Onte 1684: Repensar a identidade galega
Como sucedera en Santiago e na Coruña resultou moi interesante a presentación que no serán de onte fixemos no Círculo das Artes de Lugo de Historia das historias de Galicia, o libro colectivo desmitificador da historiografía galega coordinado por Isidro Dubert. Un acto no que acompañaron o editor dous dos coautores, Manuel Gago e Javier Fernández.
Comezou o editor da obra, lamentando que a divulgación histórica feita dende a universidade galega non conseguira desmontar os mitos e prexuízos existentes sobre a Historia de Galicia. “Botábase en falta un libro concibido a inglesa, feito por especialistas en divulgación histórica, que estivese ben escrito, sen necesidade de notas a rodapé e grande aparello crítico, presentado de forma atractiva para o lector. Historia das historias de Galicia pretendeu ser ese libro desmitificador dos mitos e historias como os dunha Galicia castrada e domada, que viviu trescentos anos de séculos escuros, arrastrando esa enorme condena do seu atraso”. Dubert insistiu en que era necesario desmontar criticamente esa visión do noso pasado “que fosiliza o presente e condiciona o noso futuro. O pasado como unha losa que constrinxe o noso futuro”. Dubert sinalou que esa imaxe que temos de nós mesmos foi construída ao longo da historia por uns sectores moi determinados e de forma moi consciente.
“O libro pretende dar conta dos mitos existentes arredor do celtismo e que se agocha detrás diso. Outro tanto cos temas dos Séculos Escuros e desoutro incomprensible do atraso, cando somos un país rico que conta cun gran capital humano.” “Interesounos coñecer como se xestaron estes construtos e procuramos ler criticamente todos estes mitos.” Rematou Isidro resumindo que todos os autores e autoras do libro, dende posicións diversas, asumiron como obxectivos comúns utilizar a perspectiva histórica e asumir a perspectiva inglesa da divulgación histórica”.
Javier Fernández sinalou que tres eran os grandes valores do libro. Primeiro: “Esta é unha obra que enaltece o oficio de historiador. neste libro non se repiten mitos, analízanse historicamente”. Segundo: “Este é un libro que fai país, que permite saber quen somos, que é Galicia”. “Así cando se nos pregunta aos historiadores se somos celtas ou romanos, non podemos contestar outra cousa que somos simplemente galegos. O mesmo sucede cando se nos pregunta se somos atrasados ou modernos, somos modernos á galega”. “Neste libro, por exemplo, Manuel Gago propón substituír o mito celtista polo atlantismo, como novo mito e nova identidade cara o futuro. Un exemplo de que a identidade necesita ser repensada, ao que moito axuda este libro.” E terceiro: “Este é un libro historiograficamente moi importante. Un libro feito por profesores universitarios e investigadores que ofrecen a crítica, a revisión e a posibilidade de repensar a historia que antes se fixara. É unha mensaxe desmitificadora e seria, unha obra importantísma”.
Rematou a quenda de intervencións coa de Manuel Gago para quen “o libro sitúa á historia no debate cultural, leva a historia de Galicia máis alá das aulas e do debate académico, xa que desacraliza os mitos”. “O feito de que na exposición Galicia 100, na que escollemos cen obxectos para contar a historia de Galicia a peza máis fotografada sexa a bata de GOA de Amancio Ortega, que se conseguiu nunha mercería de Porto do Son, quizais amose que en Galicia se valoran os modelos de éxito”.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir