De Are More a Sinsal
No artigo da semana en Faro de Vigo volvo sobre a involución das políticas culturais no concello de Vigo, desta volta sobre os festivais musicais e teatrais en perigo de desaparición.
A crise ameaza as políticas culturais públicas tecidas en Vigo ao longo das tres últimas décadas. Ao peche do Arquivo Pacheco e do Museo Etnográfico Liste, á paralización do plan de apertura de novas bibliotecas de barrio en Bouzas, Teis e Navia, ao esquecemento do compromiso de ubicación da tantas veces prometida Biblioteca Pública do Estado na Panificadora, debemos engadir agora a desaparición do apoio municipal a programas musicais e teatrais, a maior parte deles internacionais e cunha traxectoria moi consolidada ao longo da última década, como Are More, Marisquiño, Sinsal ou Festiclown.
O Are More, o festival de música de Vigo, promovido en 2000 por Carlos Príncipe, daquela concelleiro de Cultura, e concibido como unha programación musical de fronteira entre o popular e o clásico, foise consolidando como unha das citas artísticas de referencia en Galicia. Os escenarios do Fraga ou do Auditorio do Conservatorio acolleron algúns concertos memorables, dende o “Orfeo” de Monteverdi ás actuacións de Ute Lemper, Diego El Cigala ou José Meneses. Máis alá da realización destes grandes concertos, Are More procurou a formación de públicos prestando atención á realización de concertos para escolares, programas de música para bebés ou cursos de iniciación á música para persoas maiores de 55 anos. Ubicado decote na programación cultural dos meses de outono, tras dez anos de éxito de público, mesmo con presenza de melómanos miñotos e portuenses, a última edición de Are More foi a de 2009. Patrocinado dende o seu inicio pola Fundación Caixa Galicia e polo concello de Vigo, a crise económica obrigou a suspendelo en 2010, cando a institución financeira retirou o seu mecenado. Dende entón, a concellaría de Cultura foi incapaz de poñelo en marcha aducindo o seu custe moi elevado (600.000 euros naquel ano farturento que foi 2008). Are More semella ferido de morte, xusto cando a cidade conta cun formidable escenario para desenvolver as súas actividades, o Auditorio Mar de Vigo, no que o concello dispón de trinta xornadas anuais. Con certa retranca poderíamos dicir que neste caso cando tiñamos traxe non tiñamos percha e cando mercamos a percha perdimos o traxe.
O caso de Festiclown é diferente. Creado no ano 2001 en Pontevedra como Festival Internacional Clown de Galicia, concibido cun carácter solidario e alternativo, o evento, tras residir en Compostela, chegou a Vigo no ano 2008. Baseado nun intercambio permanente entre os artistas e o público, durante catro edicións, coincidindo coas festas viguesas, os Festiclowns encheron de ledicia as rúas e prazas nosas. A actuación de figuras internacionais como Leo Bassi ou espectáculos circenses memorables como o presentado o pasado verán polos portugueses de Circolando amosaron a capacidade deste festival para convocar a públicos amplos e interxeracionais. A concellaría de Cultura non incluíu no seu orzamento para 2012 cantidade ningunha para este evento (en edicións anteriores oscilou entre os 100.000 e os 150.000 euros), razón pola que non hai dúdida que marchará de Vigo.
Outras iniciativas musicais viguesas, tras a retirada das axudas achegadas pola concellaría de Cultura, terán serias dificultades. Creado en 2003 baixo a denominación de “Sin sal. Delicatesen de Músicas sanas”, o Festival Sinsal 2012 de músicas sosas, que se desenvolve ao longo de todo ano con formatos sempre moi innovadores, procurará sortear a crise e as políticas homoxeneizadoras da música popular. Outrosí lle sucederá ao Marisquiño, un evento multidisciplinar de cultura urbana, do que se levan celebrado na explanada do Náutico once edicións e que no pasado mes de agosto convocou a 50.000 persoas. E por se non abondase, tampouco está claro que no vindeiro verán se poida celebrar unha nova edición de Vigo Transforma, xa que este festival de música independente organizado pola empresa Esmerarte podería verse afectado polos retallazos da Consellaría de Cultura, a súa patrocinadora principal.
A concellaría de Cultura debe procurar novos modelos para súa programación, mesmo artellando acordos de colaboración en rede con outros concellos, institucións ou empresas, que permitan facer viable a continuidade desta imprescindible programación musical de carácter cultural. Todas estas iniciativas son xeradoras de cidadanía, teñen capacidade de atracción turística e van dirixidas a públicos moi diversos. Sería unha mágoa que nunha cidade como Vigo, no trinta aniversario daquilo que se chamou a movida, a programación quedase reducida a un par de concertos gratuítos de música popular en Castrelos e outros tantos de pagamento (algúns a 75,00 euros) nun extraordinario Auditorio, magoadamente infrautilizado dende a súa inauguración. Para botarse a chorar.
Trackbacks y pingbacks
[…] que hai trinta anos acuñou aquel Vigo da movida. Nun momento de catástrofe cultural (tamén no eido musical), este tipo de eventos deben servir de acicate e estímulo, sen compracencia ningunha, para […]
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir