Aspas ao rescate
No día no que Balaídos celebrou os 500 partidos de Aspas coa elástica celeste, o Merlín de Moaña acudiu de novo ao rescate do seu equipo cun golazo de alta escola no minuto 80, cando non facía sequera dez minutos da súa entrada na lameira. Unha xogada coral de auténtica fantasía, que el mesmo iniciara cunha impresionante mudanza de orientación sobre Hugo Álvarez que en carreira serviu a Williot na área, quen de costas asistiu ao capitán para que rematase un xute raso e axustado sobre o pao curto. Outro gol de Iago fermoso na execución e finalización, que fai o número 216 na súa carreira como céltico, dos que 157 goles foron en primeira división, 159 se engadimos os dous que marcou co Sevilla, o segundo goleador español do que vai de século XXI, tamén o mellor do que vai de ano 2024. Números de auténtica lenda, que lle permiten entrar no grupo escollido dos vinte primeiros goleadores da liga de todos os tempos. Outro tanto histórico que, ademais, nivelaba un partido no que, até a súa entrada en xogo, o Celta de Giráldez se amosara inferior ao Girona de Michel. Outro rescate de Aspas, e xa perdemos a conta de cantos foron dende o seu debut milagroso en 2009, que permite ao Celta consolidarse na metade dunha táboa moi axustada cunha cuarta parte dos puntos necesarios para acadar o seu obxectivo, unha rendiña para afrontar con certa tranquilidade a permanencia.
Diante da eficacia determinante dos seus constantes rescates, cabería preguntarse cal tería sido o destino do Celta, con Berizzo, Coudet, Carvalhal ou Benítez, agora con Claudio, sen a participación de Iago. Como é inevitable especular sobre cal será, agardemos que a medio prazo (nun dianteiro de trinta e sete anos), o futuro dun equipo que xa non contará todas as semanas cun xogador tan diferencial, tamén o mellor da súa historia. Velaí a auténtica cerna do horizonte celeste desta tempada e quizais da seguinte: preparar a medio prazo un equipo competitivo de Primeira sen contar co seu astro das bateas na lameira. Non obstante, sen chegar a esa cuestión, Claudio ten xa a obriga de xestionar con intelixencia e empatía os tempos actuais de Iago, que pasan tamén por descansar no banco, como sucedeu o domingo, despois de 180 minutos xogados a tumba aberta na mesma semana. Unha xestión que de ser eficaz pode manter o seu carácter diferencial, como se demostrou diante do Girona, revolucionando o partido en vinte e cinco minutos e converténdose no mellor xogador dos trinta e dous que pisaron o terreo de xogo.
Ademais do revulsivo que supuxo a participación de Iago, o partido co Girona merece algún comentario máis, xa que o Celta se amosou impreciso e inferior ao seu rival, sobre todo na primeira parte na que foi superado en ambas as dúas áreas, non atopando nunca a forma de crear superioridade nas proximidades da área catalá e ofrecendo unha preocupante fraxilidade para defender os centros á área, erro habitual para o que Claudio non atopou aínda remedio. Así chegou o gol de Herrera no 37´da primeira parte, ao que os celestes tardaron en responder corenta minutos, cando entraron Sotelo e Aspas. Un Celta que se presentaba, como adoita en cada data, cheo de novidades, cunha dianteira inédita, na que acompañaban a Borja Alfon e Pablo Durán, con escasa fortuna; na que reaparecían na defensa Carlos Domínguez e Mingueza, equipo artellado por unha dupla nova formada por Damián e Moriba, que nunca acabou de collerlle o pulso ao xogo visitante. Ampla rotación que non resultou satisfactoria, sobre a que cabe preguntarse, sabendo da súa necesidade por tratarse dunha semana de tres partidos, se non impide consolidar os mecanismos, sobre todo defensivos, que precisa o equipo cando case chega a metade da primeira volta.
Como a afección celeste, sempre por riba das 21.000 persoas en Balaídos, pode preguntar sobre cales son as razóns de que o seu equipo non conseguise manter a cero aínda a súa portaría, sendo o segundo máis goleado (recibiu 15 tantos) da categoría, como por ventura tamén o terceiro máis goleador (marcou 15) do campionato. Como é inevitable preguntarse pola incapacidade de puntuar lonxe de Vigo, pola que tamén pasan as posibilidades da permanencia. Números vermellos que sabemos ten en conta o equipo técnico de Giráldez para consolidar un proxecto, apoiado con entusiasmo por todo o celtismo, mais que sabemos precisa dalgunhas melloras e retoques. Agardamos que no estadio de Gran Canaria e coa próxima visita do Real Madrid se vaian producindo.
Publicado en Faro de Vigo: 01/10/2024
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir