"Diario de lecturas" de Alberto Manguel

Desque hai nove anos lin Una historia de la lectura son adicto á prosa erudita de Alberto Manguel. Os libros deste arxentino políglota, cidadán canadiano e escritor inglés residente en Francia, especialmente os que aparecen baixo o rótulo de ensaio, constitúen sempre un convite a gozar e compartir as súas mellores lecturas. Manguel nunca me decepciona nin aburre xa que está sempre disposto a ofrecer a súa experiencia de lector como un xeito de poñer orde e razón no brumoso caos social do mundo contemporáneo. Se hai uns meses falabamos no blog de La biblioteca de noche, onde Manguel nos propoñía unha aventura apaixonante no laberíntico espazo das bibliotecas, hoxe facémolo sobre a reedición ilustrada de Diario de lecturas, preparada por Alianza Editorial, o último libro que rematei estes días, no que narra a súa experiencia dun ano (o 2002) no que releu doce libros que forman parte do seu canon persoal, un por cada mes. Manguel, que escribe e pensa en citas, ofrece neste libro-blog (a súa prosa fragmentaria é característica do noso medio electrónico) unha reflexión sobre a súa experiencia de lector vocaional e compulsivo que para el non é outra cousa que falar da experiencia da propia vida. “Mi experiencia del mundo non me satisface: necesito que la literatura me proponga nuevos mapas, desplace mi punto de vista, me cuente ese mundo con las palabras de otros”. Lendo este prodixioso novo Manguel, cheo de suxestións, de listas, de confianza optimista no poder dos bos libros, non hai dúbida de que non é esaxerado afirmar que “somos o que lemos”. Recoméndoo para comezar de forma venturosa este novo ano.

Etiquetas:

Finou Xaime Quessada

O pasamento do pintor e escritor Xaime Quessada entristece este fin de ano. Un dos máis importantes artistas galegos de sempre, o máis picassiano da xeración dos “artistiñas” ourensáns do Volter –un creador xenial, culto, xeneroso, combativo e desmesurado– Xaime abordou todas as linguaxes da pintura contemporánea, dende o realismo máxico inicial até a expresión cubista e non figurativa dos seus últimos traballos.
Como escritor son para min salientables tres das súas obras: Cuentos crueles, Lucenza e El recristo de Baraña, a alucinada novela de certo carácter autobiográfico, reeditada hai poucos anos (a primeira edición fora censurada) por Nova Galicia, a editorial galega de Carlos del Pulgar que máis se preocupou de divulgar a obra do pintor ourensán. Nova Galicia publicou ademais Quessada. Arte e liberdade, dous fermosos volumes (un dos premios do Ministerio de Cultura aos libros mellor editados de 2004) preparados por José Gómez Alén, que constitúen seguramente o mellor documento bibliográfico para coñecer a súa traxectoria humana, política e artística.
Como homenaxe a Xaime reproducimos a cuberta do máis recente libro de Xesús Alonso Montero onde se reproduce un dos seus murais guerniquianos, en homenaxe ao Sindicato Nacional das CC.OO. de Galicia, que nos autorizou a publicar de forma gratuita. Achegamos as nosas condolencias á súa dona Chus Blanco e aos seus irmáns Fernando e Antonio.
Actualización (04-01-2008): Necrolóxica de X.L. Méndez Ferrín.

Etiquetas:

Conversas con Francisco Pillado

Rematei a lectura do magnífico libro de conversas co editor Francisco Pillado, preparado polo tamén editor Xosé Luna Sanmartín (quen no vindeiro mes de xaneiro publicará na nosa colección BLG dúas pezas teatrais de Manuel Varela Buxán) e publicado por Espiral Maior. Un libro sincero, descarnado, intimista, valente, indispensable para adentrarse na figura humana, intelectual, literaria e política de Pillado, unha persoa a quen lle teño dende o que coñecín tanta lei como admiración persoal. A verdade é que cada vez gusto máis de ler e editar estes libros de conversas, un xénero biográfico que permite un achegamento máis complexo e obxectivo aos seus protagonistas, estimulados (coma neste caso acontece con Xose Luna) polo entrevistador a tirar da súa memoria e da súa capacidade de reflexión. Entre os moitos aspectos que me chamaron a atención do libro salientaría, sobre todo tres: o relato do traballo de Pillado na reinvención do teatro galego contemporáneo (figura fundamental, xunto a do seu amigo e compañeiro Manuel Lourenzo, tan presente nestas páxinas); o seu traballo como autor de libros de conversas (en colaboración co seu, tamén inseparable, amigo o editor Miguel Anxo Fernán Vello, con quen preparou o de Carballo Calero e os dous volumes de Xosé Manuel Beiras, libros fundamentais para entender a cultura galega contemporánea) e o seu labor de editor vocacional en lingua galega, á fronte dos indispensables Cadernos da Escola Dramática Galega, Biblioteca do Arlequín de Sotelo Blanco e de Edicións Laiovento (no libro reconstrúese a historia deste proxecto editorial, trabe primeira da edición ensaística galega dos últimos dezasete anos). Moi interesantes son, ademais, as reflexións de Pillado sobre o estado da edición cultural no mundo, sobre a conveniencia de creación dunha editora nacional, a defensa da popularización do elitismo cultural como o mellor antídoto contra a vulgaridade reaccionaria ou as súas opinións sobre a deriva que colleu o BNG nos últimos anos, organización política na que Pillado militou de forma destacada. Un libro que recomendo vivamente.

En Intramundi con Carlos G. Reigosa

Onte atravesamos o país para acompañar a Carlos G. Reigosa no acto de presentación na Pastoriza do seu libro de conversas con Xosé Manuel del Caño. O acto foi soberbio, cun salón de actos a rebosar (máis de 150 persoas) e con intervencións memorables, especialmente as de Primitivo Iglesias (o noso ben querido amigo e actual alcalde da Pastoriza) e a do profesor Ángel Basanta, natural da parroquia de Crecente (que percorreu e debullou a obra toda do fillo de Lagoa e fixo unha fermosa defensa da necesidade de transmisión da memoria da cultura tradicional labrega). A intervención do autor de Intramundi, a quen lle custou moito conter a emoción, foi memorable. Recordou o consello que lle deu o seu pai, Venancio de Carracedo: “O primeiro día que con cinco anos me levou á escola díxome: ‘Ti se te perdes dis que es da casa de Carracedo, da aldea da Abelaira, da parroquia de Lagoa, do arciprestazgo de Bretoña, do concello da Pastoriza, da provincia de Lugo’. Durante toda a miña a vida non fixen outra cousa que ter aquilo ben presente. Algo do que nunca puiden prescindir e que manteño coma un compromiso radical”.
Antes da presentación, os tres fillos ilustres da Pastoriza (Iglesias, Basanta e Reigosa) leváronos a percorrer en automóbil os vieiros do espazo literario de Intramundi, a casa de Melle do Loboso, as amplas lombas da Corda humanizadas hoxe de pasteiros, subimos o Coto de Carracedo (onde está o cristo da amizade, ao pé do curro de Campo do Oso, e dende onde albiscamos ao lonxe as praias de Foz), para chegar logo ás Terras de Miranda e xantar en Bretoña un cocido e unha zorza consistentes que adozamos coas freitas da Pastoriza. Ás seis e media da tarde, rematado tan emocionante acto, saímos pitando maís ca felices camiño da Terra Cha para tentar chegar ao partido da selección.

Etiquetas:

"As pontes no ceo"

Hoxe presentaremos en Pontedeume, as 20:00, no Salón de Caixa Galicia, As pontes no ceo, a derradeira entrega da triloxía Vidas de infancia de Ramiro Fonte. No acto participarán César Antonio Molina (ministro de Cultura) e Gabriel Torrente Piñeiro (alcalde de Pontedeume).
Preparei apenas tres notas de editor sobre unha obra que considero fundamental para anchear as marxes de excelencia da narrativa galega. Reproduzo parte do texto que lerei na presentación:

“Como editor destas Vidas de infancia quixera expresar tres brevísimas notas sobre a novela que nos convoca, na que a diferencia das dúas primeiras entregas da triloxía de Fonte, nas que no relato primaba a vida familiar e o entorno escolar, se alumea xa de forma absolutamente decidida a voz da colectividade eumesa por medio de máis dun centenar de personaxes.

Primeira: Ramiro Fonte amosa en toda a obra, e especialmente nesta derradeira entrega, que un dos mellores camiños do escritor (do noso poeta, narrador e ensaísta) para escrutar no máis profundo da condición humana é facelo dende o espazo da local. Aquí, tras as historias humildes de mestres como don Pablo Díaz Novo, músicos como o barbeiro bohemio Uxío Cuíñas, persoas afoutas como Xosé Piñeiro González, o noso primeiro aviador, ou sequera doutras figuras como os futbolistas eumeses Pahíño e Marcelino (o do gol contra Rusia da Eurocopa) atopamos o retrato máis universal de seres humanos enfrontados co seu destino.
O relato de Ramiro Fonte sendo esencialmente local, pegado á cotidianiedade daquel Pontedeume de hai corenta anos, hoxe desaparecido, é, porén, radicalmente universal, perdurable e transcendente porque o narrador biografa as cousas esenciais, aquelas que case sempre se acaban ocultando. Fonte amosa, ademais, que é posible escribir dende a piedade, asumindo de forma respectuosa os riscos de introducir no seu relato persoanxes reais, o que non lle impide ironizar sobre os poderosos e dignificar os humildes.

Segunda: Ramiro Fonte amosa en toda a obra que a infancia é o territorio primeiro da memoria e o berce máis xenuíno da conformación da nosa presenza no mundo. Aquí a recreación da infancia eumesa de Ramiro é a creación colectiva dun mundo. Así sucede tamén neste volume no que se narran cos ollos dun neno, como testemuña que foi o autor, acontecementos tan decisivos como as súas andanzas de boy scout, a súa participación nos folións, como foi capaz de destilar os misterios do azul de metileno, as súas travesías como mariñeiriño pola ría no Nel e no Xeitosiño ou a botadura daquel enorme petroleiro na factoría onde traballaba o pai (un episodio extraordinario).
A memoria para Ramiro non é nostalxia saudosa, a memoria nesta triloxía é a construción vivificadora dun relato colectivo que dá sentido ás nosas vidas. A escritura do eu transfórmase en escritura do nós.

Terceira e última: Ramiro Fonte amosa que é posible escribir unha boa prosa coa mesma precisión dun bo poema. Os aspectos formais da triloxía, mantendo a mesma estrutura nos tres volumes e mellorando, se é posible, a calidade do texto en cada entrega, anchean os límites da narrativa galega. Eis a transcendencia dunha obra literaria que sei collerá máis e máis valor a medida que pase o tempo. N’ As pontes no ceo, como nos dous volumes anteriores, as frases todas están ben construídas e medidas, son transparentes, miniadas co traballo artesanal que lle corresponde a un narrador honrado.

En definitiva, estas tres notas amosan a miña admiración por unha obra da que en Xerais nos sentimos extraordinariamente satisfeitos de ter colaborado en facer chegar aos lectores. Beizóns para Ramiro por tela culminado. Sei que son moitos os lectores e lectoras que saben agradecer a proeza que hoxe celebramos.”

Etiquetas:

O nadal nas letras galegas

Moi oportuna a anotación de Vieiros facéndose eco do traballo do profesor Xesús Alonso Montero sobre “O nadal nas letras galegas“.
Recupero esta panxoliña de Celso Emilio Ferreiro de 1960:

NOITEBOA
¿Onde están
aqueles pandeiros ledos
de Nadal?

Aquelas neves de antano,
aquel fogar;
aqueles rexos cantares
polo val.

¿Qué foi deles,
onde están ?
As nosas queixas de agora
¿onde van?

Río que pasas de longo,
famento de ceo e mar.

Book trailer IX: "Santa Matriusca"

A idea do book trailer vai cundindo tamén no sector editorial galego. Con esta peza anúnciase Santa Matriusca, a próxima novela de Iria López Teijeiro que publicará Biblos.

Agustín Fernández Paz, nota grafolóxica

Ao fío dunha anotación de Marcos Valcércel sobre O único que queda é o amor (a recepción deste libro non pode ser máis entusiasta e unánime), aparece un comentario de Xohan da Coba (un dos habituais tertulianos do espazo de Marcos) no que realiza unhas notas grafolóxicas da caligrafía de Agustín Fernández Paz. Non podo resistirme a reproducilas (estas son as marabillas de ir tecendo a rede):

“A letra de AFP paréceme a de alguén moi intelixente, con enormes desexos de aprender acerca de cousas moi diversas. Con enorme capacidade autoimposta de traballo. Amigo dos amigos. Pero dáme a impresión de que tén conflitos internos, contradiciós na súa propia personalidade. Xeneroso porque vence a súa propia avaricia. Constante porque vence a súa tendencia á inconstancia. A pesar de tódolos seus éxitos, él quixera ser en realidade outro tipo de persoa. Góstalle o recoñecemento social, pero non á costa da vida persoal. Hai unha pequena compoñente autodestrutiva. Posiblemente o seu pai quería que fora unha cousa e a súa nai outra. Ó final vencéu “a nai”. Mira continuamente ó pasado, buscando respostas.
Non lle dedes moito valor. Son impresiós nocturnas tras unha cea con bastante alcól. Ten razón o Xaime. Esta vida vaime matar.”

Carlos Lema, premio de poesía Johán Carballeira

Unha noticia ben bonita: o noso amigo o editor Carlos Lema obtivo o premio de poesía Johán Carballeira convocado en Bueu. O xurado salientou que a obra gañadora por unanimidade, O xeito de Freud. Transferencias da realidade, foi escollida “pola solidez da súa construción”, o que demostra “ser moi complexo na súa elaboración”, así como pola “riqueza que establece no diálogo intercultural e intertextual co discurso contemporáneo”. Non teño dúbidas que o debú literario de Carlos será unha obra importante. Beizóns!!!

Etiquetas: