Onte 399: Adeus, Cameselle
Morreu Guillermo Cameselle, o fotógrafo de Faro de Vigo. Marchou para sempre unha persoa boísima, que sempre nos agasallou co seu agarimo e xenerosidade desbordada. Formado a carón do noso amigo Magar na escola do Faro dos anos setenta, cando comezou a brutal transformación da nosa abella da ribeira, Cameselle foi modelo dun afouto fotoxonalista capaz de recoller a aceleración dun instante, comprometéndose cos afáns da cidadanía. Nas súas fotos brillantes atopamos o celme do Vigo rebelde e revolcado, o dos obreiros de Ascón dirixindo o catamarán a porto seguro, o da rapazada nosa da movida dos oitenta até o das mariscadoras en loita, enchoupadas de dignidade. Cameselle deixa un extraordianrio arquivo, milleiros de fotografías que non allará o paso do tempo, unha parte da memoria viguesa das tres últimas décadas do pasado século XX. Merece unha gran exposición como homenaxe e recoñecemento cidadán dos que hoxe o bagoamos.
Nesta galería de Faro de Vigo poden verse algunha das súas fotos.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir