Onte 792: Tras a sentenza do Prestige
A sentenza do Prestige, a pesar do fito que supuxo a súa redacción e lectura en galego, devólvenos a máis crúa realidade dun país en ruínas. Da marea negra, daquela desfeita que conmoveu ao mundo, non se tiraron nin responsabilidades políticas nin xudiciais. Non houbo delito ambiental nin culpables nin responsabilidade das empresas que contaminaron máis de 1.200 km de costa galega, cantábrica e francesa nin actuación imprudente do executivo que mandou o barco ao quinto pino e provocou danos valorados pola fiscalía en catro mil millóns de euros nin se sabe tampouco cales foron as razóns que orixinaron un verquido de 70.000 toneladas de chapapote. Aqui non pasou nada, coma se dun fenómeno natural se tratase, botouse terra sobre a verdade. Semella que todo aquilo foi apenas un pesadelo vivido por 20.000 mariñeiros e mariscadoras, por máis de 120.000 voluntarios que durante meses limparon praias e cantís, e por milleiros de galegos e galegas mobilizados hai once anos reclamando dignidade e que nunca máis se repetise unha traxedia semellante. Tras a sentenza, aquí non se pode reclamar un euro nin ninguén vai ser compensado. Non, non foi un acto de xustiza do que sentirse recoñecidos. A sentenza do Prestige devólvenos ao noso punto de inicio, á necesidade de que a cidadanía galega abandone o conformismo e a comodidade, á de teimar no esforzo por recuperarmos a tensión da mobilización cidadá solidaria coa intención de reconstruír un país en ruinas. Por moito que nos incomode esta sentenza, non é este o momento nin para o desolación nin para o desánimo. Cómpre reaxir.
A foto é de Guillermo Cameselle.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir