"Incertos" de Antón Dobao

Xunto coa novela de Veiga e a edición do primeiro tomo d’ O segundo sexo, a finais da vindeira semana estarán nas librarías outras novidades literarias que entendo de moito interese: Incertos, primeiro libro de relatos de Antón Dobao; Diario dun pai acabado de nacer de Henrique Alvarellos; A cultura do pan de Xosé Lois Ripalda; Obra dramática de Francisco Taxes (que inclúe dúas pezas ata agora inéditas) e outro volume dedicado ao teatro de Manuel Varela Buxán (que inclúe dúas pezas Se o sei… non volvo a casa e Taberna sen dono); Hordas de escritura o novo poemario de Chus Pato e Acendede as almenaras o poemario de Bernardino Graña. Completa esta remesa de novidades de fin de inverno con dous álbums infantís de grandes ilustradores europeos: Negros e brancos, a recuperación en galego do inesquecible conto pacifista de David McKee (o creador de Elmer, personaxe do que temos seis libros no catálogo) e Un barquiño coma min de Thomas Docherty. Con seguridade que sobre estas obras, nas que abordamos todos os xéneros, volveremos nas próximas semanas.
Adianto o texto de contracuberta que preparamos para Incertos de Antón Dobao (a impactante portada é de Fran Herbello, que consolida a súa contribución á renovación da imaxe da nosa colección de Narrativa):

Estes contos incertos de Antón Dobao apuntan ao horizonte do que non é predicible. Son trece historias nas que o extraordinario, o inesperado, acaba por se converter na marca distintiva dunhas vidas aparentemente normais. Porque nada do aparente é real e a realidade habita outras dimensións. Nestes relatos, as personaxes non son apenas monecos nas mans dun fado caprichoso, senón que tecen a súa vontade, cos seus actos, cos seus desexos e os seus temores, as encrucilladas en que se verán atrapadas as súas vidas. Para o lector, o inesperado accede en toda a súa naturalidade, con toda a crueldade, con absoluta fereza; fai agromar os recantos menos coñecidos evidenciando o principio de incerteza. Mais sobre todas estas historias aboia inevitablemente aquilo que nos caracteriza como humanos: a necesidade de comunicar, de amar, de negar a presenza imperial da morte. E as múltiples faces do poder.

Etiquetas:

"O profesor de vegliota" de Manuel Veiga

Coa que está caendo sobre o futuro da lingua, a aparición d’ O profesor de vegliota, a nova novela de Manuel Veiga, ven como anel para levar o debate ao espazo da creación cultural. A novela, que está nas librarías antes de semana santa, propón, entre outros temas, unha reflexión moi dura sobre o papel da lingua na sociedade e o seu futuro. Reproduzo o texto de contracuberta que preparei para presentala:

“Tras ser depurado e coa intención de non poñer en perigo a súa muller e a súa filla, o profesor de idioma regresa a Puebla, a súa cidade natal, na derradeira viaxe do tren arrancatravesas. En Puebla pretende ocultar os dous mecanoscritos, que conseguiu salvar tras a última incautación da súa computadora, onde recolleu as súas investigacións sobre o vegliota, unha lingua que durante un tempo chegou a ter a súa pequena idade de ouro, mais que agora desaparece irremediablemente tras a imposición da lingua oriental como a única oficial. O profesor de vegliota de Manuel Veiga é, en parte un relato policial, con ingredientes de novela de misterio e atmosfera de ciencia ficción, que se ofrece como un laio desesperado por unha perda. Unha novela impactante, talvez un ensaio sobre o futuro da lingua, sobre as posibilidades de sobrevivir sendo diferentes, sobre a identidade, sobre a resistencia e sobre as contradicións que supón esta loita.”

