Redeiros da Gran Vía
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á polémica arredor da modificación do bulevar e do arborado da Gran Via de Vigo:
Inaugurada por Franco o 24 de agosto de 1945, sendo alcalde Luis Suárez-Llanos Menacho, a Gran Vía foi a arteria principal de circunvalación do Vigo do século XX. Proxectada en 1910 no Plan de Ordenación Urbana do enxeñeiro Ramiro Pascual, que prevía o ensanche do barrio de Casabranca e a chegada da cidade a Travesas, o primeiro treito, o ascendente, entre a rúa Lepanto e a Praza de España, comezou a executarse en 1939, e o segundo, o descendente, dende o Couto até a praza de América, entre as veigas e campos do barrio do Regueiro, en 1942. Transcorridas sete décadas, esta rúa formidable de trinta metros de ancho, disposta en dúas calzadas laterais para a circulación de vehículos e un bulevar central arborado para o paseo e o lecer dos peóns, serviu para artellar o crecemento urbano de ambas as dúas abas do Castro (non sempre con resultado afortunado). Xaora, a nivel simbólico, a Gran Vía constituíu, até a apertura nos anos setenta da súa continuación até acadar a praia de Samil, o que é hoxe a avenida Castelao, o único exemplo existente en Vigo de vías bulevar, ou vías parque para a cidadanía, ao xeito das existentes en Cataluña coas súas ramblas ou noutras cidades europeas tan emblemáticas como París e San Petersburgo.
Neste contexto histórico, é difícil entender cales son as razóns obxectivas polas que o concello de Vigo pretende modificar, ao fío das actuacións previstas no proxecto de Vigo vertical, o aspecto dunha rúa tan emblemática como a Gran Vía, na que ademais, se atopan construcións pétreas protexidas, como o edificio Albo do número 2, unha das alfaias da nosa arquitectura racionalista debida a Francisco Castro Represas, ou a construída nos números 4 e 6 polo arquitecto Antonio Cominges. Como tampouco é comprensible que a instalación de ramplas mecánicas, que faciliten o ascenso até a praza de España a persoas con mobilidade reducida, o que non xustificaría o alcance da actuación, supoña a desaparición do bulevar arborado de laranxeiras e camelios, tal como foi concibido, substituído por outro acristalado e axardinado apenas con macetas de especies de baixo porte. Como tampouco parece xustificado trasladar do bulevar o Monumento ao traballo, os famosos redeiros ou forzudos, un dos espazos da cidade máis fotografados polos visitantes e queridos polos vigueses, concibidos expresamente polo escultor Ramón Conde para o arrinque da costa e moito menos que sexan substituídos no cruzamento da rúa Nicaragua por unha Peixesebe, vendida xa como se do Puppy de Jeff Koons se tratase, continuando a tan desafortunada liña rechamangueira da dinosebe da Porta do Sol e doutras actuacións polémicas que xa non veñen nin ao caso citar.
Outro tanto podemos expresar sobre as noticias preocupantes da posible actuación da motoserra sobre as vellas castiñeiras de indias e os tilos das beirarrúas laterais da Gran Vía, frondosas resistentes nunha das zonas máis contaminadas da cidade, ameazadas dunha tala, xustificada neste caso polos técnicos do proxecto pola súa mala saúde provocada por podas erradas e pola súa proximidade a algúns edificios, que se anuncian serán substituídas pola plantación de «árbores singulares» e pola presenza de «vexetación colgante» nalgunha das zonas do bulevar acristalado. Razóns nas que xa chove sobre mollado nunha cidade onde as bautizadas como humanizacións supuxeron case sempre a desaparición das raíces das árbores e a súa substitución por maceteiros decorativos, o que dificilmente podería ser considerar nalgún outro lugar como unha política medioambiental sostible. Como tampouco parece que o sexa o elevado custe enerxético que suporán o funcionamento das ramplas mecánicas, unha actuación do Vigo vertical de utilidade moi diferente a dos elevadores da rúa Segunda República ou dos elevadores previstos no parque Camilo José Cela, entre Torrecedeira e Pi e Margall.
O feito de que o goberno municipal conte cunha folgada maioría absoluta non debería ser óbice para que en actuacións tan emblemáticas e custosas (máis de oito millóns de euros) como a prevista na Gran Vía se procurase acadar o maior consenso dentro da corporación como a participación da veciñanza e dos comerciantes da zona. Mudar de forma irreversible o aspecto dun espazo urbano, como se pretende despois de setenta anos coa Gran Vía viguesa, debe estar moi xustificado, tanto dende o punto de vista técnico xurídico –sexa polo seu impacto sobre o patrimonio, a mobilidade, a seguridade como sobre o propio medio ambiente– como inserido nun proxecto da cidade futura que cada xeración pretende ceder ás posteriores. Cremos que aínda hai tempo para que a alcaldía reconsidere con xenerosidade este proxecto desafortunado do arranxo da Gran Vía que afecta a memoria e a identidade do conxunto da cidade.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir