Panificadora centenaria
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao centenario da Panificadora:
Aprobadas as licencias de obras pendentes dos edificios Lúa e Estrela no Barrio do Cura e coñecida a maqueta da intervención (con toda probabilidade gañadora) do concurso de ideas para o alongamento previsto do túnel de Elduayen até a extrema de Torrecedeira semellaría que, despois de case dúas décadas de ires e vires, comezará, por fin, a tantas veces anunciada rexeneración urbana do paseo de Alfonso e da contorna da oliveira, a grande sala de estar do Vigo vello e o primeiro miradoiro da cidade sobre o horizonte das Cíes. Unha intervención urbanística millonaria, iniciada en 2001, cando o asilo das Hermanitas de los Ancianos Desamparados foi trasladado a Alcabre, o que permitiu o acordo da súa adquisición en 2003 polo futbolista Valery Karpin (valorado en 8,5 millóns de euros) e en 2004, con Michel Salgado e outros socios, da maior parte dos edificios do Barrio do Cura. Hai vinte anos, tamén, o arquitecto Alfonso Penela presentou o proxecto dunha obra que dende 2008, cando picou a burbulla inmobiliaria, quedaría parada coa súa elevada débeda financeira en mans dos bancos, até ser adquirida en 2018 por polo fondo de capital risco norteamericano Autonomy Global Opportunities e a promotora madrileña Gestilar.
Un proxecto que en dúas décadas arruinou un perímetro urbano, delimitado polo edificio, igrexa e finca do asilo das Hermanitas, construídos entre 1892 e 1910 polo arquitecto Manuel Felipe Quintana. Un barrio céntrico de casas humildes de arquitectura pétrea e centenaria, comprendido entre o comezo da rúa Pi e Margall e a rúa Llorente, até o comezo da rúa Santa Marta, diante da antiga fábrica do gas. Un barrio que por diversas circunstancias e sentencias difíciles de comprender na sempre complexa historia urbanística viguesa quedou fóra do perímetro do Casco Vello, perdendo a protección como Ben de Interese Cultural (BIC), mesmo a pesar de contar coas derradeiras casas da arquitectura mariñeira viguesa, as situadas a carón do forno do señor Domingos (a coñecida como Panadaría Barrio do Cura). Un espazo urbano que contaba con actividade comercial, de restauración e residencial de seu, incluída a residencia estudantil franciscana, que tras dúas décadas de polémica urbanística e, sobre todo, da presión insoportable dunha sutil estratexia de degradación e abandono intencionados quedará apenas na memoria da súa veciñanza.
Semellante situación de completo abandono é a que ben sufrindo nas proximidades do Barrio do Cura a Panificadora e o perímetro do seu barrio, delimitado pola proximidade do paseo Alfonso e polas rúas Falperra e Cachamuíña. Unha degradación de catro décadas insoportable e vergonzosa da peza senlleira do patrimonio da arquitectura industrial viguesa, a auténtica catedral laica do Vigo do século XX, que ameaza as edificacións deseñadas polo arquitecto Manuel Gómez Román e os enxeñeiros Otto Werner e Jorge Buchi. Tanto os interiores do edificio principal, inaugurado o 26 de outubro de 1924, onde se enfornaron as primeiras unidades de xaponeses, como do edificio de Falperra e os seus locais comerciais, ampliado entre 1958 e 1962, o máis amplo e moderno do complexo, proxectado por Antonio Román Conde, están completamente desfeitos e espoliados. Como desapareceu a cuberta inundable, un pequeno sistema de zona húmida, pioneiro das actuais construcións sostibles. Xaora, por ventura, os silos de formigón de almacenamento de gran, o elemento máis icónico do complexo, están en mellor estado, tanto os primeiros construídos en 1931 como os seis de 1951, sobre os que se conserva a duras penas a icónica atalaia, concibida sen utilidade industrial, para instalar os pararraios.
Cando se celebra o seu centenario a Panificadora emite o que debería ser xa o seu derradeiro mayday reclamando a súa conservación integral e recuperación como espazo público para usos culturais e comunitarios. Tras as periódicas promesas de recuperación e os nulos avances do proxecto, hai uns meses semellaba que por fin se enxergaba un futuro esperanzador para a Panificadora, tanto polo compromiso da Xerencia de Urbanismo de dispoñer no orzamento de 2024 de máis de once millóns de euros (nove de fondos europeos) para a expropiación dos seus terreos como por unha próxima aprobación do novo Plan Xeral que dese resposta satisfactoria a sentencia do Tribunal de Xustiza de Galicia anulando a modificación puntual do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (Pepri) do Casco Vello. Mais como era previsible en Vigo, tras as eleccións galegas, regresa a confrontación entre concello e Xunta, para a aprobación definitiva do PXOM. Agardemos que, no ano do seu centenario, o futuro da Panificadora non quede en auga de castañas, integrado como corazón que se promete do Paseo de Alfonso verde e peonil.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir