Xesús Manuel Marcos, Premio Terra de Melide 2007

Anunciouse hoxe o fallo do Premio de narrativa Terra de Melide 2007 no que participei como membro do xurado. A novela gañadora, A lúa dos everglades de Xesús Manuel Marcos, é un thriller cheo de intriga no que amodiño van converxendo tres historias moi emocionantes, aparentemente sen vencello entre elas, dos membros dunha mesma familia de emigrantes galegos que viven no Barrio Belgrano de Bos Aires, Miami e Madrid. Tres historias de saudades e soidades, tres relatos de exilios emocionais e sentimentais escritos nunha prosa engaiolante con enorme alento narrativo. A novela será publicada por Xerais no vindeiro mes de outubro, coincidindo coa ds Premios Xerais (dos que anunciaremos as obras declaradas finalistas polos tres xurados o vindeiro luns día 4).

Case perfecto: a primeira crítica

Montse Pena publica a primeira crítica de Case perfecto a última novela de Marina Mayoral. Eis un parágrafo do texto:

Case perfecto é tamén unha desas novelas que é complicado deixar de ler, que se devoran nunha ou dúas tardes. Os motivos non son outros que unha intriga ben dosificada (derivada de que ata as derradeiras páxinas non coñecemos en qué circunstancias faleceu o pai e marido, namentres aínda nos esperan algunhas sorpresas), un afondamento psicolóxico nos personaxes moi acaído (e ao que xa nos ten acostumados a autora) e unha fervenza de aconteceres un tanto excesiva, aínda que certamente entretida. Contra o final, a historia enguedéllase demasiado, a pesar de que a escrita sinxela e accesíbel de Mayoral impide que o receptor se vexa desbordado polas traxedias cotiás e non tan cotiás dunha familia da alta sociedade, que apuntan á sombra dunha lectora implícita media que por veces se deixa ver no texto.”

Etiquetas: Marina_Mayoral

Agustín Fernández Paz e Xan López Domínguez, candidatos ao premio Astrid Lindgren 2008

Agustín Fernández Paz (como autor) e Xan López Domínguez (como ilustrador) serán os dous candidatos que presentará a OEPLI ao Premio Memorial Astrid Lindgren 2008, outorgado polo goberno de Suecia.
Hoxe Galix anuncia nunha nota de prensa esta extraordinaria noticia que supón o recoñecemento da excelencia internacional da nosa literatura infantil e xuvenil.

Entrevista a Álvaro Cunqueiro


Esta longa entrevista con Álvaro Cunqueiro (máis dunha hora), realizada en 1978 por TVE no seu programa A fondo, merece ser arquivada. Un documento didáctico e literario moi valioso. As marabillas da rede!

Vía Valadés.

"Os libros arden mal", premio AELG

Os libros arden mal recibiu onte o seu sétimo premio, o da AELG.
A velada de entrega destes premios, concedidos polos escritores aos seus colegas, resultou moi entrañable e moi ben levada, con enorme elegancia e moito ritmo, por Cesáreo Sánchez Iglesias e Mercedes Queixas. Beizóns para eles dous e o seu equipo.
Especialmente emocionante foron as palabras de Pepetela, que recibiu o “premio de escritor galego”. Ao remate da noite soubemos dunha noticia extraordinaria que, agardo, poidamos anunciar nos próximos días.

Etiquetas: AELG

Adiantos das novidades de Moure e Regueira

Dende hoxe poden baixarse os PDF de senllos primeiros capítulos das novelas de Teresa Moure e Mario Regueira que se poñerán á venda no Culturgal. Boa lectura!

"Os paxaros tamén migran ao sur", primeira crítica

A aparición da primeira crítica, sobre todo cando se trata dunha ópera prima, é un dos momentos máis agardados e relevantes da edición dunha novela. Nalgunhas ocasións este acontecemento pode chegar a determinar o futuro da visibilidade da obra.
Onte coñecimos a primeira valoración d ‘ Os paxaros tamén migran ao sur. O Silverio ten razóns para este moi satisfeito desta primeira valoración tan positiva. Ademais, onte á noite, Silverio visitou o programa da TVG Libro aberto (afortunadamente poden consultarse os arquivos dos últimos programas, unha documentación visual moi valiosa, sobre todo para os que non podemos ver a tele a semellantes horas da madrugada).

"Benquerida catástrofe", a volta de Teresa Moure

Benquerida catástrofe, a nova novela de Teresa Moure poñerase a disposición dos lectores e lectoras no Culturgal. Mañá colgaremos o primeiro capítulo en PDF xunto con outro da novela de Mario Regueira. Eis o texto de contracuberta que preparamos para presentar esta novela que supón unha indagación sobre esoutro sexo que levamos dentro:

“Adam Cairbough, coincidindo coas visitas frecuentes á consulta do doutor Castiñeira para tratar os seus problemas de pel, decide separarse de Eva, á muller que ama desde que chegou a Galiza. As vidas de Adam e Eva veranse sorprendidas por un cambio inesperado, que vai derrubar todo aquilo que xulgaban estábel, e definir quen é cadaquén.

Esta nova novela de Teresa Moure, tras o éxito rotundo de Herba moura, propón a quen le unha indagación sobre esoutro sexo que levamos dentro. Velaquí unha ficción trepidante que, xogando coa indivisibilidade dos números primos, cuestiona a identidade como algo inherente aos corpos. A reconstrución da súa identidade sexual converte as personaxes en seres máis felices, que procuran algo que ficara oculto na cotidianeidade e que rematan por descubrir ao se espiren para nós.”

Etiquetas: Teresa_Moure

Entrevistas a Agustín Fernández Paz

Volve actualizarse o web de + Internet + Galego + Futuro (formidable!). Entre os moitos contidos de interese atopo esta entrevista con Agustín Fernández Paz. O autor de Cartas de inverno aborda o papel de Internet para a lingua e para a nosa creación literaria e confésase “vicioso dos blogs” e usuario de Skype. Ademais, esta fin de semana, Agustín ten outra entrevista na sección “Os favoritos” de Culturagalega.org (con recomendacións de blogs e webs moi intereantes). Dúas pezas para compartir.