Onte 1299: «Zapatillas rotas» de Xabier Quiroga, Premio da Crítica
Excelente noticia a que coñecimos onte ao mediodía, a do Premio da Crítica na categoría de narrativa en galego a Zapatillas rotas, a novela de Xabier Quiroga publicada o pasado setembro en Xerais Narrativa. Un premio moi valioso, froito do criterio adoptado pola sección galega da Asociación Española de Críticos Literarios (AECL), presidida polo galego Ángel Basanta, que Quiroga xa obtivera en 2010 coa súa novela anterior, O Cabo do Mundo, o que supón a súa confirmación como un dos máis grandes narradores galegos do noso tempo. O voceiro do xurado, Ramón Nicolás, destacou que «Zapatillas rotas é unha obra sobre a busca da identidade», citando entre as calidades do texto «a mestría do autor na combinación de recursos narrativos, así como o tratamento da vellez cunha visión crítica e case cáustica, que tamén dá pé ao humorismo e o divertimento». Mágoa que despois soubéramos da tremenda nova do pasamento de Benxa Riobó, o libreiro do Pontillón de Moaña, con quen compartimos tantas angueiras e esperanzas.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir