Onte 1788: A novela de vidas cruzadas de Cajaraville

Pilar_Ponte_Hector_Cajaraville_Goretti_Sanmartin_29-11-2016

Presentamos onte na Libraría Couceiro A caixiña dos rancores (Vidas cruzadas), a novela coa que Héctor Cajaraville gañou o Premio de literatura Infantil e Xuvenil Raíña Lupa da Deputación da Coruña. Un acto no que Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, destacou o valor dunha novela gañadora dun premio de literatura xuvenil que se dirixie a tódos os públicos, especialmente ao das persoas maiores que “son as que conforman os clubes de lectura de todo o país”. Ademais de sinalar a importancia dos premios literarios, “que abren posibilidades de descubrir escritores e escritoras novos” e confesar a súa preferencia polo título Vidas cruzadas, Goretti Sanmartín salientou “as doses de humor e tenrura coas que se aborda un tema tan duro como é o dos bebés roubados”.

XG00268301Pilar Ponte A profa trouxo á presentación a súa particular caixiña dos rancores da que foi tirando textos, que moito divertiron aos participantes que encheron Couceiro. Logo meteuse en fariña e foi sinalando o que baixo o seu criterio “hai e non hai na novela de Héctor”. “Hai denuncia social, si, pero non fai literatura reivindicativa. Hai un núcleo tráxico, xa que é unha novela que se achega á traxedia, mais non nos afogamos nela. Hai investigación, pero non é unha novela de detectives. Hai un humor, pero non é unha comedia. E sobre todo o que hai un gran retrato. En todas as súas obras Cajaraville demostra que é un gran retratista, sobre todo de mulleres maiores: América en De remate, Divina en Quen dá a quenda?, Chiruca n’ A caixiña dos rancores”. Pilar detívose no personaxe de Chiruca, unha señora que ten a habilidade de andar por casa, é como a veciña que te atopas no ascensor. Hector fai un retrato tal cal do natural, onde non hai nada ficticio. Unha muller que malia os seus achaques nunca perde o humor, o que a axuda a sobrelevar os seus problemas”.

A seguir, Pilar destacou “a amizade preciosa entre Estevo, un adolescente, e Chiruca. Xorde polo cruzamento dunha moto entre ambos os dous protagonistas e a participaicón dunha xuíza moi particular, que permite se estableza unha relación entre estas dúas persoas de idade tan distinta, até que xorde unha comprensión e unha preocupación sobre o que lle acontece ao outro”. Sinalou, tamén, a importancia de Paula, “un personaxe que representa a necesidade de xustiza e memoria, capaz de mobilizar a investigación”. “O centro dramático da novela é o do roubo dos nenos, un fenómeno que en España, entre 1940 e 1990, afectou a 300.000 pequenos. Entendo este fenómeno como unha manifestación de violencia de xénero sobre mulleres solteiras, soas ou viúvas, aproveitando situacións de indefensión”. Rematou Pilar Ponte falando de como a novela aborda a cuestión das identidades, “xa que para estas mulleres a vida que levaron non era a súa vida”. “Este é un libro de educación emocional. Sei que hoxe hai moitos rapaces e rapazas que descoñecen a vida dos seus avós. Hai que abrirlles os ollos, teñen unha fonte inmensa de afectos e cariño que non están aproveitando”.

Pola súa banda, Héctor Cajaraville confesou que “non tiña claro quen son os protagonistas da novela”. “Creo que Chiruca dá cohesión a todo o que se conta. A caixiña dos rancores é unha novela xuvenil protagonizada por unha señora maior”. “Sei que é unha historia dura sobre tantos casos de nenos roubados, un fenómeno que afectou a un de cada cen nacementos, o que é unha auténtica barbaridade”. Héctor salientou que para el “o verdadeiro motor da novela é a relación entre Chiruca e os dous rapaces, Estevo e Paula”. “Concibina como unha novela de diálogos na que me dou por pagado se sonan a natural e crible”. Confesou que nas novelas anteriores utilizara “una estrutura poliédrica, mais nesta é máis clásica e convencional, o que me resultou máis difícil, foi un traballo de creación máis arduo que os anteriores”. Rematou Héctor Cajaraville expresando que “todos os meus libros son moi distintos, quero que cada un sexa diferente aos anteriores; non quero facer segundas partes nin triloxías nin secuelas, iso é o que pretendo”.

Onte 1786: Xesús Alonso Montero 88

XAM_88_03

Medio cento de amigos e amigas acompañamos onte a Xesús Alonso Montero no xantar do seu 88 aniversario. Un xuntoiro de moita xoldra que, como xa é tradicional, se celebrou no restaurante As Chavolas, a carón das parroquias da Groba e Ventosela, onde ten as súas raíces o profesor. No seu discurso de sobremesa don Xesús agradeceu os agarimos e poder compartir o pan cos amigos, ao tempo que lembrou con emoción os pasamentos nas últimas corenta e oito horas do poeta Marcos Ana e do comandante Fidel Castro. Rematou lendo a súa “Oda ás cen palabras fermosas da lingua galega” incluída no libro Versos dun fistor republicano, marxista, ateo e un pouco epicúreo (Xerais, 2017), no que antologa a súa produción poética de máis de cincuenta anos, que chegará ás librarías a comezos do vindeiro mes de febreiro. As sorpresas tampouco faltaron neste 88 aniversario no que Alonso Montero expresou o seu compromiso de continuar no futuro loitando polos seus ideais. Beizóns, profesor!

Onte 1785: Presentación mundial de «Marcopola 4« en Banda Deseñada

Marcopola_26-11-2016

Non cabía onte unha agulla na Librería Banda Deseñada do Calvario na presentación mundial de Avoa Power, a cuarta entrega do de Marcopola, a serie de cómic infantil de Jacobo Fernández Serrano. Moitos fans da serie acompañaron a un autor que se amosou feliz e desenvolveu unha longuísima e moi fermosa sesión de asinaturas.

XG00236201Jacobo confesou na sua intervención que «o cómic dá moitas satisfaccións pola alquimia entre debuxos e texto, mais tamén dá moito traballo». Expresou a súa satisfacción por ofrecer «esta serie de cómic infantil que conta xa con catro números, publicada en galego, castelán e catalán, da que prometemos máis entregas e da que por fortuna contamos con público. Un éxito que debemos agradecer». Apoiada nas imaxes, Jacobo explicou o porceso de composición de cada páxina, que conta con tres capas. Detívose, despois, no personaxe da Avoa Power, «un Merlín feminino, capaz de solucionar coa pintura os diversos problemas que lle formula a xente». «A maxia que emprega a pintora ten lugar nas propias páxinas do libro. Non necesitamos no cómic doutros aditamentos. Todo sucede diante do lector. O personaxe contrario é o Tigre, que fai que as cousas desaparezan. O noso traballo como autores é que aparezan cousas, emocións e sentimentos na cabeza dos lectores».

Na quenda de preguntas, HJacobo anunciou que a quinta entrega de Marcopola titularase Pernechas. Confesou que está valorando a posibilidade de preparar unha triloxía arredor do personaxe do Tigre, un ladrón que tamén é un pais de familia, para explicar cales son as razóns polas que rouba.

Onte 1784: A heptaloxía de Ramón Caride

No serán de onte presentamos en Cambados O camiño da Estadea, a derradeira entrega da heptaloxía de Said e Sheila do escritor Ramón Caride. Un acto no que acompañaron ao autor Víctor Camaño, en representación do concello de Cambados, a historiadora Maribel Iglesias e o escritor Manuel Núñez. Mentres que Maribel Iglesias sinalou que esta última entrega da serie iniciada con Perigo vexetal «era máis social e cun maior contido moral cas anteriores», Manuel Núñez, detívose en analizar o mito da Estadea, «que obedece a unha necesidade humana da vida despois da morte, algo universal, presente en todas as culturas».

XG00258801Pola súa banda, Ramón Caride expresou a súa emoción por remtar este proxecto, iniciado en 1995 coa publicación de Perigo vexetal, premio Merlín daquel ano. Lembrou con emoción a presentación na mesma sala de Exposalnés, hai case vinte anos, do segundo volume Ameaza na Antártida. Cualificou O camiño da Estadea como un libro de medo e terror. «Moito da escritura deste libro ven do que lin sobre a guerra dos Balcáns, onde ningunha vítima daquel conflito pode explicar o que alí sucedeu». Recordou como foi xestándose a heptaloxía, na que inclúe cinco novelas e dous relatos: «empeceina de forma inxenua, mais á altura do terceiro, O futuro roubado, que a pesar de concibila como unha serie futurista de ciencia ficción tiña que falar do presente. Grazas a posibilidade de viaxar no tempo puiden abordar temas como o do Prestige na cuarta das novelas A negrura do mar». Rematou sinalando que «O camiño da Estadea é unha novela dentro dunha novela, unha crónica familiar, que supuxo o regreso de Sheila e Said ao ano 2009 para abordar a ferida da guerra de Kosovo».

