Os murais do Faro

No artigo da semana recomendo visitar a exposición dos murais do Faro instalada na Estación Marítima de Vigo. Unha interesante lección de historia local.

A Panificadora emite un S.O.S.

No artigo da semana reclamo a coraxe das autoridades municipais para evitar que o edificio da Panificadora sexa derrubado tal como propón a iniciatica cidadá de Outro Vigo é Posible.

Campo do Fragoso LXVII

MURALLA
A pesar do empate raquítico fronte á muralla vallecana, do partido de onte podemos tirar, canto menos, dúas conclusións positivas: a primeira, o Celta leva xa dous meses sen perder na competición ligueira, grazas a que vai fortalecendo a súa liña defensiva (até agora o seu punto máis feble); e, segunda, os seareiros celestes comezan, aínda que sexa timidamente, a volver ás bancadas de Balaídos (a de onte foi a mellor entrada da tempada). No entanto, este empate sen goles foi un resultado insatisfactorio para os méritos que os de Pepe Murcia fixeron sobre a lameira. Tras unha saída entusiasta dos celestes, que conseguiron nos primeiros minutos senllas chegadas perigosas de Michu e Ghilas, o Rayo Vallecano tivo o mérito de adormecer o encontro, apagándoo e afeándoo nunha batalla táctica no medio do campo, onde os seus pivotes paraban de forma expeditiva calquera das iniciativas de creación dos nosos. Semellante pasividade atacante vallecana contaxiou aos celestes durante un bo treito da primeira parte. O xogo embarullábase coma nun labirinto no centro o terreo e apenas Dinei conseguiu nunha ocasión xutar con perigo na área, Ghilas e Óscar Díaz (que abandonou o campo mancado no minuto 37 e foi substituído por Danilo) realizar un par de desbordes e Fabiano centrar nunha ocasión dende a súa banda. Tras o descanso, diante da desesperante actitude contemplativa dos madrileños, os celestes incrementaron de forma moi decidida o seu ritmo e empurraron ás dúas liñas da muralla vallecana (moi ben colocada sobre a súa área). Grazas a este dominio case absoluto (os vallecanos só aspiraban a que se producise un erro defensivo galego e poder montar un contrataque, feito que nunca aconteceu) o Celta dispuxo de dúas clarísimas oportunidades para facerse co encontro: un cabezazo de Dinei rematando un saque de recanto (que vimos dentro) e, sobre todo, a mellor xogada do partido, unha gran entrada de Ghilas pola banda dereita, o seu centro posterior, ao que non chegou por milímetros Dinei, e o conseguinte rexeite defensivo que un desacertado Danilo, a porta baleira, guindou ás bancadas de Marcador. Nos minutos finais, a pesar da insistencia do ataque celeste, a muralla vallecana foi imposible de franquear. Con este pobre resultado, o Celta abóase á estratexia da goma que coñecimos o pasado campionato: cando semellaba que podía enganchar tres vitorias consecutivas (e colocarse, así, preto das posicións de ascenso), dá un decepcionante paso atrás. Con todo, para non perder esperanzas, quedémonos coa solidez defensiva do conxunto e coa magnífica actitude atacante da segunda parte.

O futuro do transporte de ría

No artigo da semana reflexiono sobre o futuro do transporte de ría de Vigo. O anuncio unilateral por parte de Mar de Ons da supresión dos servizos das fins de semana e dos festivos de Moaña abre unha crise na que debe intervir a Consellaría de Política Territorial para asegurar o futuro dun servizo estratéxico para a mobilidade na área metropolitana de Vigo.

Campo do Fragoso LXVI

O CELTA MÁIS GALEGO
Ao Celta abondoulle unha magnífica primeira parte para vencer con claridade ao Salamanca, o actual líder deste frouxísimo campionato de segunda división, consolidando paseniño a súa remontada na táboa clasificatoria e a súa serie de nove partidos oficiais sen coñecer a derrota. Unha boa noticia. Arrincou este Celta, o máis galego que recordamos en moito tempo (cinco xogadores no cadro inicial), moi concentrado e presionante, interferindo dende o medio centro as liñas de pase do rival, que non conseguía dar dous pases con xeito. Ademais, no primeiro cuarto de hora, as subidas polas bandas do magnífico Dani Abalo (moi ben apoiado por un, afortunadamente, recuperado George Lucas) e de Ghilas crearon varias ocasións de perigo. Pouco despois, un bo pase interior de Trashorras permitiu a Dinei realizar un centro con moita rosca que un defensa, tratando de despexar, axudou a introducir na súa propia meta. O gol apupou aos celestes que continuaron co control do xogo durante outro cuarto de hora, para, logo, embarullarse no centro do campo ata o descanso. Porén, a segunda parte foi maliña, aburrida ao comezo e moi agobiante ao remate. Os visitantes, que ata entón non foran capaces de chegar en ocasión ningunha á área céltica, adiantaron un chisco as súas liñas e aseñorearon o encontro, o que motivou un repregue ultradefensivo celeste, ordenado polo seu medroso adestrador. Aínda que as numerosas chegadas salmantinas nunca tiveron perigo (semellaba incomprensible que este equipiño encabezase a clasificación), a inquedanza foi progresivamente aumentando na bancada, sobre todo, no comezo do derradeiro treito do partido, cando Roberto Lago foi expulsado por unha parvada de colexial, e os nosos quedaron en inferioridade numérica. A oportuna entrada de Óscar Díaz proporcionou o alento e a mordacidade da que carecían os célticos; un seu espectacular longueirazo, realizado en carreira e dende trinta metros, puido acougar o partido. Os cinco minutos de desconto foron infartantes, un pasacorredoiras no que a pelota circulaba coma tola dunha a outra área. Foi entón cando apareceu Trashorras, un xogador tan xenial coma aparentemente indolente (promete crear a inevitable polémica dos xogadores descontinuos que agachan no pé unha luva), que enganchou un balón no aire, dende fóra da área, e o enviou coma un misil entre a cruceta dos paos. Magnífico! Un dos mellores goles que temos visto nos últimos anos en Balaídos. Abandonamos o estadio cantando «Miña terra galega», o himno de Siniestro Total (todo un acerto do novo locutor), con esperanzas renovadas. Nesta segunda, todo está moi aberto.

Día de mortos

No artigo da semana falo do «Día de mortos»mexicano, efeméride que coincide coas nosas de Santos e Defuntos ou do Samaín.
Neste vídeo de carácter didáctico (doce minutos) amplíase a información sobre estas festas do «Outromundo».

Agustín, premio nacional

No artigo da semana fágome eco da noticia do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil concedido a Agustín Fernández Paz. Creo que, despois de tantos anos a carón de Agus, é comprensible a miña enorme alegría, que sei comparte moita xente. Beizóns para el.