Poema de hoxe 194: «As ondas son un soño curvo» de Miguel González Garcés
As ondas son un soño curvo.
Miguel González Garcés (1916-1989)
Poema de hoxe 194: «As ondas son un soño curvo» de Miguel González Garcés/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
As ondas son un soño curvo.
Miguel González Garcés (1916-1989)
El Librero de Roald Dahl, ilustrada por Federico Delicado, é unha desas alfaias que nos agasalla o ano centenario do xenial autor de Cardiff. Aparecido en Play-boy en 1987, o relato é un retrato desapiadado dunha parella, o libreiro William Buggage, e a súa axudante, a señorita Tottle, que non respecta límites ningúns na súa acumulación (fraudulenta) de cartos e máis cartos. Que ninguén se leve a enganos, esta non é unha gabanza do noble oficio de libreiro de vello nin da bibliofilia como paixón pola descuberta e polo coñecemento nos libros. Esta é unha narración sobre a cobiza e a deslealdade afiada pola navalla do sarcasmo de Dahl, que o noso admirado Xesús Fraga traduciu coa precisión do cirurxián e a sensibilidade do pintor expresionista na escolla da paleta léxica. Un relato, pois, sobre a debacle moral, que non perdeu actualidade ningunha, que axiña relacionamos coas Presas fáciles de Miguelanxo Prado. Xaora, particular interese teño en salientar a coidada edición de Nórdica que na colección Ilustrados nunca defrauda.
Poema de hoxe 193: “Bolero” de Helena de Carlos/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía, Xerais/por bretemas
Por moi fermosa que sinta a vida
miña,
nada é se ninguén a conta.
Helena de Carlos, 1999 (Xerais, 2001)
Moito gozamos no serán de onte do concerto de Tatán no Meixón Frío de Redondela, o espazo entrerrúas da infancia do artista de Tanxarina, de Montse e doutras persoas por min tan queridas. Arroupado polas cordas de Pablo Vidal Mendoza, o piano de Alberto Vila, a percursión de Noli Torres e os coros de Branca Francés, Tatán destilou auténtico swing galego durante case dúas horas, seguindo o fío de Chapeu, o seu primeiro disco. As interpretacións de espírito jazzístico e intimista de fados como “Branca”, habaneiras como “Amores por terra” (que dedicou aos mariñeiros de Cesantes), baladas como “Veludo e algodón” ou a fantástica “Canción do contrabaixo”, mesturáronse con temas de fasquía popular retranqueira como “A Nona” ou “O político”, que o público redondelán asume como propios. Xaora, gustei tamén da iniciativa promovida por O café da vila e A tenda de Candelaria de organizar este tipo de concertos ao longo do verán, ocupando o espazo público urbano para a cultura e as artes, un camiño iniciado en Compostela moi eficaz para a visibilización da música galega. Magnífico serán con Tatán e a súa xente.
Poema de hoxe 192: «O son esquecido» de Eduardo Moreiras/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Toda Galicia déitase soñando.
Xa nada val ninguén.
Roula, terra miña, cabo do mundo,
tola de luz diviña
polo ceo.
Eduardo Moreiras, (Galaxia, 1974)
Gustei da reportaxe de El Pais na que asocia a actividade lectora coa lentitude. Esa marabilla de deixarse abrazar por unha novela ou un ensaio durante varias horas seguidas, cando se activan os procedementos cognitivos máis complexos e a memoria funciona como un termostato incapaz de discriminar o vivido e o lido. A lectura lenta como tempo para a lectura reflexiva e meditada fronte á inmediatez e a velocidade da lectura zapeada e fráxil das cronoloxías das redes sociais, sometidas á brevidade e a descontinuidade dos hipertexos. Manter o hábito da lectura lenta axuda a conformar un estilo de vida saudable, capaz de combater o estrés e o desacougo do imperio do inmediato. Máis aínda cando sabemos que a profundidade, lentitude e dificultade continúan sendo, como sinalaba Alberto Manguel, as tres dimensións que dan acceso ao pracer da actividade lectora literaria.
Poema de hoxe 191: “Da orixe II” de Xabier Paz/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Porque o mundo naceu inacabado
vimos indo.
Xabier Paz, Materia de Lucrecio (Xerais, 2006)
Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a lembrar a traxedia de Angrois no seu terceiro aniversario e a reclamación das vítimas e familiares.
Desde aquel serán do 24 de xullo de 2013 no que o Alvia 04155 entrou na curva da Grandeira de Angrois a 179 km/h, as familias das 81 persoas falecidas e as 143 feridas (algunhas aínda en proceso de difícil recuperación) agardan coñecer as circunstancias e as causas que expliquen esta traxedia, a máis grave da historia ferroviaria de Galicia e a primeira que se produciu nunha liña cualificada como de “alta velocidade”. Dende entón, tras os confusos e contraditorios ires e vires da causa xudicial, incluída a mudanza do xuíz instrutor e a imputación e desimputación de responsables de ADIF, as vítimas agardan con esperanza que a reapertura da instrución ordenada o pasado mes de maio pola Audiencia Provincial da Coruña achegue, por fin, os elementos de verdade, xustiza e reparación que elas merecen e que nunca recibiron.
Ao longo destes tres anos as vítimas non foron escoitadas polas autoridades do Ministerio de Fomento dirixido por Ana Pastor nin tampouco polos responsables de ADIF e Renfe. Un doloroso silencio que as obrigou a recorrer ao amparo da Axencia Ferroviaria Europea, que a comezos deste mes de xullo entregou a Ana Miranda, voceira do BNG no Parlamento Europeo e intermediaria na reclamación, un informe no que determina que a Comisión Española de Investigación de Accidentes Ferroviarios (nomeada polo Ministerio de Fomento con técnicos de Adif, Renfe e Ineco) encargada de investigar o accidente de Angrois non foi independente do poder político. Un ditame que salienta que este informe técnico máis alá de centrarse no “erro humano” recoñecido do maquinista non pescudou como debera nas “causas raíz do accidente”. Un informe demoledor para as autoridades ferroviarias españolas que obriga a retomar a investigación sobre o sucedido en Angrois, a formular e responder todas as preguntas e que mesmo abre a posibilidade de colaboración das vítimas neste proceso de indagación da verdade.
Xaora, esoutras circunstancias relativas ás condicións da vía e de seguridade destes Alvias do traxecto Galicia-Madrid, tras o sinistro, foron aparecendo nos medios galegos. Para o abraio colectivo fomos coñecendo diversas eivas de seguridade da primeira liña de alta velocidade en Galicia, Ourense-Santiago, inaugurada o 10 de decembro de 2011, sendo ministro de Fomento en funcións José Blanco. Soubemos que o proxecto inicial da curva Grandeira, a tres quilómetros da estación de Compostela e cun radio que obriga a reducir a velocidade dos trens a 80 km/h, fora modificado en 2010 aducindo razóns orzamentarias. Como coñecimos que o sistema ERTMS de control de velocidade e frenado automático non funcionaba nestes trens Alvia S-730, a pesar de que este mecanismo de seguridade permite coñecer en calquera momento o percorrido do tren e, se fose, necesario emendar erros humanos.
Sen entrar a dirimir cal pode ser o alcance destas cuestións técnicas e xudiciais tan complexas, as asociacións de vítimas reclaman responsabilidades políticas nun proceso onde o peso das decisións adoptadas polos diversos responsables do Ministerio de Fomento é evidente. A negativa do Partido Popular e do PSOE a crear unha comisión de investigación sobre o sucedido en Angrois tanto no Congreso dos deputados como no Parlamento Galego non axuda tampouco a crear un clima onde a independencia na análise dos feitos sexa a que reconduza o proceso.
A este teor tanto a xa citada resolución da Axencia Ferroviaria Europea (cuxa divulgación as autoridades españolas solicitaron se adiase até despois de celebradas as Xerais do pasado mes de xuño) como o recente auto da Audiencia Provincial da Coruña cuestionan a independencia do informe técnico oficial encargado polo ministerio de Ana Pastor, o que abre un espazo para a sospeita sobre a veracidade das súas conclusións e para o desacougo cidadán sobre a seguridade ferroviaria.
O sucedido en Angrois aquel serán grande de Galicia, como as penalidades e desacougo que dende entón sofren as vítimas e as súas familias, demostran que, como establece a normativa europea, un sinistro ferroviario tan grave é imprescindible que sexa investigado por unha comisión técnica independente. Un equipo de especialistas que non estea suxeito nin dependa do goberno de turno nin da entidade que regula os camiños de ferro (ADIF) nin do transportista (Renfe) nin da empresa que avalíe a seguridade do trazado (Ineco) nin dos fabricantes do tren nin das aseguradoras nin dos sindicatos ferroviarios. Xustamente o que non se fixo até agora no caso Angrois. Estes técnicos son os que despois de recabados os datos poderán responder as preguntas que hoxe non teñen resposta e os que determinarán o alcance das responsabilidades. Só ese camiño cara a verdade abre a porta do da xustiza e do da reparación que reclaman as vítimas de Angrois.
Poema de hoxe 190: “Poemas birollos para ler cos ollos” de Fran Alonso/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía, Xerais/por bretemas
A lúa lambe
o lenzo liso
do ceo
cada
noite
Fran Alonso, Poemas birollos para ler cos ollos (Xerais 2016)
Excelente serán literario no Festigal de onte, no que acompañamos a Manuel Rivas e Manuel Iglesias Turnes, que asinaron exemplares e a Ledicia Costas que presentou na Galería das Letras Jules Verne e o secreto das mulleres planta, a novela coa que gañou o Premio Lazarillo de literatura xuvenil 2015.
Comezou a súa intervención Ledicia Costas encadrando esta súa obra no catálogo de novelas viguesas recentes como Cabalos e lobos de Fran P. Lorenzo ou Os fillos do mar de Pedro Feijoo, “que están conformando unha auténtica nova cartografía novelística da cidade de Vigo”. Explicou, despois, como xurdiu a novela, “que tivo moito que ver coa relación que a miña nai mantén coas plantas e cos meus recordos de infancia co mundo vexetal”. “MIña nai ten unha habilidade especial para coidar as súas plantas e a súa horta, algo que herdou do meu avó”. “Eu tiña moitas ganas de escribir unha novela portagonizada por mulleres con corpo de muller e alma de planta”. “Ademais, tiña interese en ficcionar a vida dun escritor. Escollín a Jules Verne xa que me pareceu incrible que visitase Vigo en dúas ocasións e que en 20.000 leguas baixo os mares se localizase na ría de Vigo antes de visitala”. “Un autor importante na miña infancia desque lin Miguel Strogoff, novela á que seguiron moitas outras”.
Ledicia Costas salientou a importancia que quixo tivese na novela a relación entre aciencia e a tecnoloxía, que concretou na amizade entre Jules Verne e Antonio Sanjurjo Badía, o empresario vigues propietario de La Industriosa. “Verne era un visionario, atento a todos os avances tecnolóxicos”. “Quixen que os datos históricos tivesen un peso relevante, de xeito que mesturados cos trama de ficción ofrecesen un texto sólido, demostrando que dende o local pode achegarse ao universal”. “Henning Mankel, que ambientou as súas novelas en Skania, unha rexión sueca que conta un millón douscentos mil habitantes, conseguiu que fose un espazo literario universal. Por que non imos conseguilo en Galicia”.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).