Onte 1963: «A noite das bicicletas» de Teresa González Costa
Acompañamos onte no Grove á nosa admirada Teresa González Costa na presentación d´ A noite das bicicletas. Transcorridos oitos anos da publicación d’ A filla do ladrón de bicicletas, este sétimo libro de Teresa no catálogo de Xerais constitúe unha precuela daquel extraordinario premio Merlín, un dos mellores libros infantís desta década, no que como aqueloutro afonda na cultura do circo e do espectáculo escénico protagonizado por unha familia extraordinaria de saltimbanquis, acróbatas, actores e músicos. Homenaxe explícita á Commedia dell’ Arte, mais tamén ao teatro clásico, á opera, ao cinema clásico (Buster Keaton e Vittorio de Sica), mais tamén ao deporte (especialmente ao ciclismo), ás costureiras de vestiarios imposibles, ás adiviñadoras e contadoras como ás persoas que esculcan no coñecemento (marabilloso o personaxe de Elías Bricamán).
A noite das bicicletas constitúe un canto á liberdade, unha loubanza da vida como conquista individual («nós somos vento, déixate levar»), na que os animais falan e as bicicletas teñen nome (Celerífera, Vancouver…). A noite das bicicletas homenaxea tamén aos contos clásicos de Hansel e Grettel e ao frautista de Hamellin, unha marca hipertextual presente en todas as obras de Teresa; como aparecen tamén aquí referencias intertextuais, como ao seu personaxe Leopolda Diéguez, a narradora de Fred Quincalla, o nómade do mar, presentada como ilusionista. Xaora, A noite das bicicletas é, sobre todo, unha historia de amor e de exaltación dos valores da amizade na que o espírito de superación constante e o esforzo nos ensaios e adestramentos constitúe o eixo de calquera actividade deportiva ou artística. Outra excelente entrega dunha das autoras con maior proxección internacional da literatura infantil e xuvenil galega actual.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir