Onte 749: A volta de Rosa Aneiros
Volve ás librarías Rosa Aneiros. Unha magnífica noticia. Tras aquela extraordinaria colleita dos Xerais de 2009, na que gañara o premio xuvenil e o de novela, Rosa comeza co Ámote Leo A. Destino xalundes un gran proxecto narrativo de máis dun milleiro de páxinas, presentado en tres novelas que publicaremos de tres en tres meses; en xaneiro aparecerá a segunda entrega (Ámote Leo A. Estación de tránsito) e en abril a terceira (Ámote Leo A. terminal de… chegadas?). Unha viaxe polo mundo enteiro que en seis meses levará a Leo, unha rapaza que remata os seus estudos de grao, por territorios e cidades que nunca imaxinara. Unha prosa fermosa, traballada con agarimo e dedicación para facer da narración unha lectura engaiolante na que se borran as fronteiras de xénero. É difícil aquí determinar cal pode ser o público preferente dunha triloxía que editorialmente ben pode ser encadadrada nos denominandos como os «crossover books» (libros para persoas adultas que len os mozos e mozas –O vixía no centeo– ou libros para mozos e mozas que len as persoas adultas –Alicia no país das maravillas–?). Tamén é moi importante na triloxía a presenza na narración das mensaxes dixitais como a resolución de incógnitas que se van presentando no camiño desta narración de aventuras e viaxes. Aventuro que este novidoso proxecto narrativo de Aneiros vai contar co apoio de moitos lectores e lectoras de moi diversas idades, o que constituirá un logro para a a literatura galega do noso tempo.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir