Artigos

«O galego é útil», manifesto

Un grupo de galegos, asentados a maior parte deles en Londres, promove o manifesto «O galego é útil» coa intención de desmentir, dende a súa experiencia no extranxeiro, o mito de que «o galego non vale para nada» ou «serve só dentro de Galicia». Reproducimos o texto dun manifesto moi interesante:

Todos os idiomas valen e para moito.
A nós, o galego foinos útil e segue séndonos útil nas nosas vidas e aventuras polo mundo adiante:
1. O galego facilitounos a aprendizaxe doutros idiomas: fíxonos máis sinxela a comprensión oral e escrita doutras linguas, axudounos a identificar e pronunciar noutros idiomas sons que non existen en castelán e facilitounos a aprendizaxe de novas estruturas gramaticais.
2. A capacidade de falar galego fixo posible que nos comunicáramos con cidadáns de Portugal e Brasil (entre outras nacións posibles, que xuntas suman unha poboación de arredor de 200 millóns de persoas).
3. No estranxeiro, o feito de falar galego e polo tanto comprender o portugués deunos unha vantaxe competitiva frente a outros traballadores, xa que a nivel internacional o coñecemento de idiomas sempre é un bonus, sexa a industria que sexa.
Por estas tres razóns prácticas, concluímos, sen ningún tipo de dúbida, que o galego tamén é útil fóra de Galicia. Que non che quenten a cabeza dicindo que non.
Londres, 1 de abril de 2009
Queres asinar o manifesto? Entón envíanos unha mensaxe indicando o teu nome e se podes engade tamén a túa testemuña.

Paréceme moi oportuno abrir novos vieiros, coma o deste manifesto, para a defensa da utilidade do idioma. Este é un dos camiños para desmontar moitos dos prexuízos que abafan hoxe o futuro da lingua. Beizóns para Inma Gil e Xesús Magariños, promotores do manifesto.