Onte 1734: «Tudo que aprendemos juntos», a esperanza da música
Tudo que aprendemos juntos, a película de Sérgio Machado estreada esta semana como El profesor de violín, é outra achega valiosa a ese cinema que propón un diálogo sobre o papel da educación no desenvolvemento dos mozos e mozas que viven en situacións de exclusión social. Coma sucedía n’ A clase, onde Begaudeau escolleu un centro da banlieu parisina para escenificar os conflitos da exclusión, Machado faino cun centro da favela paulistana de Heliópolis para ofrecer un relato –baseado nalgunha medida nunha historia real, a da creación do Instituto Baccarelli– sobre as cicatrices dun grupo de adolescentes que non teñen outro futuro que abrazar a violencia. Porén, o director baiano non amosa só as feridas desa desigualdade, como noutras pezas do cinema brasileiro (Cidade de Deus ou Era uma vez), senón que tamén procura visibilizar o compromiso das persoas, como Laertes, violinista da Orquestra Sinfónica de São Paulo, que pretenden facerlle fronte dende as artes e a educación.
Película de BSO moi fermosa, lembrounos, inevitablemente, a atmosfera paulistana da Periferia de Iolanda Zúñiga e o conflito d’ As palabras poden matar de Marcos Calveiro, dúas obras que dende a nosa literatura recente abordan a complexidade do mundo da favela. A pesar de que o desenvolvemento do relato é previsible e a resolución un chisco forzada, Tudo que aprendemos juntos consigue emocionar e enguedellar ao espectador prendido entre a forza das interpretacións naturalistas dos mozos da orquestra e a serenidade dunha música marabillosa que reivindica o valor das belas artes para construír outro mundo diferente.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir