Onte 528: O Celta no precipicio
Tras o sucedido nesta fin de semana en Xetafe, o Celta quedou no precipicio, nunha situación case desesperada para manter a categoría. Se non abondase unha nova derrota froito da febleza defensiva e das escasas alternativas tácticas das que dispón o equipo, o conflito aberto entre Iago Aspas, o figuriña do equipo, e Paco Herrera, o adestrador, ameaza con estragar calquera esperanza de remontada.
Ambos os dous erraron, e moito. O dianteiro por non saudar ao seu compañeiro Santi Mina (debutante de 17 anos), cando foi substituído, un falta de deportividade inadmisible. O adestrador por criticar na roda de prensa ao seu xogador, agochando a súa responsabilidade nesta debacle que sitúa ao equipo a dúas vitorias da salvación. Ambos os dous amosaron co seu comportamento unha preocupante carencia do autocontrol exixible a deportistas adultos e profesionais, ademais de constituír un síntoma inequívoco do deterioro da convivencia no vestiario.
Aspas, que arrastra dende hai dous meses unha baixa forma alarmante, que non se pode achacar só ás lesións musculares, se pretende voar lonxe de Balaídos, deberá continuar madurando no control do seu comportamento na lameira. Unha perrencha deste tipo baixa a súa cotización deportiva e humana. Erra tamén o entrañable Herrera –ollo!, a quen non lle quito razón ningunha na súa explicación sobre a fráxil situación do xogador–, mais que non foi oportuno expresar en roda de prensa, moito menos para tapar as razóns dunha derrota tan contundente. Todos os adestradores están obrigados a asumir que as derrotas do seu equipo son da súa exclusiva responsabilidade, mentres as vitorias serán atribuíbles ao talento e afouteza dos seus xogadores. Outra regra non escrita dese deporte evidencialista, que se manexa cos principios do «fútbol é fútbol», como escribíu o meu amigo Jacobo Buceta.
Nunca fun herrerista nin sequera nos días de euforia do ascenso. Nada teño na súa contra. Paco Herrera paréceme unha persoa honesta e comprometida co seu traballo, aínda que é moi difícil consideralo un adestrador dos de «nova xeración», como algúns de equipos (exitosos) da fasquía do noso (Jémez no Rallito ou Dukic no Valladolid poden ser dous exemplos). Máis aínda, hai varias tempadas, desde o cese de Fernando Vázquez e Félix Carnero, que levo reivindicando un profesional moderno deste novo tipo, tanto para a secretaría técnica coma para o banco do adestrador, coa única preferencia de que fosen tamén celtistas xenuínos. Aí é onde creo pode estar o eixo de consolidación dun proxecto deportivo viable ou dunha decadencia inevitable.
Diante da desfeita de Xetafe, Mouriño xa non pode agardar máis, e con toda a dor de corazón e gratitude polos días felices compartidos, debe substituír a Herrera. O cadro de xogadores e a afección precisan un novo aliciente para intentar saír do precipio. É moi difícil, mais áinda posible.
Actualización (7:49): Durante esta madrugada Herrera foi destituído. Abel Resino será o novo adestrador do Celta.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir