Onte 662: «Inmaterias» de Suso de Toro

Outro serán excelente na Feira do Libro de Vigo. Unha marabilla! Moito público nas asinaturas de Agustín Fernández Paz e Xabier Paz e nas presentacións de Cartas de inverno, a novela gráfica de Antonio Seijas, e Inmateriais, o novo libro de Suso de Toro.

Moi interesante foi a intervención de Suso de Toro na presentación de Inmateriais. Comezou cualificando o libro como «un acto político». «Inmateriais leva dentro un argumento político, presento o meu país como me sae de dentro. Non pretende ser un libro de investigación. Son trinta narracións, trinta vidas». Explicou despois a xénese máis profunda do libro. «Tras trinta anos como autor dinme conta que un se fai dono da súa vida cando se fai relato. A vida vivida con profundidade pode ser relato. Só cando tes a vagar e o acougo, a posibilidade de verte dende fóra e, ademais, o podes contar, que é o traballo do escritor, pode comprenderse verdaeiramente o destino da vida. A vida é un conto. A literatura é unha forma de estar na vida».

Referiuse despois a súa condición como autor. «Quen son eu? Un rapaz ao que os seus avos maternos dicían “o ghalleghista”. Tiven e teño unha querenza por enlazar coa vida dos meus avós campesiños, mais tamén coa música dos Tamara, dos Beatles ou dos Rolling Stones. Quixen enlazar cos meus avós e co meu tempo. Coñecín o mundo do silencio, tamén despois o da radio e o da televisión. Foi unha viaxe rápida dende o mundo oral ao actual dixital dos medios de comunicación. Mais tamén fun un neno fantasioso e soñador. Fun un adolescente militante, a miña primeira cita clandestina foi no 72, son fillo do 72, daqueles conflitos de Ferrol, onde mataron a dous obreiros, de Santiago, onde morreu un estudante, das folgas de Vigo daquel ano. Foi toda esa memoria a que me fundou. Deixei a vocación artística de lado. Dende entón partellei a vocación literaria coa da acción social, sempre dende o compromiso co meu pais. Teño sido sindicalista agario e obrero. Teño traballados en moitos oficios. Teño servido moitos viños e cafés. Iso formoume. Con todo iso escribín este libro no que busquei o sentido de cada unha destas vidas. Ningunha delas é unha biografía exhaustiva, a pesar de que me documentei até que comprendín a razón de cada unha delas. Fixen o esforzo de comprendelas a cada unha delas. Intentei identificar o dilema de cada unha destas figuras, que participaron na construción do país».

Rematou o seu discurso Suso de Toro facendo referencias a algúns dos retratos do libro, dende a polémica entre Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán, a inclusión de figuras como Torrente Ballester ou Maruja Mallo, a súa devoción por Xelmírez («o verdadeiro fundador político do reino de Galicia»), ou a súa admiración por Antolín Faraldo («o fundador da Galicia moderna, o artífice da revolusión de 1846»).

Onte 661: «Faneca Brava» en Vigo

Excelente o serán na Feira do Libro de Vigo no que Manuel Portas presentou Faneca Brava, Manuel Rivas fixo unha lectura d’ As voces baixas e Elena Gallego asinou exemplares da súa triloxía Dragal.  As presentacións dos libros dos manueles constituíron senllos alicientes para moitas persoas para as que a carpiña da Alameda quedou moi pequena.

Foi Ramón Nicolás quen presentou Faneca Brava que comezou cualificando como «unha ficción escrita con maiúsculas». Salientou despois aspectos que consideraba comúns con respecto ás novelas anteriores de Portas, como a importancia da arquitectura e das relacións de amizade ou consaguinidade que establecen os personaxes. «Portas non opta por unha ficción historicista. Até agora todas as súas ficcións foron moi contemporáneas, protagonizadas por personaxes de carne e óso. En todas introduciu unha dosificación da intriga e de certo nivel de suspense como elementos que axudan a soster o interese do lectorado». A continuación, sinalou Ramón Nicolás os elementos que entendía principais en Faneca Brava. Primeiro: «a construción dunha saga familiar con arrecendo e precedentes en autores como Otero Pedrayo e Carballo Calero». Segundo: «o respecto ao tratamento á figura da muller e a presenza de moitos personaxes femininos». Terceiro: «a figura da voz narradora, que o autor domina moi ben, como un recurso que vai dando frescura, veracidade e movemento , para chegar a un final explosivo, un clímax, unha catarse, que permite a reconstrución da memoria familiar e colectiva». Rematou o seu discurso Nicolás cualificando Faneca Brava como »un libro chamado a perdurar». «Manuel Portas é un escritor que escribe con claridade, talento e con vontade de que lean».

Pola súa banda, Manuel Portas comezou a súa intervención sinalando que consideraba Faneca Brava como unha novela diferente ás dúas anteriores. «En Faneca Brava hai unha espiña central constituída pola historia dunha muller que lle tocou vivir unha etapa moi dura, a infancia na metade do franquismo, na que sufriu os problemas daquel tempo e o feito de ser muller. Concha Pereira padece pola súa beleza, polo seu espírito rebelde, que a leva a non calar, a reaxir fronte a sociedade que lle tocou vivir». Referiuse despois a Arousa, Compostela e Barcelona como os tres puntos do seu topos vital, presentes tamén nesta novela, e ao seu «atrevemento» a escribir aos cincuenta anos. «A esta idade non abonda co chispazo dunha boa historia. É tamén o momento de construír unha arquitectura. De novo quixen ser arquitecto. Na primeira novela, Denso recendo a salgado, xoguei coa estrutura do tempo. Na segunda, Un dendo manchado de tinta, xoguei como Pirandello cos personaxes. Nesta terceira quixen facelo coa narración, coa gradación da información, cos puntos de vista. Fíxeno para abordar a biografía dunha muller muller considerada como a ovella negra do seu entorno familiar. A polifonía resultaba necesaria para transmitir a idea de que a realidade non é única, fun engorsando a historia para facela verosímil, así como introducindo unha tensión para manter o interese da narración». Rematou Portas desculpando que na obra non se fixese máis referencia «á importancia da música, especialmente a de Fausto».

Onte 660: «Raro»

Marcos Calveiro amosa no seu libro máis recente, Raro, que xa non existen temas inabordables para a literatura infantil. Publicado na serie vermella da colección Ala Delta, a que Edelvives recomenda a partir dos cinco anos, Raro aborda un dos medos infantís máis complexos, o da agorafobia, o medo aos espazos abertos ou públicos. Tomás é un rapaz que vivía agochado na súa casa pendente da man do medo até que na súa vida irrompiu Ana, unha veciña do seu tempo. Amigando con ela desenvolverá outra ollada sobre o seu mundo e sobre si mesmo. Eis o eixo dunha historia de aparente sinxeleza e grande fondura humana.

Calveiro reivindica en Raro outra ollada sobre a diversidade, sobre a diferenza, sobre  as consideradas como «persoas raras», que son persoas todas iguais, mais todas diferentes. Este é un libro que vindica aos raros, superando os prexuízos (eses anteollos tan difíciles de tirar) e as falsas crenzas sobre estas persoas decote estigmatizadas sexa polas súas doenzas, diferenzas ou pola mera aparencia física. Parabéns a Marcos Calveiro por ofrecernos este libro tan necesario que nos lembre a propostas dos mellores traballos sobre a diversidade de David Mckee. Mención á parte merece o excelente traballo de ilustración de Ana Pez, sobre todo no deseño dos espazos urbanos, dos que ofrece unha ollada rara e moi orixinal. Un libro moi recomendable.

Onte 659: Defender a libraría

 

Na fin de semana en London, entre outras cousas, chamoume a atención a campaña de Waterstones en defensa do papel da libraría e da profesionalidade dos seus libreiros. Nun país no que practicamente desapareceron xa os kioscos de prensa de papel (os xornais e suplementos de calidade véndense coma as revistas nas librarías ou nos supermercados) e as súas noutrora grandes cadeas de tendas de música están a piques de botar o cadeado e reorientar dixitalmente a súa actividade, as cadeas de librarías tentan poñer en valor o seu papel de promotores da lectura e defensores do bo criterio literario. Reparei que xunto ás novidades e grandes lanzamentos, presentes tanto nos escaparates coma nos mellores lugares do interior, nas tendas de Waterstones hai un espazo moi preferente (tamén nos escaparates) para »os grandes libros de sempre» (para eles »longsellers»), dende os de Roal Dahl, entre os infantís e xuvenís, aos clásicos modernos de Bradbury, Orwell, Tolkien ou Woolf. Unha iniciativa que aquí poderiamos emular para defender a libraría cultural e para tentar que Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro ou Méndez Ferrín recuperasen nas nosas librarías o espazo que merecen.