Etiquetas:

A estatua de Curros na Alameda

Hoxe Ferrín faise eco en Faro do manifesto asinado por centos de persoas que solicitamos ao concello de Vigo que estatua de Curros Enríquez, que se atopa oculta no Castro, nun xardinciño clandestino ao pé do Castelo, fronte ao miradoiro dos Galeóns de Rande, volva a súa ubicación orixinal nos xardíns da Alameda. Esta sería a imprescindible homenaxe ao poeta no ano do centenario do seu pasamento. Hai sete anos nun artigo no Faro xa propuxera esta medida e contara o devir da estatua, traslada ao Castro durante a ditadura, sendo alcalde Portanet. O busto ao noso poeta (obra de Coullat Valera) fora inaugurado en agosto de 1911 e promovido por subscrición popular pola Sociedade La Oliva a instancias de Manuel Olivié. Reproduzo o texto do manifesto:

“Este ano cúmprese o primeiro centario do falecemento de Curros Enriquez, o noso poeta civil por excelencia. Poucos anos despois do seu pasamento, acaecido en 1908, a sociedade “La Oliva”, e mediante aportacións populares, en 1910 púxose a primeira pedra da estatua dedicada a Curros Enríquez. En 1911 foi descuberto e inaugurado aquel monumento na praza de Compostela, logo coñecida tamén como Alameda. Un mozo, Manuel Gómez Román, que naquel tempo presidíu a sociedade promotora da iniciativa, participou na homenaxe ao bardo, de quen Xosé María Álvarez Blázquez, escribíu: “Foi un home consciente das inquedanzas da súa época e puxo os seus versos sobre a chaga social do seu tempo, coma un ferro de candentes rebeldías”.
Viña de vello o vencello de Curros e Vigo. Nunha das ocasións na que pasou pola cidade, en 1877, escribíu aquí, de volta a súa terra, logo dunha delongada ausencia: “Si mi desventura es tal,/de tu sol bajo el imperio,/¡oh Vigo!, préstame leal/una choza en tu arenal/ o un hoyo en tu cementerio”. Máis adiante, en 1904, Curros comentoulle a un grupo de amigos o desexo de vir vivir a Vigo. “O proxecto non pasou dunha lírica arela”, comentou Álvarez Blázquez, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.
Aquelas expresións de afecto a Vigo foron correspondidas por esta cidade tantas veces xenerosa. Non só coa estatua dedicada a Curros, senón con outras homenaxes ao poeta e apoios a súa familia. Primeiro, a súa irmá Sofía e a un fillo desta, residentes en Vigo algún tempo e necesitados de socorro económico; logo, á viúva do gran bardo galego, a quen o Concello chegou a concederlle unha pensión.
Co gallo do centenario do seu pasamento, e en vésperas do centenario daquela homenaxe a Curros, a actual corporación podería e debería rememorar tal data devolvendo a estatua ao seu lugar de oríxe, a Praza de Compostela, onde permaneceu ata que nos anos sesenta foi trasladada ao Castro, lugar no que permanece. Sería unha mostra de renovado afecto a quen manifestou por Vigo tanto amor. Sen dúbida, o alcalde da cidade fará patente a súa sensibilidade ordenando a iniciación do expediente de traslado e a programación dun acto de homenaxe, que os asinantes solicitamos.”

Etiquetas:

"A venus de cristal", presentación

Onte presentamos na Coruña A venus de cristal, a segunda novela de Chelo Suárez. O acto foi concurridísimo, máis dun centenar de persoas, e confirmou a miña intuición de que esta novela vai constituír unha das sorpresas deste ano literario recén comezado. Foi presentada pola escritora Begoña Paz (da que publicaremos proximamente As mellores intencións, premio de novela curta do concello de Riveira).
Chelo Suárez, como o seu protagonista, o vidreiro de Murano Pietro Puliani, procura nesta novela de espírito renacentista a beleza en cada unha das páxinas. Unha historia ambientada naquela Venecia opulenta e cosmopolita do século XV onde utilizando os recursos dunha novela de intriga (con crime incluído) se propón unha reflexión sobre o fuxidío da beleza. Empregando unha prosa minimalista, sinestésica e unha estrutura de capítulos moi breves, Chelo vai mesturando o onírico co real, o vivido co soñado, a alquimia coa sensualidade, para propoñernos un ensaio sobre a beleza perfecta, que identifica, como tamén fixeron os mestres renacentistas coa inmortalidade que só se adquire por medio do coñecemento. A novela é, ademais, unha homenaxe ao mestre Boticcelli e a dúas cidades (a Venecia, filla do mar e labirinto de paixóns; e a Firenze templo da beleza serena) que emerxen luminosas construídas por palabras-laxe. Un texto interesante e de lectura engaiolante. Agardamos as primeiras críticas e valoracións dos lectores e lectoras. O éxito de presentación tan exitosa encheunos de expectativas.

