Problemas na distribución das editoras independentes en Vigo
Consultados varias editoras galegas independentes sobre como enxergan o seu futuro, confesan que a súa primeira preocupación é a de contar cunha distribución que lles permita colocar as súas novidades nas mesas e escaparates das librarías, que tamén ofrecen libro galego, vender os exemplares necesarios para recuperar o investimento de tiradas reducidas e ter garantías de cobrar por elas.
As editoras saben que se teñen fortuna e nas redes sociais se fala do seu libro, mesmo é recomendado por youtubeiras ou bookinstagrameiras ou aparece no listado dos dez máis vendidos da libraría ou como preferido dun club de lectura, non digamos se obtén un premio, é moi probable que os 200 ou 250 exemplares primeiros, fabricados en impresión dixital se esgotasen tamén nos andeis da distribuidora, que no mellor dos casos tardará un ano en facerlles a liquidación das vendas, previo desconto, claro está, de canto menos o 40 % do prezo de venda ao público.
Para as editoras que carecen do respaldo financeiro dun grupo editorial, as condicións de distribución do libro en galego que lles obrigan a agardar canto menos un ano para recibir os primeiros cartos da súa edición (inversión) son leoninas. Editoras que, se dá por contado, pagaron todas as facturas ocasionadas pola creación editorial e a fabricación da primeira tirada, adiantaron a cantidade acordada coa autoría, o que é seguro de tratarse dunha obra traducida ou contratada cunha axencia, e, como en calquera actividade, pagaron as nóminas e cotizacións do cadro do persoal e os gastos xerais de funcionamento.
Resumindo. Unha editora independente sen moitos cartos na caixa ou sen acreditada solvencia bancaria da súa propiedade para que llos adianten, co modelo actual de distribución do libro galego para un mercado cativo en retroceso, que supón apenas o 7 % das vendas do sector da libraría en Galicia, polo tanto, tendo certo éxito uns poucos centos de exemplares, e contado apenas como outros ingresos de explotación cunhas fraquísimas vendas ás bibliotecas públicas municipais, sendo voluntaristas sabemos que terá un futuro máis que difícil, mais sendo realistas, estarían obrigados ao peche ou a mudanza de actividade.
A edición en galego, un sector diversificado
Tras as expectativas creadas pola lei 17/2006 do libro e da lectura, o sector da edición en Galicia das habituais 40 editoras con actividade, arredor de 30 na Asociación Galega de Editores, pasou na actualidade ás 62 que editan con continuidade e das que 50, arredor do 80 % forman parte da Asociación Galega de Editoras.
Das editoras galegas, apenas 8 teñen hoxe carácter xeralista, sendo 54, o 87 %. as que podemos considerar como «editoras culturais independentes», que adoitan contar cunha estrutura moi reducida, entre dúas a catro profesionais no cadro de persoal. Segundo estimamos, 16 delas, cerca do 30 % dedícanse a edición de lix, porcentaxe que chega ao 38 % no conxunto do sector. Á edición literaria ocupa a 21 destas editoras, o 38 %, que se achega ao 50 % cando contamos a totalidade. Dentro desta especialización literaria, é singular o caso galego que conta con catro editoras (tres delas non asociadas a AGE) que desenvolven catálogos dedicados de forma exclusiva a obras traducidas doutras linguas para o galego.
Interesa coñecer se está diversificación editorial, que enriqueceu o catálogo do libro galego, polo tanto contribuíndo a incrementar o seu interese entre o lectorado, afectou ao mapa da edición galega. E os datos son interesantes. Mentres na edición xeralista o 50 % das editoras están radicadas en Vigo, o 37,5 % na Coruña e o 12,5 en Santiago; no caso da edición cultural independente Vigo apenas chega ao 27 %, Coruña o 15,4 %, Santiago o 30,8 % (a máis elevada); mais hai representación de Pontevedra e Ourense, ambas as dúas con 7,7 %, do Morrazo con 5,8 %. Cifras que poden axudar a comprender a mudanza de calado que se está producindo no sector, onde emerxeron focos consolidados de edición en Ourense e no Morrazo.
Crise do Consorcio Editorial Galego
O 80 % das que vimos chamando editoras independentes teñen contratado o servizo de distribución en librarías co Consorcio Editorial Galego (CEG), empresa creada en 2003 por Baía Edicións, que ten o seu almacén en Redondela. CEG que distribúe fondos bibliográficos en galego de até dúas centas entidades, que chega à totalidade da rede libreira galega, que conforman un catálogo que ao longo destas dúas décadas se aproxima as dez mil referencias.
A crise de liquidez do CEG, cunha débeda estimada entre os trescentos mil e medio millón de euros coa maior parte destas editoras independentes, a pesar de que sería unha cantidade asumible en calquera outro sector estratéxico, como é o libro, ameaza coa viabilidades do tecido editorial independente. E máis alá da solución á que chegue o CEG cos seus acredores, esta crise expresa a do conxunto da cadea do libro en Galicia, un ecosistema que ten grandes dificultades para asumir as mudanzas do modelo de mediación cultural actual como a carencia de políticas públicas de edición e lingua. Pode hipotecarse o futuro da edición en galego por medio millón de euros? Non hai posibilidade de rescatar o libro galego neste trance? Suxiro unha xuntanza informal dos membros da cadea do libro (editoras, distribuidoras, librarías, autorías, artes gráficas…) para reiniciar os traballos dunha mesa do libro e da lectura.
Publicado en Nós diario: 25/08/2026



Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir