perera, tras un servizo dende a banda dun inspiradísimo Quincy, demostrando que funcionaba a fórmula ideada por Menéndez: moita disciplina atrás, moita fantasía e velocidade diante. Un centro medido de Gustavo (que demostrou non ter esquecidas as súas mañas) foi ben rematado por Dani (unha das tradicionais bestas dos celestes). Este gol abriu esperanzas para os cadistas, porén foron estragadas axiña por outro golazo de Quincy, tras unha contra dirixida con gran tranquilidade por Jorge Larena na súa primeira xogada. Nos minutos finais marcáronse outros dous goles, o dos gaditanos tras un fóra de xogo sinalado polo asistente que o arbitro non atendeu, o dos celestes por un penalti cometido sobre Diego Costa que transformou Larena. Pechábase así unha merecida goleada do Celta que devolveu unha tímida ledicia á bancada e permite abrir esperanzas sobre a fiabilidade do técnico. Contar cun adestrador solvente podería ser a gran noticia do partido de onte.

Campo do Fragoso LX

RIR OU CHORAR?
Aínda
que os resistentes celestes temos coiro abondo para encaixar unha nova derrota, hai unha coincidencia xeralizada nas bancadas de Balaídos en que o mellor que podemos agardar é que remate canto antes esta tempada nefasta protagonizada por un Celta patético e ridículo, diante do que xa non sabemos se é mellor chorar os sete chorares pola súa falta de alma ou rir a escache pola candorosa inxenuidade dos seus xogadores e o seu cadro técnico. Diante do Málaga, un equipo máis ben simpliño (que, por certo, vai conseguir o ascenso, o que demostra, contra todo o que se di, o accesible desta categoría), repetiuse liña por liña o guión doutras tantas derrotas celestes: poñémonos por diante ao comezo da primeira parte; logo os nosos dianteiros estragan tres ou catro ocasións de gol desas cantadas; e, xa avanzada a segunda, un par de erros defensivos ridículos estragan todas as nosas posibilidades de vitoria. Sucedeu a pasada semana en Tarragona, cando o Celta tiña gañado o encontro no minuto setenta; e volveu a repetirse onte, cando o Celta fixera o máis difícil, adiantarse de chiripa no marcador (grazas a un claro penalti sobre Okkas no minuto vinte e cinco, que transformou Canobbio), tras unha saída atacante moi intensa dos malacitanos que durante o primeiro cuarto de hora non deixaron saír aos nosos da súa área e obrigaron a Esteban a sacar algunha man preciosa cando o balón se precitaba sobre as redes. Co marcador en contra o Málaga quedou grogui ata o descanso, mais os dianteiros celestes, como é adoito no guión dos seus partidos, estragaron tres claras oportunidades para liquidar o encontro. Tras a reanudación, o torpiño adestrador celeste non soubo ler que a incorporación de Sandro no medio do campo (onde, ata entón Michu e Vitolo polo menos gañaban no barullo) supoñía que os malagueños non entregaran o partido. Abondou unha perda de balón infantil de Okkas no medio campo para abrir un amplo corredor que soubo aproveitar Eliseu e, cinco minutos despois, nunha xogada de estratexia o conxunto da defensa céltica agasallou de forma elegante a Ivan Rosado toda a pelota para que os malacitanos levasen o encontro. Diante de semellante e reiterado ridículo, impropio dun conxunto de fútbol profesional, as bancadas divertíronse solicitando a marcha do propietario do club e a presenza do Celta B. Que cren que debemos facer os afeccionados: rir ou chorar?

Campo do Fragoso LIX

SOUBO A POUCO
Os pouco máis de catro mil resistentes espallados polas bancadas estragadas de Balaídos acudimos ao estadio con escasas esperanzas de saír minimamente satisfeitos. Habituados a unha tempada de xogo nefasto e resultados decepcionantes, a vitoria raquítica fronte ao Hércules sóubonos a pouco. Outra xornada máis, quedamos co mel nos beizos de poder gozar dunha vitoria ampla e de non sufrir o desacougo de pedir medrosos á hora nos minutos finais. Onte o Celta, sen facer un partido doutro xoves (a esta altura, os celtistas somos de moi bo conformar), mereceu un resultado máis avultado polas numerosas oportunidades que elaborou e por un xogo de calidade moi superior ao dun Hércules anémico e desorganizado. Sen ter apenas problemas defensivos e, cada vez mellor asentado no medio de campo, onde a parella Rosada-Michu vai collendo o seu punto, os nosos aseñoraron o partido durante oitenta minutos, nos que tiveron oportunidades abondas para acadar un resultado máis amplo. O gol de Okkas, no minuto trece, anticipándose na área pequena á defensa alacantina e rematando un saque de falta de Larena dende o lateral, prometía que poderíamos asistir, por fin, a un encontro tranquilo. Poucos minutos despois, Núñez culminou cun pexegazo raso, magnífico, unha combinación de toda a dianteira, acción que repetiu, ben entrada a reanudación, con outro formidable disparo, dende trinta metros, repelido pola escuadra, que botou na mesma liña de gol. Michu tamén puido marcar cun cabezazo que lambeu o poste. Outrosí sucedeulle a un Diego Costa famento de gol, mais que non tivo o seu mellor día: ao comezo da segunda parte, o poste malogrou a súa fermosa chilena dende a área pequena; tampouco tivo fortuna e serenidade suficiente, noutro par de ocasións, para canear ao porteiro no momento decisivo. O Hércules, un equipiño de veteráns, de capa caída, coma o noso, conseguiu desfacerse do control celeste no derradeiro treito do partido, no que conseguiu a súa única chegada, un formidable remate ao longueiro de Ión Vélez, que nos puxo un nó na gorxa, demostrando que este Celta, mesmo cando gaña, é un equipo agónico de seu. Con todo, a vitoria aforra desacougos e o medo a imprevistos de última hora, colocando aos celestes no camiño de comezar o proxecto da vindeira tempada. Antonio López ten a oportunidade de foguear aos canteiráns nas xornadas que restan. Unha boa oportunidade para recuperar a ilusión perdida.

Etiquetas: