Poema de hoxe 151:«Never more» de Xela Arias
Atónita.
Fonte indómita.
De cara ó noxo
pon prezo en castigo á patética esperanza
Xela Arias, «Never more» (2003)
Poema de hoxe 151:«Never more» de Xela Arias/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Atónita.
Fonte indómita.
De cara ó noxo
pon prezo en castigo á patética esperanza
Xela Arias, «Never more» (2003)
Poema de hoxe 150: «Cantigas de alén» de José Ángel Valente/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Alongarme somente foi o xeito de ficar para sempre
José Angel Valente, Cantigas de alén (Ediciós do Castro, 1981)
Aledeime da vitoria de Xoaquín Fernández Leicega nas primarias do PSdeG-PSOE á liderar a súa candidatura nas Autonómicas do Outono. Un resultado que evita o suicidio do partido en Galicia e despraza ás marxes da política autonómica galega á vella garda dos Caballero, Romeu e Barcón defensores dunha imposible estratexia supremacista. Desque hai un días falei con Xocas un par de minutos nun aparcadoiro compostelán, comprendin que a súa candidatura era sólida e abría unha xanela de esperanza para artellar co BNG e En Marea unha alternativa posible a Feijoo. Sempre admirei en Xocas o seu rigor na análise política e económica e a súa empatía natural, actitudes que aventuro poden axudalo nun entorno difícil de negociación, tanto dentro como fóra do seu partido. A candidatura de Leiceaga achega unha raiola de esperanza.
Poema de hoxe 149: «Madrid» de Manuel Rivas/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía, Xerais/por bretemas
Non lanzarei un puñado da miña terra contra ningúen.
Manuel Rivas, Costa da Morte Blues (Xerais, 1995)
Foi onte un día ilusionante no que celebramos o xantar cos membros dos tres xurados dos Premios Xerais e as reunións nas que se escolleron as obras finalistas. Nesta triséxima terceira edición profundizamos no modelo de participación do lectorado nos premios, iniciado o pasado ano, ampliando o número de membros reclutados na convocatoria aberta que fixemos na nosa web. Non hai palabras abondas para agradecer o esforzo destas quince persoas tan xenerosas e comprometidas coa lectura literaria en galego que leron durante dous meses un número moi considerable de obras e asumiron o compromiso de participar nun proceso reflexivo de toma de decisións. Agora contarán cunha semana de relectura para preparar a súa participación na segunda reunión na que establecerán o seu ditame.
Poema de hoxe 148: “Celebración” de Gonzalo Hermo/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Porque non hai lingua que impugne o contido dunha perda
nin hai consolo desta volta no brazo das palabras
Gonzalo Hermo, Celebración (Apiario, 2014)
Acompañamos onte a Manuel Gago na presentación da súa primeira novela, O anxo negro. Como hai pouco máis de dous anos, cando se presentara Vento e chuvia, Gago escolleu a Igrexa da Compañía como espazo para compartir unha obra na que se aborda como tema principal a posta en valor do noso patrimonio. Un serán no que se falou da novela e dos seus contidos, na que media ducia de actores realizaron unha performance, na que se proxectou o vídeo de Soledad Felloza arredor da ficción /en realidade un trailer dunha película que non existe), na que cataron viños branco e tinto de Viña Costeira e se probaron as delicias das conservas de Luís Escurís Batalla. A verdade que máis non se lle pode pedir a un acto literario.
O anxo negro é unha novela de intriga de longo alento, cincocentas páxinas,construída sobre un pano de fondo histórico, dacabalo do tempo da Transición e do século XVI, onde o tema principal é o expolio ao que foi sometido o patrimonio das igrexas do rural galego despois do Vaticano II. Unha historia enfiada polo roubo en 1981 dunha Santa Mariña na parroquia (imaxinaria) de Cereiro, que será investigado por unha parella de “detectives” moi singular, Nicolás Bren, un capitán da Mariña Mercante, afeccionado á historia local, e Andreu Meis, un mozo catalán casado na parroquia, propietario do Bar Drake. Unha novela coral, que abala entre o xénero negro e o histórico, na que utilizando os recursos da ficción se denuncia un tema agochado, o dun sistema de financiamento corrupto ao tempo que se pretende pór en valor o patrimonio eclesiástico arraizado na cultura popular galega. Aventuro que esta primeira novela de Manuel Gago dará moito que falar e moito que ler.
Como sucedera en Santiago e na Coruña resultou moi interesante a presentación que no serán de onte fixemos no Círculo das Artes de Lugo de Historia das historias de Galicia, o libro colectivo desmitificador da historiografía galega coordinado por Isidro Dubert. Un acto no que acompañaron o editor dous dos coautores, Manuel Gago e Javier Fernández.
Comezou o editor da obra, lamentando que a divulgación histórica feita dende a universidade galega non conseguira desmontar os mitos e prexuízos existentes sobre a Historia de Galicia. “Botábase en falta un libro concibido a inglesa, feito por especialistas en divulgación histórica, que estivese ben escrito, sen necesidade de notas a rodapé e grande aparello crítico, presentado de forma atractiva para o lector. Historia das historias de Galicia pretendeu ser ese libro desmitificador dos mitos e historias como os dunha Galicia castrada e domada, que viviu trescentos anos de séculos escuros, arrastrando esa enorme condena do seu atraso”. Dubert insistiu en que era necesario desmontar criticamente esa visión do noso pasado “que fosiliza o presente e condiciona o noso futuro. O pasado como unha losa que constrinxe o noso futuro”. Dubert sinalou que esa imaxe que temos de nós mesmos foi construída ao longo da historia por uns sectores moi determinados e de forma moi consciente.
“O libro pretende dar conta dos mitos existentes arredor do celtismo e que se agocha detrás diso. Outro tanto cos temas dos Séculos Escuros e desoutro incomprensible do atraso, cando somos un país rico que conta cun gran capital humano.” “Interesounos coñecer como se xestaron estes construtos e procuramos ler criticamente todos estes mitos.” Rematou Isidro resumindo que todos os autores e autoras do libro, dende posicións diversas, asumiron como obxectivos comúns utilizar a perspectiva histórica e asumir a perspectiva inglesa da divulgación histórica”.
Javier Fernández sinalou que tres eran os grandes valores do libro. Primeiro: “Esta é unha obra que enaltece o oficio de historiador. neste libro non se repiten mitos, analízanse historicamente”. Segundo: “Este é un libro que fai país, que permite saber quen somos, que é Galicia”. “Así cando se nos pregunta aos historiadores se somos celtas ou romanos, non podemos contestar outra cousa que somos simplemente galegos. O mesmo sucede cando se nos pregunta se somos atrasados ou modernos, somos modernos á galega”. “Neste libro, por exemplo, Manuel Gago propón substituír o mito celtista polo atlantismo, como novo mito e nova identidade cara o futuro. Un exemplo de que a identidade necesita ser repensada, ao que moito axuda este libro.” E terceiro: “Este é un libro historiograficamente moi importante. Un libro feito por profesores universitarios e investigadores que ofrecen a crítica, a revisión e a posibilidade de repensar a historia que antes se fixara. É unha mensaxe desmitificadora e seria, unha obra importantísma”.
Rematou a quenda de intervencións coa de Manuel Gago para quen “o libro sitúa á historia no debate cultural, leva a historia de Galicia máis alá das aulas e do debate académico, xa que desacraliza os mitos”. “O feito de que na exposición Galicia 100, na que escollemos cen obxectos para contar a historia de Galicia a peza máis fotografada sexa a bata de GOA de Amancio Ortega, que se conseguiu nunha mercería de Porto do Son, quizais amose que en Galicia se valoran os modelos de éxito”.
Poema de hoxe 147: “Aldraxe contra a xistra” de Manuel María/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
O noso país sigue a durmir
debaixo dun mantelo
de escurísima brétema.
Manuel María, Aldraxe contra a xistra (Edicións Roi Xordo, 1973)
Acompañei a Anxo Angueira no diálogo que mantivemos onte en Vigo co poeta venezolano Rafael Cadenas. Tras a recollida do Premio Internacional de poesía Federico García Lorca, outorgado polo concello de Granada, o autor do mítico poema “Derrota” (1963), unha das grandes voces da poesía española das seis últimas décadas, dialoga cos poetas galegos nunha xira organizada por A Fundación.
Comezamos a conversa falando da vixencia de “Derrota”, un poema que Cadenas definiu como “moi confesional e circunstancial, xa que tiña que ver tanto cunha situación persoal moi difícil, unha depresión, e cunha situación política moi concreta, a da derrota do movemento guerrilleiro, co que hoxe estou en absoluto desacordo”. “Non coindido co poema hoxe nin o poema coincide comigo”. A seguir Angueira e Cadenas falaron da importancia das palabras e do idioma como materia prima do poema. “As palabras recobran o seu valor no poema”, sinalou o galego, ao que engadiu Cadenas que “as palabras precisan tamén do necesario silencio para sosterse”. Angueira salientou que na obra de Rafael Cadenas percibía “unha rectitude nova, unha limpeza no uso das palabras”.
Cadenas e Angueira coincidiron no litixio existente entre a realidade e a realidade poética, un conflito que para o poeta venezolano ten que dirimir o lector, “é imprescindible contar coa súa participación e coa súa experiencia, o lector completa o poema, o lector ten que ser dalgún xeito tamén poeta”. Angueira lembrou o poema de Luis Pimentel, “a poesía é o gran milagre do mundo” para salientar o papel da función poética, o que completou Cadenas sinalando que “somos indispensables para que haxa mundo, sen sentidos, sen percepción non hai mundo posible”. Tirando dese fío Anxo Angueira citou (e recitou con emoción) a cantiga de Mendinho, capaz de crear unha literatura, a galega, o que supuxo unha descuberta para o noso convidado.
Rematou a conversa, na que Cadenas mesturou a lectura de poemas dos seus dous últimos libros, Sobre abierto (2012) e En torno a Basho y otros asuntos (2016), publicados ambos os dous por Pre-textos, falando sobre as relacións entre a poesía e a filosofía e sobre os aforismos ou “dichos” presentes en toda a obra do poeta venezolano. Cadenas confesou que “concibía moitos dos seus poemas e dos seus aforismos como recados para o poder”, “non me gusta utilizar a palabra ‘mensaxe’ en poesía, prefiro ‘recado’, xa que a elección da palabra precisa ten que ser un empeño do poeta”. Referiuse Cadenas, por último, a relación entre pensadores e poetas, como Goethe con Spinoza ou Dante con Tomás de Aquino, “detrás de cada poeta hai un pensador”. O ciclo de Cadenas en Galicia seguirá hoxe na Coruña, en diálogo co xornalista e escritor Luís Pousa e a poeta e editora Dores Tembrás,
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).