Baixas emisións
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reclamar unha política de baixas emisións para Vigo:
Dous espazos naturais de encontro e convivencia dentro da cidade de Vigo emiten estes días o seu mayday, ameazados de desaparición. Refírome ao Parque García Picher, no corazón industrial da beiramar, situado entre as factorías de Barreras e a de conservas Albo, onde hai un século estivo instalado o campo de fútbol de Coia, espazo de privilexio que o concello anuncia converter noutro macroparque infantil de cemento e caucho, o que polas infografías difundidas polos medios dixitais suporá inevitablemente a desaparición completa do arborado e da herba e a súa posibilidade de utilización interxeracional, dende as crianzas ás persoas maiores. Refírome, en segundo lugar, aos xardíns das Avenidas, arranxados hai arredor de trinta anos na actuación Abrir Vigo ao Mar, onde se anuncia a construción dun aparcadoiro soterrado, xustificado como ampliación daqueloutro do Náutico, o fracasado «Robotizado», nunha actuación urbanística no moi sensible perfil da beiramar viguesa avalada polo concello, Autoridade Portuaria e Consorcio da Zona Franca.
Actuacións ambas as dúas en zonas verdes consolidadas que destruirán, no caso da primeira, unha paisaxe viguesa moi singular, onde dende apenas dúas décadas se funde de forma case única en Vigo o arboredo coas guindastres e os cascos de ferro nas gradas dos estaleiros, e no caso da segunda, os xardíns urbanos de Montero Ríos, que dialogan coa frescura centenaria da Alameda, en pleno ensanche ideado por García Olloqui, coa pretensión de meter aínda máis coches nunha zona xa moi saturada que dende o Berbés, pasando pola Laxe e a praza da Estrela, até ao Areal, conta cunha decena de estacionamentos soterrados. Cabe preguntarse se con intervencións no tecido urbano como estas dúas se contribúe de forma eficaz a que Vigo conte a partir do 31 de decembro de 2023 dunha Zona de Baixas Emisións (ZBE), a que está obrigada pola Lei 7/2021 de Cambio Climático e Transición Enerxética como cidade con máis de 50.000 habitantes, para reducir a contaminación no entorno urbano?
Transformación innecesaria do Parque García Picher explicable só pola grandilocuencia que o goberno municipal imprime a cada unha das súas actuacións dirixidas á infancia, coma se a súa obriga fose a de ofrecer parques de atraccións con estruturas de proporcións enormes e deseño extravagante, o que de facto supón consolidar parques cada vez máis desnaturalizados que privan ás criaturas do escaso contacto que na cidade poden ter coa natureza. Tras corenta anos observando o xogo infantil acredito con maior convicción que os elementos naturais, a auga e a terra, a area e a herba, son o mellor parque de atraccións e a primeira aula de aprendizaxe para os nenos e nenas de todas as idades; elementos naturais que facilitan ás crianzas a conquista da autonomía, a exploración dos perigos, o desenvolvemento psicomotor, as habilidades sociais e a cooperación entre iguais ou a exploración da creatividade. Seguindo as tendencias que hoxe se impoñen en Europa máis que grandes estruturas de esvaradoiros e chans de caucho requentado concibidas para un xogo guiado, o que se bota en falta nos parques infantís vigueses son árbores para gabear, máis randeeiras e xiradeiras, máis fontes e areeiros, limpos e ben conservados, como máis espazos de calma, sombra e frescura para os picariños e bancos para os avós e avoas ou nais e pais que os acompañan.
Como a todas luces é innecesario outro estacionamento soterrado nas Avenidas que como o resto dos existentes nun traxecto lonxitudinal de dous quilómetros contribuirá paradoxalmente a atraer máis tráfico sobre o centro e, polo tanto, máis emisións contaminantes. Compensa desfacerse do arborado arraizado nos xardíns de Montero Ríos, que por experiencia en intervencións anteriores semellantes sabemos será apenas substituído por arbustos chantados en macetas? Compensa semellante previsible desfeita dun espazo público naturalizado para dotar de máis prazas de estacionamento aos usuarios dos atraques de embarcacións deportivas dunha concesión privada? Compensa estoutro paso atrás na difícil tarefa de facer un Vigo máis biodiverso e comprometido coa redución das emisións?
Neste contexto de transición ecolóxica convén lembrar que establecer unha Zona de Baixas Emisións obrigará en Vigo, como no resto das cidades, a aplicar restricións de acceso, circulación e estacionamento. Como tampouco está de máis recordar que conservar os espazos verdes existentes constitúe un requisito para preservar a biodiversidade urbana. No camiño de facer un Vigo máis verde e menos contaminante, un Vigo máis amigable para crianzas e maiores non semella a estratexia máis axeitada construír máis aparcadoiros no centro ou desfacerse de espazos naturais interxeracionais.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir