Onte 1019: Memorias de Sabino Torres
Coincidindo co seu noventa aniversario, o pontevedrés Sabino Torres publica Crónicas dun tempo escondido. Pontevedra 1930-1960 (Galaxia 2014), as súas memorias como editor e poeta. Coa súa elegancia característica, inserida na retórica clásica, onde que nunca falta o humor e o detalle preciso, o director de Hipocampo Amigo e actual decano dos editores galegos en activo, reconstrúe en trescentas páxinas a historia social e cultural de tres décadas da posguerra, cando a imprenta Torres do seu pai foi o centro da dinamización xornalística e literaria de Pontevedra. Neste tour de force coa memoria Sabino concédelle particular importancia as tertulias literarias daquel tempo miserento dos «luns sen postre», celebradas nos cafés Savoy, Moderno ou Urquín, máis tarde no Carabela, onde impartían doutrina xentes como Ramón Peña, Emilio Canda, Celso Emilio Ferreiro, Emilio Álvarez Negreira, Manuel Cuña Novás, Rafael Alonso, Laxeiro, entre outros moitos escritores e pintores citados.
Xaora, foron do meu maior interese os capítulos dedicados á édición, nos que se relata a experiencia da revista Finisterre e do semanario Ciudad, como da colección poética Benito Soto, un capítulo extraordinario polo que Sabino Torres pasará con letras douradas á historia da edición en lingua galega. Mágoa que non profundice en aspectos máis técnicos de edición e, sobre todo, nas razóns que fixeran naufragar un proxecto, aparentemente exitoso, que tiña o proxecto de ampliarse na narrativa e no ensaio, xusto cando nacía a editorial Galaxia. Memorias dun editor galego de lectura engaiolante que merecen atención. Beizóns, mestre!!!
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir