Poema de hoxe 26: «A dama que fala» do Colectivo Rompente
A dama que fala é muda polos cóbados
e ten dous olliños xordos cando anda a facer que é manca
Rompente, A dama que fala (Xerais, 1983)
Poema de hoxe 26: «A dama que fala» do Colectivo Rompente/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía, Xerais/por bretemas
A dama que fala é muda polos cóbados
e ten dous olliños xordos cando anda a facer que é manca
Rompente, A dama que fala (Xerais, 1983)
Anunciamos onte a publicación da tradución ao francés d’ O clube da calceta de Maria Reimóndez por parte de Solanhets Editeurs. Despois da decena de edicións en galego en menos de dez anos, das adaptacións ao teatro e ao cinema, das edicións en castelán e italiano, esta tradución de Vincent Ozanam, profesor da Universidade de Toulouse, abre outra xaneliña para a literatura galega na exixente edición literaria francesa. Coa excepción da obra narrativa de Manuel Rivas, que publica con regularidade Gallimard, dende que en 2000 fixera Le crayon du charpentier, pasando por algunhas de Suso de Toro como Land Rover (2001), Ambulance (2003) ou Le trezième coup de minuit (2006), até Contornos (2011) de Xavier Queipo, a tradución da nosa literatura en francés quedará reducida a obras clásicas de Blanco Amor, Castelao e Cunqueiro, realizada en eidos académicos. Con este Le Club du tricot recupérase a posibilidade de traducións comerciais da nosa narrativa recente. Unha magnífica noticia.
Coñecimos a librería La Central de Callao, instalada nun vello edificio de tres andares na rúa Postigo. Comprobei de primeira man que o éxito desta rede de librarías culturais radica tanto nas novidades que recomenda como na escolma e organización dos seus diferentes fondos especializados en humanidades, con especial atención aos de narrativa, poesía e ensaio.
Nesta selección está o seu ADN, que a singulariza fronte outras cadeas e fideliza a súa clientela, que se move con seguridade entre os seus diferentes cuartos e andeis. É un acerto a organización do fondo de narrativa por linguas, ofrecendo tanto títulos traducidos como algúns en idioma orixinal. Organización que permite atopar en pleno centro de Madrid algúns títulos en catalán e uns poquiños en galego (Herba moura, Merlín e familia, Cousas…), o que merece ser destacado. Como o feito de que na amplísima oferta de revistas culturais se atope a revista Luzes. La Central amosa que, ademais de contar cunha cafetaría moi popular, o esencial nunha libraría é a calidade da súa escolla bibliográfica.
Poema de hoxe 25: «Nelson Mandela» de María Xosé Queizán/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía, Xerais/por bretemas
Por que os tempos nunca son chegados
mellores tempos sempre chegarán
María Xosé Queizán, Cólera (Xerais, 2007)
Se aos abrazos extendidos dos que escribiamos hai uns días, engadimos os beneficios da lectura, apuntados nun artigo de Emma Rodríguez en ELPS, a vida pode ser moito máis levadeira e feliz. Isto polo menos é o que cren as responsables dunha investigación da Universidade de Roma III para as que as persoas lectoras «están máis satisfeitas cas non lectoras«, sendo «en xeral menos agresivas e máis optimistas». A lectura de ficción, como en xeral a lectura en profundidade, aquela que require atención e actitude reflexiva, ten un carácter terapéutico, xa que reduce o estrés e contribúe ao desenvolvemento psicosocial e da capacidade de empatía, na medida que axuda a entender máis os sinais, actitudes e comportamentos das outras persoas. Como sinala Alan Brew, que foi editor do Financial Times, «ler aos grandes escritores faiche unha persoa mellor preparada para tomar decisións creativas, interesantes e educadas». Nunca está de máis atender estas gabanzas da lectura, un deses «vicios virtuosos« que axudaan a entender mellor a vida e vivila máis plenamente.
Poema de hoxe 24: «Madrigal a cibda de Santiago» de Federico García Lorca/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaído
soma e cinza do teu mar.
Federico García Lorca, Seis poemas galegos (Editorial Nós, 1935)
Poema de hoxe 23: «Ai, flores, ai, flores do verde pino» de Don Dinís/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Ai, flores, ai, flores do verde ramo,
se sabedes novas do meu amado?
Ai, Deus! e u e?
Don Dinís (1261-1325), «Ai, flores, ai, flores do verde pino»
Na magnífica presentación d’ A noite enriba en Ourense, Diego Ameixeiras cualificou A Esmorga como primeira novela negra en galego, nunha liña moi semellante á das obras que David Goodis, o autor a quen el homenaxea nesta súa décima novela, fixera en Disparen contra o pianista, Pasaxe escura ou Venres negro. Novelas con tramas non moi complicadas, historias sobre o fracaso, a derrota, a marxinación, a fraxilidade, todas moi tristes, que xeralmente rematan mal, caracterizan a narrativa do autor de Filaldefía, que se afastaba das convencións doutros clásicos do xénero negro do seu tempo como Chandler, Hammet ou Thomson. Como tamén moi interesante foi na presentación a reflexión de Ameixeiras sobre a condición do escritor, «unha persoa que asume que a súa forma ideal de relacionarse co mundo é escribindo en soidade» «A escritura necesita a soidade, diso vai, tamén, A noite enriba; aínda que moito me divertín cando a escribín, ambientándoa nun lugar onde nunca estivera.»
No artigo de Faro de Vigo desta semana valoro o acordo previo acadado para aconstitución da Área Metropolitana de Vigo.
O recente acordo entre a Xunta Galicia e catorce alcaldías da rexión urbana de Vigo sobre a constitución, competencias e xestión da Área Metropolitana de Vigo pode cualificarse como histórico. Culmínase así unha iniciativa rexeneradora, agromada hai dezaseis anos, tras a aprobación da “Declaración de Soutomaior”, na que as alcaldías dos concellos a Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo –Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Nigrán, Mos, Porriño, Pazos de Borbén, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior e Vigo– aprobaron por unanimidade un documento no que declararon a súa firme vontade de crear a Área Metropolitana de Vigo.
Un pacto metropolitano pioneiro, que demostrou a posibilidade de acadar en Galicia grandes acordos estratéxicos, asinado no castelo de Soutomaior o 22 de decembro de 1999 por membros do PP, PSOE e BNG, cando era alcalde de Vigo Lois Pérez Castrillo, sendo apoiado por Manuel Fraga, daquela presidente da Xunta de Galicia. Dende entón, foron de máis os pasos adiante e atrás que se deron nun proceso aínda en marcha de creación dunha entidade supramunicipal que intentase achegar a política á realidade social, recoñecendo no ámbito representativo e institucional ese “Gran Vigo” ou “Vigo metropolitano” como o primeiro motor urbano de Galicia e centro para a vertebración da eurorrexión atlántica Galicia e Norte de Portugal.
Dende aquel pacto de Soutomaior moito choveu na ría. Como moitos foron os desacordos e trasacordos sobre a constitución e características do ente metropolitano vigués entre os diversos Gobernos Galegos e os do concello de Vigo, ao que non foron alleas as circunstancias de que ambos os dous explorarsen toda a gamma de cores políticas. Diferencias transformadas en aberto conflito dende 2012, tras a aprobación dunha desafortunada Lei de Área Metropolitana de Vigo, apoiada só cos votos do Partido Popular, que abrangue a catorce concellos (a ducia da Mancomunidade, máis Cangas e Moaña), minorando de xeito inadmisible nos órganos de xestión previstos nela, mesmo até o ridículo, o peso do concello de Vigo, cidade que lle dá vida e razón. Unha lei que naceu morta, refén da estratexia electoral curtopracista do Partido Popular que pretendía con ela meter en cintura á alcaldía de Vigo.
Despois das eleccións municipais da pasada primavera, nas que os conservadores retrocederon en boa parte dos concellos da rexión urbana viguesa, impúxose unha nova dinámica municipalista, liderada por Abel Caballero, á que se incorporaron até 15 alcaldías representativas dunha amplísima maioría da poboación. Unha dinámica integradora cuxa intención non foi outra que forxar un amplo consenso metropolitano entre todos os concellos (sen excepción) que conforman a rexión urbana de Vigo, acordo capaz de desbloquear un deses problemas que semellaban sen solución.
Xaora, o principio de entendemento acadado entre o vicepresidente Rueda e as 14 alcaldías é unha oportunidade de ouro para acadar un acordo definitivo óptimo sobre os límites, as estruturas de goberno, as competencias, o financiamento e o calendario da posta en marcha da Área Metropolitana de Vigo. Un acordo que debería facilitar a constitución decontado (antes do remate da lexislatura) dunha entidade supralocal ampla, que abranguse os concellos pertencentes as comarcas da ría viguesa, Val Miñor e Morrazo, máis do que non deberan quedar fóra os do Val da Louriña, os do Baixo Miño, os do Condado e mesmo os catro da Paradanta. Unha nova entidade metropolitana na que os 28 concellos da rexión urbana de Vigo, 600.000 persoas (o 22 % da poboación galega, o 63 % da provincia de Pontevedra), constituirían o primeiro motor demográfico e económico de Galicia, ao tempo que unha entidade política transformadora capaz de ofrecer servizos metropolitanos básicos (transporte, abastecemento de auga, tratamento de residuos, políticas de emprego, entre outros) nas mellores condicións para toda a cidadanía e con menor custe para as administracións locais.
Unha Área Metropolitana liderada e impulsada de forma decidida e xenerosa polo concello de Vigo, que achega a metade da poboación e funciona como cidade central, onde están instaladas as dotacións sanitarias (hospitais), educativas (universidade), comerciais, institucionais e algunhas das actividades industriais de referencia. Un liderado do concello de Vigo, que debería proxectarse no modelo de planificación urbanística e estratéxica do conxunto da nova Área, o que redundaría na recuperación do papel central do “Vigo metropolitano” no eixo urbano atlántico ibérico. Se así se fai, como todo semella aventurar, non teño dúbida de que a constitución desta Área Metropolitana ampliada e liderada polo concello de Vigo suporá un fito decisivo na historia do Gran Vigo e do seu futuro.
Poema de hoxe 22: «s/t» de Emma Pedreira/en Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).