Etiquetas:

Ian Mcwen, entrevista

Interesante entrevista a Ian McEwan con motivo da publicación de Chesil Beach, a súa máis recente novela.

Etiquetas:

Vestio

Acabamos de recuperar para a colección “Fóra de Xogo” Vestio, a novela que Xosé Miranda publicara por vez primeira en 1995. Un libro que enlaza temática e formalmente, co moi exitoso volume de contos As mans no medo (publicado o pasado ano e xa reeditado) e co, tamén reeditado, volume de narracións do fantástico A biblioteca da iguana. Tres obras dun mesmo ciclo dun dos nosos maiores narradores contemporáneos.
Velaí o texto de contracuberta que preparamos:

“A doutora Eva García, destinada no remoto lugar de Viana das Veigas, atópase cun cadáver sen rostro e coas mans esmagadas. Xunto ao cadáver aparecen unha carta e un diario. Lendo o diario a doutora vai descubrir as claves de estraños comportamentos e estraños acontecementos que non só se refiren as habitantes da vila, senón a ela mesma, ao seu marido e á súa filla desaparecida hai anos. Eva descubre con abraio que o cadáver resulta ser un antropólogo inglés chegado co pretexto de estudar unha antiga seita priscilianista. Vestio condúcenos de sorpresa en abraio polos labirintos máis inextricables da alma humana e das crenzas máis insospeitadas e terribles. Nin das sombras nin dos homes (como con dor e espanto descubre a doutora) pode fiarse o lector. Unha novela de intriga, suspense, pánico e misterio. Unha narración claustrofóbica, labiríntica, aterradora.”

Recomendo encarecidamente a lectura para aqueles gosten das novelas de terror e do fantástico. A solidez narrativa de Miranda (xa corenta e oito títulos no noso catálogo) nunca defrauda.

Etiquetas:

Escribo para lerme

Discurso de agradecemento de Xabier P. Docampo from Martin Pawley on Vimeo. Palabras precisas e moi emocionantes do mestre: “Non me roubes o pais, non me roubes a lingua… […]. O día que perdamos a lingua non somos ningúen. A lingua é a nosa casa, a nosa patria.”
Pawley achega máis vídeos sobre esta homenaxe e sobre as exposicións do Salón. Grazas por achega tan valiosa.
Etiquetas:

Xabier P. Docampo

Mágoa que non poidamos acompañar hoxe ao noso ben querido Xabier Puente Docampo na merecidísima homenaxe que lle rende o Salón do Libro de Pontevedra. Xabier leva feita unha contribución monumental ás nosas letras e ao noso afán colectivo de conformación dun criterio literario nos lectores de todas idades, que non se pode pagar cunhas poucas palabras. A súa concepción da narración, oral ou escrita (que no seu caso tanto ten, unha cousa coma a outra) como o máis sublime acto de amor, transforma cada un dos seus textos, sometidos a un proceso de depuración que acada cotas de auténtico delirio, en alfaias de emoción que permiten desvelar todas as marxes da condición humana. Ademais, Xabier é un animador educativo e cultural teimudo de creatividade desbordada (velaí o seu máis recente proxecto), e, sobre todo, unha persoa cabal na que poder espellarse como ser humano. Hai máis importantes razóns para abenzoalo? Beizóns, mestre! Con todos os abrazos.

Etiquetas:

"Reexistencia. A obra de Manuel Rivas"

Galicia hoxe dedica unha páxina á aparición de Reexistencia. A obra de Manuel Rivas o libro da profesora da Universidade de Towson Isabel Castro que publicamos dentro da serie “Estudos literarios”. Non debera pasar desapercibida esta contribución académica, a primeira monografía sobre Rivas, que axudará a renovar os nosos estudos literarios sobre autores contemporáneos (o que é un importante paso adiante) e a proxectar internacionalmente o corpus da súa obra.