Onte 1783: “O inspector e mais eu” de Ignacio Vidal Portabales

Armando_Requeixo-Ignacio_Vidal_23-11-2016

Presentamos onte na Libraría Couceiro de Compostela O inspector e mais eu, a segunda novela de Ignacio Vidal Portabales. O crítico Armando Requeixo glosou unha obra que comezou cualificando de “estupenda novela dun autor que dende a publicación de Dióxenes en Dolorida descubrimos como unha poderosa voz para a nosa narrativa”, para engadir despois que “é moi de agradecer que chegue unha voz en plena madurez, aforrándonos as estreas titubeantes; é moi agradable que a literatura galega gañe efectivos da época máis madurecida”. “Como é moi agradecido e hixiénico para a literatura galega que non estea tan filoloxizada, contando con novos autores que chegan doutros ámbitos profesionais, como é o caso de Ignacio Vidal Portabales, especialista en Dereito Mercantil”.

XG00255901Requeixo confesou que cando comezara a lectura de O inspector e mais eu decatárase de que era unha novela detectivesca, “mais non só iso. xa que ofrece unha profundidade de campo maior”. “Esta é unh anovela que ancora no sentimento do íntimo, de interioridades. É unha novela cunha dobre hélice, onde se retroalimenta o individual, representado nos personaxes de Sandra, Chus e o inspector Roque Barallobre, co colectivo, grazas á metonimia, que desvela que estes personaxes somos todos nós”. “O inspector e mais eu é unha novela psicosocial, que ofrece unha lectura crítica da intersección do mundo das mulleres e dos homes na sociedade que vivimos”. “Aquí hai un proceso de nivel de abstracción superior, Ignacio ofrece un efecto flou do tempo no que xoga, os nosos días e os nosos coetáneos, mais tamén do espazo que constrúe, Marende, un lugar deliberadamente desdebuxado, un lugar por adición, un lugar Frankenstein”.

Armando salientou “a capacidade aglaiante do autor para meterse na pel dunha muller, realizando na narración un auténtico salto fosbury, todo un reto do que Ignacio saíu con boa nota, xa que non cae nos extremos presentando unha muller con irisacións, coas grandezas e miserias dos seres humanos”. “O que pretende o autor é facer unha inmersión nas miserias do ser humano para cuestionar o que está ou non socialmente ben visto. Cuestionar o que é real e o que é aparencial. O que supón unha crítica á hipocresía social e ao pacto, ao politicamente correcto”. Requeixo gabou, despois, “o rexistro moi ben humorado de toda a novela, que destila o humor en todas as súas expresións: como ironía, retranca, sarcasmo ou parodia”. “Ignacio Vidal Portabales é un dos escritores galegos que mellor escribe o humor na narrativa, conseguindo sempre unha complicidade ben humorada”. “Tamén é esta unha novela sobre o amor, mais non un amor acaramelado”.

Rematou Requeixo sinalando que “a novela é interesante, tamén, pola súa estrutura de cremalleira, semellante a unha hélice de ADN, na que hai un auténtico xogo de buril co punto de vista”: “A novela está moi ben acabada, o cosido é finísimo, grazas a unha dobre costura que impide que haxa erros de Racord, puída até o último detalle”. “Cometeriades un pecado se non vos achegárades a esta novela, moi amena, divertida, cunha calidade de páxina asombrosa, que conta cun fraseo que tira da lectura. Ignacio Vidal Portabales é unha das achegas máis refrescantes da literatura galega dos últimos anos”.

 

Onte 1782: “Mensaxe dende o silenzo” de Licalaterna

LicalaternaA poesía de Celso Emilio Ferreiro continúa sendo fonte orixinal para a música galega. Comprobeino, outra vez, como membro do xurado do 1º Premio Celso Emilio Ferreiro de poemas musicados, unha iniciativa con certa semellanza á que Lluis Llach tivo coa obra do poeta Miquel i Marti Pol, no que participaron trinta e dúas cancións, moi diversas nos xéneros e estilos musicais, mais en xeral dun excelente nivel de calidade. Entre todas elas resultou gañadora a presentada polo grupo Licalaterna, formado por Andrea Souto e Óscar Iglesias, que traballou sobre “Mensaxe dende o silenzo“, un dos poemas d’ O soño sulagado. Este premio promovido dende a iniciativa privada pola FUNCEF, dotado con 3.000 euros, será entregado no Culturgal o sábado 3 de decembro, ás 11:30.

Parabéns a Licalaterna por tan magnifica proposta musical e audiovisual e a FUNCEF polo seu teimoso labor de promoción da obra de Celso Emilio Ferreiro.

Onte 1781: Premios da Crítica Galicia pola igualdade

pcrit2016071

Non hai dúbida que os Premios da Crítica Galicia ditaminados onte foron os da igualdade, tanto polos recoñecementos que recibiron María do Cebreiro, o equipo de investigadoras en literatura infantil e xuvenil dirixido por Blanca Roig, Uxía, María Barcala do Teatro Atlántico e o Observatorio da Mariña pola Igualdade, como pola composición tamén dos xurados que os outorgaron. Cada unha destas creadoras, investigadoras, artistas e activistas onte premiadas protagoniza o esforzo teimudo das mulleres que traballan na nosa creación e industrai cultural, tantas veces agochadas e silenciadas por un sistema aínda moi patriarcal e masculino. Agardo que os premios ditaminados onte, que recoñeceron tamén o traballo do fotógrago Gabriel Tizón, do cineasta anticapitalista Alberte Pagán e dos Artesáns da Pesca de Ribeira, abran de vez o vieiro da igualdade que tanto precisamos na cultura galega.

Onte 1780: Ledicia Costas e Daniel Landesa na Hobbit de Navia

Hobbit_Navia_18-11-2016

Foi ben bonito presentar onte na Libraría Hobbit de Navia  Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta de Ledicia Costas. Foi emocionante que mais de medio cento de persoas ateigasen unha libraría de barrio, o único foco de cultura dunha nova cidade de moitos milleiros de habitantes. Foi un privilexio scoitar a intervención xenial de Daniel Landesa, un dos membros do colectivo Poetas da Hostia, e poder escoitalo recitar dous dos seus poemas do seu libro Da casa nova. Grazas ao haqueo do hábil Landesa puidemos coñecer a correspondencia secreta intervambiada o pasado ano entre Jules Verne e Ledicia Costas, correso electrónicos que os editores deberemos incluír como apéndice nas futuras edicións da novela. Unha presentación memorable, que dificilmente esqueceremos.

Camilo, a razón esperanzada

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo á figura de Camilo Nogueira.

Homenaxe_a_Camilo_11-11-2016Baixo o lema “A esperanza razonada, a razón esperanzada”, Camilo Nogueira recibiu o pasado venres en Compostela a gran homenaxe que merece. Un serán no que a música de Tundal, Pardal na rúa e Uxía serviu para enfiar o retrato humano e político dun home recoñecido por todo o país pola súa coherencia e honestidade. Unha noite inesquecible onde no escenario do Auditorio de Galicia as doses de emoción mergulláronse coas de reflexión sobre unha terra cantada e construída dende unha tranquila autoconfianza nas propias posibilidades.

As intervencións dos voceiros dos partidos representados no Parlamento de Galicia, Xoaquín Fernández Leicega (PSdeG-PSOE), Ana Pontón (BNG), Pedro Puy (PPdeG) e Luís Villares (En Marea), que recoñeceron as contribucións decisivas do vigués ao desenvolvemento do autogoberno, constituíron un fito que sitúa a Camilo como un referente histórico da Galicia de entre séculos, ao tempo que abre unha xanela de esperanza para recuperar no futuro inmediato consensos e posicións orixinais en temas de país. Unha xusta reciprocidade das forzas parlamentarias con quen ao longo da súa vida política foi un militante do diálogo ilimitado cos seus adversarios, aos que sempre respectou na discrepancia, mais sen renunciar nunca a convencelos das súas posicións.

Na figura deste fillo dos Romanciños, lugar do barrio de Riomao de Lavadores, celebramos as cualidades dunha persoa boa e xenerosa na que identificamos os valores do galeguismo republicano e da esquerda galega, mais tamén na que recoñecemos unha forma singular de estar no mundo, adoptando como posición vital un optimismo construtivo, natural e contaxioso, traducido en afouteza na defensa das súas conviccións tan firme que chegaba a ser considerada como expresión de teimudez.

Xaora, en Camilo admiramos a un cidadán comprometido coa súa xente e o seu país, mais ao que ningunha causa ou problema do seu tempo lle resultou allea. Na homenaxe as palabras de agarimo e admiración dos seus compañeiros e compañeira dos Verdes / Alianza Libre Europea, grupo do que formou parte no Parlamento Europeo de 1999 a 2004, expresaron a súa valiosa achega na construción do proxecto da Europa sen fronteiras, hoxe máis necesario ca nunca, cando semella que a utopía europeísta comeza a ser derrubada pola xenofobia populista.

Xunto a outros membros da súa xeración, Camilo comprometeuse no proxecto, aínda inconcluso, de reconstrución do nacionalismo galego, liderando os partidos vinculados ao pensamento do socialismo nacionalista (Galicia Socialista, POG, Esquerda Galega e PSG-EG). Dende cada unha destas formacións, Nogueira contribuíu á modernización do proxecto nacionalista, desenvolvendo un programa global e sectorial capaz de construír Galicia como auténtica nación política, aceptando a responsabilidade de valerse fiscalmente, na interdependencia doutras nacións europeas, e promovendo un desenvolvemento autocentrado dos diversos sectores da economía.

Dende estas formacións políticas, ás que podemos denominar de “Esquerda Galega”, Camilo ofreceu unha proposta organizativa, comunicativa e programática para o conxunto do nacionalismo galego que, quizais, anticipou varias décadas a bautizada agora como “nova política”. Un nacionalismo que non é nin credo nin relixión senón apenas unha proposta de autoorganización que procura o autogoberno para Galicia e as maiores cotas de benestar e igualdade para toda a súa cidadanía. Ademais, Camilo dedicou moito tempo da súa vida a estudar e divulgar de forma teimosa a historia de Galicia para denunciar así a ideoloxía españolista e a marxinación inxusta á que foi sometida durante os últimos dous séculos. Afondou tamén nas raíces do galego, que concibiu sempre como lingua universal, vinculada ao mundo da lusofonía e das culturas atlánticas, un xeito de pensar o mundo dende Galicia en constante diálogo co noso tempo.

En definitiva, como sinalou Manuel Rivas na homenaxe, “Camilo encarna todo aquilo no que se pode confiar”, ou como expresou Suso de Toro, “Camilo representa o mellor de nós, a aposta de toda unha vida para que a nosa sociedade galega sexa capaz de solucionar os seus problemas por ela mesma”. Camilo é o modelo de home coherente e honesto, práctico e apaixonado, épico e lírico, reflexivo e soñador, curioso e rigoroso, velocista e maratoniano, atacante e defensa. Nogueira representa a esperanza razonada dunha Galicia con futuro no marco da Europa dos pobos, unha Galicia construída dende unha razón esperanzada por xeracións chantadas nas raíces da autoestima do presente. Contra tantos prexuízos existentes, a figura de Nogueira demostra que en política aínda hai persoas boas e honradas, servidores públicos que merecen o noso agarimo e recoñecemento. Beizón, Camilo!

Onte 1777: Chus Pato académica

A elección de Chus Pato como membro da Real Academia Galega recoñece a extraordinaria traxectoria literaria da poeta ourensá, contribuíndo ademais ao proceso de normalización da institución. A incorporación da autora de Hordas de escritura e Charentón, unida á recente de Marilar Aleixandre, debería abrir definitivamente a porta da Galega a outras autoras, entre as que non debe faltar a de María Xosé Queizán, ao tempo que de certa maneira reequilibra o peso dos grupos de afinidade existentes en Tabernas. A entrada de Chus Pato, autora probablemente dun dos proxectos poéticos máis renovadores, singulares e transgresores do período de entre séculos, poeta traducida e premiada, achegará un discurso novo e anticonformista que moito precisa hoxe a RAG. Ás portas da finalización na vindeira priemavera do mandato na presidencia de Xesús Alonso Montero, aventuro que podería ser substituído por unha das académicas, o que afondaría nas mudanzas esperanzadoras que as incorporacións de Pato e Aleixandre expresan. Beizón a Chus Pato, por tan merecente elección!

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar