Onte 111: «Cama e conto» con Babaluva

Foi un acerto achegarse ao Auditorio Luís Tobío de Gondomar para asistir á función de «Cama e conto» que ofreceu Teatro Babaluva. Baseada no texto homónimo de Gonzalo Moure, que publicamos na colección Sopa de Libros, esta versión para marionetas de Larraitz Urruzola e Mirari Urruzola explora con grande orixinalidade o mundo dos contos como a chave para acceder ao dos soños. Malva e a súa nai conversan en voz baixa, ao longo de tres cuartos de hora, sobre a súa experiencia como contadoras, mesturando os fíos da vida cotián da infancia cos das historias do leñador e os animais do bosque. Unha marabilla de sutileza para abordar en escena cuestión tan complexa como a de rescatar ese acto íntimo de nai e filla na hora do conto. Outra marabilla é o a construción do espazo escénico e o das propias marionetas, todas elas recicladas de obxectos da casa. A luz, a música e un ritmo moi sereno nas transicións crean no escenario unha atmosfera capaz de contaxiar un silencio cómplice nos espectadores, mesmo nos máis novos. Os meus parabéns para Larraitz, Mirari e Santi Prego, o director do espectáculo, por esta marabilla de humilde teatro de títeres capaz de contaxiar tanto calor.

Babaluva colabora en cada unha das súas funcións co Proxecto Bubisher. Destina o beneficio da venda dos libros de Cama e conto para esta iniciativa destinada a contar cun bibliobús que leve libros ás escolas dos campamentos de refuxiados do Sahara.

1 comentario
  1. Santi Prego
    Santi Prego Dice:

    Grazas polo teu comentario! Cando falas da sutileza en abordar o acto íntimo de contarlle un conto á filla, do ritmo sereno, da atmósfera que procura a complicidade do espectador e, en definitiva, da marabilla que pode conter un humilde teatro de títeres, estás a falar dos obxectivos que tiñamos cando creamos o espectáculo. Se esta foi a túa experiencia cando o viches fasnos moi felices: Obxectivo cumprido!

    Responder

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *