Feijóo non arrinca nas cidades

Segundo o Barómetro que publica hoxe La Voz de Galicia a fórmula de Goberno Bipartito ou Tripartito de partidos de esquerda e nacionalistas gobernaría nas oito cidades galegas. A un ano das municipais, a política de deconstrución de Feijóo semella que non dá os resultados agardados e o PPdeG fracasaría na súa estratexia de que Telmo Martín (Pontevedra), Carlos Negreira (A Coruña) e Corina Porro (Vigo) acadasen as alcaldías. Os datos amosan, ademais un lixeiro incremento dos apoios para o PSdeG-PSOE, especialmente significativo na cidade de Vigo e un decremento dos que recibe o BNG (coa excepción de Vilagarcía e Ferrol, nas que sobe, e Pontevedra e A Coruña, onde se mantén). No entanto, é innegable a fortaleza do PPdeG que apunta un teito que o achega a só un concelleiro da maioría absoluta en Vigo, Santiago e Ourense, as tres cidades onde, nestes momentos, non sería sorpresa ningunha que obtivese en 2011 as alcaldías.

O datos do barómetro da Voz, como estoutra táboa de Fermín Bouza sobre os temas a axenda pública galega, coinciden que os temas que máis preocupan aos galegos son o paro e a situación económica (idénticos ao do resto dos cidadáns do Estado), cuestións moi afastadas da sistemática tarefa deconstrutiva acometida polo equipo de Feijóo sobre temas como idioma, a cultura, os servizos sociais ou a política de (des)protección do litoral. Feijóo, coa excepción da aposta pola fusión das caixas (que, ademais, lle provoca importantes problemas en Vigo), non lle meteu o dente a cuestións claves como a política de emprego e formación, confiando que fose a estratexia de Génova de desgaste a Zapatero a que proporcionase os votos urbanos que precisa o seu partido.

Os datos amosan que os alcaldes socialistas, que teñen elevadas posibilidades de recuncar en todos os casos, tampouco poden confiarse moito, xa que o seu inimigo maior non está no PPdeG, senón no desplome que puidese sufrir Zapatero e o seu Goberno incapaces de facerlle fronte a eses dous temas principais do paro e a crise económica.

Con respecto ao BNG, semella que nas cidades (habería que coñecer datos das vilas, que podería ser outro cantar) as súas perspectivas son dun doce estancamento: non consegue medrar, mais podería manter aos seus cadros nos gobernos locais, o que, unha vez máis, adiaría a resolución definitiva da súa crise.

4 comentarios
  1. caralladas
    caralladas Dice:

    Os cadros de pontevedra e vilagarcía están mal. en pontevedra están invertidos psoe e bng, en vilagarcía a estimación para 2011 suma un escano máis.

    A enquisa é motivo de ledicia, malia que non me fio de varias cousas:

    – das aviesas intencións de la coz del fascista publicando enquisas a un ano vista onde o pp “casi casi gobierna pero le falta un poquito”!! estupenda estratexia para animar ós seus votantes a non quedar na casa.
    – do ascenso do psoe na situación do governo central, que podería empeorar de aqui a un ano.
    – o psoe mellora un pouco a costa do bng (lóxico co panorama que reina na organización frentista). se a situación en España ponse mal moi mal para o psoe, os votos que perda o psdg a respecto desta enquisa, irán para o bng?? dubídoo moito.

    eso sí, eu como pontevedrés estaría encantado de ver a telmito hostiarsela.

  2. Xan
    Xan Dice:

    Debería facerse un estudo sobre as causas que levan a moitos dos nosos galego-falantes a, cando se queren poñer serios, cambiar ao castelán. Sen ánimo de ofensa.

Trackbacks y pingbacks

  1. […] This post was mentioned on Twitter by Manuel Bragado, Kiko Chevarria. Kiko Chevarria said: RT @bretemas: «Feijóo non arrinca nas cidades», anotación no blog, http://bretemas.blogaliza.org/2010/02/07/feijoo-non-arrinca-nas-cidades/ […]

Los comentarios están desactivados.