«Diario Cultural», magnífico blog
/en Blogs, Blogs_e_libros/por bretemasMagnífico o blog do Diario Cultural da Radio Galega. Convertirase, como xa o é dende tanto tempo o seu programa diario, nun dos referentes da nosa información cultural. Os cortes das gravacións do arquivo do programa constitúen un recurso textual excelente. Beizóns para Ana Romaní e o seu equipo.
Que é un libro? Frankfurt 2008
/en Blogs, Libro, Polémicas/por bretemasA polémica sobre o carácter inédito ou édito dun texto presentado a un premio literario é outra proba do moito que está mudando o mundo da edición, as súas rutinas, usos e costumes. O debate de fondo de tantas polémicas reside na dificultade de contestar á pregunta de «que é un libro?». Leo en ediciona, un dos meus blogs de referencia sobre o debate actual sobre os futuros do libro, o que entenden por un «libro» os responsables de comunicación da Feira de Frankfurt 2008 (onde acudiremos dentro de tres semanas): «unha das varias posibilidades de procesar, circular e difundir contido. Outras vías para lograr o mesmo propósito son os sitios web, os xogos de ordenador e os arquivos de audio». Unha definición tan ampla que abre aínda moito máis o debate. Estou xa inquedo por comprobar o que ferve no eido da edición electrónica mundial, un dos temas principais deste novo Frankfurt.
Rogerio Santos proporciona publica unha interesante anotación sobre o posible estatuto dos blogs na Unión Europea. Eis outro texto para afondar na polémica.
O premio de Eduardo Estévez
/en Blogs, Poesía, Polémicas, Premios/por bretemasA decisión do xurado do Premio de poesía González Garcés, convocado pola Deputación da Coruña, de emendar o seu veredito e retirarlle o premio a Eduardo Estévez paréceme un lamentable erro. Non hai dúbida de que a utilización dos medios dixitais (como fixo Estévez no seu blog) para a comunicación de textos literarios pode crear confusión sobre algúns termos (como o de «obra inédita») que se veñen utilizando nas bases dos premios literarios. Estévez, un dos pioneiros galegos neste eido, pagou coa confusión terminolóxica deste xurado un prezo absolutamente desproporcionado a súa novidosa e valente proposta creadora. Albisco, canto menos, unhas cantas razóns para contradicir o trasacordo do xurado:
– A obra –entendida como «libro que contén un traballo completo, ben sexa nun único volume en varios» (segundo definición do Dicionario Xerais)– presentada ao concurso por Estévez estaba inédita, xa que non fora editada nun soporte impreso con anterioridade nin sometida aos procesos de edición dixital convencionais (preparada para a súa descarga); nin tampouco contaba con rexistro de ISBN ou de Depósito Legal nin sequera do preceptivo ISSN das publicacións periódicas. E o dicimos tomando en conta a diferenciación clarísima que establece a actual Lei de Propiedade Intelectual entre os conceptos de comunicación pública, reprodución e distribución dunha obra (proceso este último ao que se refire o concepto de edición e o que permite diferenciar xuridicamente entre obras éditas e inéditas). Un blog, como ben sinala o editor Juan Blanco Valdés, coas características técnicas que adopta neste momento, non pode ser considerada «unha edición» (xa que, como ben sabemos, pode ser modificada en calquera momento polo seu autor), o que non impide que sexa un soporte de comunicación pública, como tamén o é un recital no que un poeta le os seus textos inéditos.
– O blog «en construción», no que Estévez xermolou boa parte do seu poemario (un proceso de «work in progress» no que os textos non son definitivos), tampouco podería ser considerado un libro electrónico ou dixital, xa que non adopta ningún dos formatos habituais (PDF ou PRC) neste tipo de soportes.
– As bases do premio establecen a responsabilidade da Deputación Provincial «na edición da obra» (o que é o mesmo que dicir na súa distribución nun soporte pechado), ben é certo que sen explicitar que sería impresa en papel ou difundida en soporte dixital pechado. Esta indefinición na redacción das bases (común na maior parte dos premios literarios convocados en Galicia) non pode ser utilizada como argumento nin a prol nin en contra de ningunha das obras presentadas ao concurso.
– No momento da súa primeira deliberación os membros do xurado poderían ter coñecido o feito de que o orixinal, sometido agora a polémica, fora xestado no blog responsabilidade de Eduardo Estévez.
Sexa como for, o poeta Eduardo Estévez é o autor da obra literariamente preferida polo xurado, o que o sinala como o gañador moral do certame. Mágoa que non poida recibir, ademais, o recoñecemento económico ao seu traballo. Do triste proceder dos que intentan gañar os premios literarios nos despachos, é preferible calar.
Aconsello a lectura das anotacións sobre esta polémica publicadas nos blogs de Juan Blanco Valdés e O levantador de minas (onde aparecen no apartado de comentarios os informes completos emitidos polos editores Miguel Anxo Fernán Vello e Fran Alonso sobre a cuestión).
Actualización (26-09-2008): Vieiros.
Desculpas
/en Blogs/por bretemasLándoa
/en Blogs/por bretemasLándoa. Marxes de texto é un blog a seguir. Recoméndoo vivamente.
A anotación de "Tio Vivo"
/en Blogs, Cómic, Imaxes, Lingua/por bretemas
Agradecido a todos os participantes na anotación (que aínda pode dar de si), recollo unha viñeta de “Mortadelo e Filemón”, da que dá conta Gonzalo Vilas, na que volven aparecer os “simpáticos galleguiños”.
Recordade premer sobre a imaxe para lela con maior facilidade.
Blog Day 2008
/en Blogs, Blogs_e_libros, Efemérides/por bretemasHoxe é o Blog Day e como é adoito en semellante día corresponde recomendar cinco blogs de diversas comunidades e linguas. Aí vai a miña proposta deste ano para seguir tecendo a rede de blogs e libros:
- Cadeirão Voltaire (non confundir co blog de Jaureguizar), interesante blog literario en portugués de Sara Figueiredo Costa, unha das autoras do tamén moi interesante O bicho dos livros.
- Ediciona (o blog dos profesionais do mundo editorial), blog en castelán, informadísimo sobre a actualidade do mundo da edición internacional, con atención especial ao debate sobre o libro dixital.
- Po dos livros, blog en portugués da libraría homónima de Lisboa, contén vídeos de fomento da lectura moi bos.
- La cárcel de papel (diario dun lector de tebeos), blog en castelán de Álvaro Pons, referente inescusable no mundo da banda deseñada.
- Blogtailors (o blogue da edição), blog en portugués dos autores de Extratexto, onde se pode atopar actualizadísima información sobre a edición internacional.
2000
/en Blogs, Internet, Literacidade, Persoal/por bretemasNestes dous últimos anos, estas brétemas foron tamén ampliando a súa mirada temática (nada do que nos afecta podemos consideralo alleo) e reducindo o peso da crónica do noso traballo como editores de Xerais (sobre todo dende a apertura do blog da editorial, onde agora publicamos moitas das informacións que aparecían aquí). No entanto, continuamos a nosa reflexión acougada (e escasamente apocalíptica) sobre os futuros do libro (quizais hoxe o tema central de brétemas), nun momento de clara transición entre soportes, no que a primacía da calidade do contido textual é o valor principal. Continuamos tamén achegando a nosa preocupación pola participación política (singularmente en Galicia, un país que nos doe e estimula na esperanza), cando se albiscan sombras preocupantes sobre a derrota (entendida como deriva, loxicamente) da cultura da cidadanía. Temas que non nos impiden, madia leva!, desbordar a nosa subxectividade máis emotiva sobre temas futbolísticos (sen eu pretendelo, outro dos sinais de identidade do blog), onde nos sentimos menos determinados ca noutros eidos que requiren maior racionalidade.
Dende a anotación número 1000, estas brétemas recibiron máis de tres mil comentarios, o que supón unha clara redución con respecto ás mil primeiras, un fenómeno que vimos comprobando se produciu na maioría dos blogs (non só galegos). Con todo, conservamos un número de visitas que non deixa de abraiarnos e as que debemos agradecer a súa deferencia por lelas, enmedalas e criticalas. Seguimos crendo que a razón de ser dos blogs, destas identidades individuais de dominio público, no marco da nova web 2.0 (non sei se debe dicirse 3.0), reside en compartir informacións, reflexións, opinións, lecturas, películas, cancións, saudades, cabreos, risas ou momentos de beleza… entre amigos e amigas. Nesa angueira, seguiremos mentres teñamos acougo e azos.
Blogs e lectura
/en Blogs, Eventos, Lectura/por bretemas
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- Audiolibros12 de Marzo de 2025 - 9:27 a.m.
- Carlos Núñez «le vieux»11 de Marzo de 2025 - 7:38 a.m.
- 500 días celestes felices10 de Marzo de 2025 - 4:28 p.m.
- Nova temporada5 de Marzo de 2025 - 2:31 p.m.
- Son coma glaciares4 de Marzo de 2025 - 2:04 p.m.