Golfiño

Dos proxectos que teño promovido na miña vida profesional en poucos tiven máis fe ca en Golfiño, unha revista mensual de banda deseñada, dirixida a nenos e nenas de 8 a 12 anos, que creamos da man de Fausto Isorna e Miguel Vázquez Freire. Sempre crin que co comenzo deste século era o momento de reeditar o esforzo que supuxo Vagalume ou o papel que en Cataluña viña desempeñando Cavall fort (despois de corenta e seis anos segue editándose) como medios dirixidos ao público máis novo. Equivoqueime. Comercialmente para nós a experienciade Golfiño foi un fracaso estrepitoso, non conseguimos apenas axudas (a pesar de que petamos en moitas portas) e, despois de catorce números de termar por ela, acabamos pechándoa e cedéndolla gratuitamente á La Voz de Galicia que a convertiu en semanal e exclusivamente en publicación de historieta, durante dúas tempadas. Porén, teño o convencemento de que Golfiño triunfou doutra maneira, xa que foi fundamental para que agromase unha boa parte da xeración de debuxantes de BD, que existe hoxe no país.
Agora Fausto inaugura unha exposición sobre o proceso creativo das portadas da revista, unha antolóxica de quince daquelas portadas, feito que nos enche tamén de orgullo. Poucas veces podemos dicir que un fracaso sementase tanta esperanza. Beizóns para Fausto o creador do personaxe e o director artístico de tan importante proxecto.

Etiquetas:
4 comentarios
  1. andrederabal
    andrederabal Dice:

    ANOS PASADOS,(TERIA COMO 8 OU 9 ANOS,AGORA TEÑO 12), MEU PAI IVA COMPRALO PERIODICO OS DOMINGOS,EU AGARDABA NA CASA.CANDO EL VIÑA , COLLIALLE O GOLFIÑO E PUÑAME A LELO CON MEU IRMAN.TEÑO BASTANTES.O APARTADO QUE MAIS ME GUSTABA ERA O DE “FIZ” ,UN RAPAZ MOI PORCO.

  2. marcos valcarcel
    marcos valcarcel Dice:

    Eu sempre lamentei tamén a morte de “Vagalume” primeiro e de “Golfiño” despois. É evidente que era un dos grandes medios de normalización posible do idioma entre os máis novos: todo o que se faga nesa liña é máis necesario que nunca.

Los comentarios están desactivados.