Propoñer na lameira

Despois de dúas xornadas con Claudio Giráldez no banco, nas que mudou de raíz o modelo de xogo do Celta e, por ventura tamén, a tendencia na puntuación (4 puntos de 6 posibles, unha vitoria e un empate), cabería preguntarse se as non sei cantas semanas perdidas confiando cegamente na veteranía millonaria de Rafael Benítez, poden chegar a ser determinantes ou non para finalmente esquivar o descenso no Centenario. Unha etapa nefasta de vinte oito xornadas, a maioría de tristes padeceres, na que o adestrador madrileño nunca quixo entender o espírito do equipo centenario e da cidade na que traballaba, fracaso ao que Marián Mouriño e o seu equipo pretenden agora poñer remedio, o que merece o maior recoñecemento e apoio, mais que como se amosou onte fronte ao rochoso Raio Vallecano, non vai ser doado emendar nas apenas oito xornadas que restan de campionato.

Xeira de Giráldez iniciada en Sevilla cunha vitoria brillante e un xogo superlativo, o que non se repetiu totalmente diante do Raio, tanto polo empate (insuficiente para os méritos do equipo) como pola menor fluidez á hora de propoñer diante dun rival intenso e antipático (na perda de tempo), que soubo aproveitar as amplas marxes de contacto permitidas pola polémica arbitraxe de Hernández Hernández. E abofé que foi o árbitro canario o auténtico protagonista do partido, xa que anulou un gol a Jailson (sen xustificación ningunha e asubiando in extremis para evitar a intervención do VAR) e evitou sinalar un claro penalti a Iago Aspas, cando intentaba rematar na área pequena e a porta baleira no tempo engadido. Dúas decisións, que non fai falta ser Negreira ningún, para saber que non serían as mesmas de tratarse doutros equipos afeitos a xogar con ese vento mainiño a favor. Outra vergonza máis deste campionato no que choven sobre mollado estes erros de vulto de arbitraxes desafortunadas, que poden chegar a ser decisivas.

En todo caso, o celtismo entendeu onte a situación moi delicada na que continúa o equipo, herdada en boa medida do conformismo de Benítez, sen esquecer as polémicas arbitrais da primeira volta, case enchendo o coliseo do Fragoso e expresando un entusiasmo non exento de temor e respecto polos visitantes. O celtismo sabe que unha mudanza radical de rumbo en medio da treboada é perigosa e de resultado incerto, polo que aínda é máis admirable a afouteza de Giráldez de arriscar, dende o minuto inicial, por un xogo que propón en campo contrario, incorporando no once de gala sen reparos a canteiráns como Hugo Sotelo, Hugo Álvarez e Carlos Domínguez. Como tamén sorprende a madurez do míster do Porriño para intervir dende o banco no deseño do xogo, como sucedeu onte sentando ao remate da primeira parte a Starfelt, incapaz na posición de líbero de sacar a bóla combinada, ou substituíndo pouco despois a Bamba que non proporcionaba nin a velocidade nin o desborde na banda asignada. En só dous partidos Giráldez amosou ser un adestrador determinado, con coñecementos técnicos e capacidade estratéxica sobrados, que conta ademais co apoio dun vestiario que prefire, como sinalou onte o capitán Iago Aspas, ter a pelota e propoñer na lameira.

Mágoa que diante do Raio Vallecano, os paos foran tan determinantes para os nosos. O desenvolvemento do xogo e o resultado serían moi distintos se na primeira parte entrase a gran cabezada de Larsen, respondendo a un centro de Hugo Álvarez, que bateu na escuadra da madeira, superando ao meta Dimitrievski. Como xa vimos dentro o zurdazo de Carles Pérez que se estrelou no medio e medio do traveseiro, no derradeiro lance do partido, co remate do tempo engadido. Mágoa que non frutificasen tampouco os diversos intentos dos celestes de desordenar aos vallecanos, que coas excepción dun par de transicións conducidas por Bebe, renunciaron ao ataque, mais souberon impedir ese derradeiro e decisivo pase gañador que procuraron sen éxito os de Claudio.

Cando aceptou a encomenda ben sabía Giráldez que non ía ser doado desempeñala con éxito. Este empate, certo que insuficiente para os méritos celestes, amosa a enorme dificultade do traxecto que lle resta a este Celta que propón. Encadear dúas vitorias continúa sendo o vieiro da permanencia posible. Teimar na proposta de Giráldez, ademais de ser máis divertida e ilusionante para o celtismo, tamén pode ser a máis eficaz para facerlle fronte a rivais da entidade do Betis, As Palmas e Alavés cos que xogará neste mes de abril.

Publicado en Faro de Vigo: 01/04/2024