«O galego é útil», manifesto

Un grupo de galegos, asentados a maior parte deles en Londres, promove o manifesto «O galego é útil» coa intención de desmentir, dende a súa experiencia no extranxeiro, o mito de que «o galego non vale para nada» ou «serve só dentro de Galicia». Reproducimos o texto dun manifesto moi interesante:

Todos os idiomas valen e para moito.
A nós, o galego foinos útil e segue séndonos útil nas nosas vidas e aventuras polo mundo adiante:
1. O galego facilitounos a aprendizaxe doutros idiomas: fíxonos máis sinxela a comprensión oral e escrita doutras linguas, axudounos a identificar e pronunciar noutros idiomas sons que non existen en castelán e facilitounos a aprendizaxe de novas estruturas gramaticais.
2. A capacidade de falar galego fixo posible que nos comunicáramos con cidadáns de Portugal e Brasil (entre outras nacións posibles, que xuntas suman unha poboación de arredor de 200 millóns de persoas).
3. No estranxeiro, o feito de falar galego e polo tanto comprender o portugués deunos unha vantaxe competitiva frente a outros traballadores, xa que a nivel internacional o coñecemento de idiomas sempre é un bonus, sexa a industria que sexa.
Por estas tres razóns prácticas, concluímos, sen ningún tipo de dúbida, que o galego tamén é útil fóra de Galicia. Que non che quenten a cabeza dicindo que non.
Londres, 1 de abril de 2009
Queres asinar o manifesto? Entón envíanos unha mensaxe indicando o teu nome e se podes engade tamén a túa testemuña.

Paréceme moi oportuno abrir novos vieiros, coma o deste manifesto, para a defensa da utilidade do idioma. Este é un dos camiños para desmontar moitos dos prexuízos que abafan hoxe o futuro da lingua. Beizóns para Inma Gil e Xesús Magariños, promotores do manifesto.

2 comentarios
  1. luloni
    luloni Dice:

    Hai uns anos paseaba eu coa miña muller por unha rúa do downtown de Montreal (Quebec) na noitiña. De súpeto desatouse unha treboada e tivemos que buscar acubillo baixo uns toldos. Alí coincidimos con outra parella nas mesmas circunstancias. Eles, moi seguros de que a súa lingua nos era incomprensible, falaron tranquilamente dos seus asuntos intimos. Nós mantivémonos en silencio, puxemos cara de póker e miramos de cando en vez para o ceo por se escampaba.
    Naturalmente, comprendemos todo, xa que a súa fala era portuguesa (lingua que se escoita moito en Canada, por outra parte). Cando a chuvia parou e reanudamos o paseo, aínda rimos un cacho.

  2. Margarita Ledo Andión
    Margarita Ledo Andión Dice:

    Os viaxeiros ian ate aló na procura de sándalo branco. É o Timor Leste. Un dos asesores de Xanana Gusmao, Antonio Ramos, visitou Compostela en 2006 co gallo do VII Congreso da Federación Lusófona de Ciencias da Comunicación. Dende entón chámanos ‘irmáns galegos’ . Contruírmos un espazo-mundo diferente é o obxectivo que nos une. E o galego é o noso elo.

Los comentarios están desactivados.