Onte 87: Euforia en Culturgal

Foi un día de euforia en Culturgal. Un río de xente encheu o grande corredor durante toda a tarde; un público familiar desbordou as actividades do cuarto dos nenos e do garaxe. Outrosí sucedeu cos varios centos de persoas que seguiron no salón a conversa memorable entre Manuel Jabois e Manuel Rivas, na que ambos os dous grandes xornalistas literarios exploraron os espazos das preguntas entre o visible e o invisible. Se non abondase, despois, un José Luís Cuerda simpatiquísimo adiantou como primicía tres minutos da copia de traballo da película que está preparando sobre Todo é silencio. Nun alarde de sinceridade o director manchego confesoulle a un incisivo Jabois que «unha palabra de poeta vale máis ca mil imaxes». Logo, recuncou Jabois conversando con Domingo Villar, outro dos narradores galegos máis queridos polo público. Dúas horas antes Berrogüetto dera un concerto sorpresa. Á noite, en casa e cunha catarreira do demo, revisei de vagariño twitter e comprobei que a euforia non era só cousa miña. Expositores, participantes nas actividades e visitantes expresaban de forma unánime a súa satisfacción. Culturgal, nesta súa cuarta edición, consolídase. A cultura galega, a pesar da crise, ten forza e futuro, reivindícase. Hoxe máis.

Onte 86: Culturgal 2011

Spot Culturgal 2011 from Culturgal on Vimeo.

Moi prometedora foi a primeira das xornadas do Culturgal 2011. O proxecto consolídase e mellora con respecto a edicións anteriores. A feira é cada vez máis atractiva. Os espazos reorganizáronse tematicamente, concibidos cada un deles como cuartos da casa común da cultura galega, ao tempo que se facilitou a visibilidade de case todos os expositores por medio dun grande corredor. A montaxe dunha grande tenda, na que se ofrece a posibilidade de mercar toda a oferta de novidades do libro e disco en galego, expresa o carácter dedicidamente comercial do evento. O deseño agarimouse para facer os espazos máis acolledores, sendo o programa de actividades aínda máis amplo e diverso, enxergando de forma decidida a procura dun público familiar de fin de semana. Con todo, o máis esperanzador do día foi a presenza dun público máis numeroso ca na primeira das xornadas da pasada edición, o que promete un cheo para este sábado e domingo. A pesar da crise económica e do virus de interesado derrotismo que se pretende inocular na cultura galega, Culturgal 2011 amosa que as industrias culturais en galego bulen, apostan pola innovación e pola mellora dos seus produtos. Paga a pena viaxar a Pontevedra (se o facedes en tren, teredes o 30% de desconto) e pasar a tarde ou o día en Culturgal coa familia. Alí hai moito para ver, gozar e participar. Recoméndoo moi vivamente.

Onte 85: Vigo 80

A pesar do ballón, a presentación do libro de Vitín de las Heras reuníu a máis de duascentas persoas. Non foi un acto de nostalxia, a penas uns intres de saudade lembrando a Toti ou Flechi. Foi un exercicio de memoria, unha ollada a un tempo decisivo no que Vigo pelexou polo seu carácter de cidade industrial. Quizais o máis significativo da velada foron as palabras de Antonio Sangabriel (“os mil setecentos obreiros de Vulcano non tiñamos outra solución que saír a rúa, fixemos cousas polas que agora pido perdón”) e o bo estado oratorio de Manuel Soto, quen fora o alcalde vigués daquela. A movida dos oitenta foi música, claro que si, mais tamén moito máis ca música, como testemuñan os libros de Emilio Alonso e Vitín de las Heras dos que tanto se fala en Vigo estes días.

Onte 84: Tras a FIL 2011

Cando inicio o regreso cara Galicia, o equipo galego de autores (Aneiros, Calveiro e Fernández Paz) comezan o programa de encontros con clubes de lectura e alumnado de centros escolares de secundaria e participan por vez primeira nas actividades literarias da FIL até o vindeiro sábado. A atmosfera tan emotiva desta feira, algo que non viviramos en ningunha outra, provoca unhas desconcertantes saudades nunha partida na que levo a maleta chea de libros sobre libros e lectura, o obxecto da miña angueira estes días polos anaqueis dos estands de Colofón, Fondo de Cultura Económica, Siglo XXI, Almadía ou Nostra, entre outros formidables editores mexicanos.

Como xa fixera coas xornadas de Frankfurt, arrisco a expresar algunhas reflexións ao fío destas de Guadalajara:

  1. O DISCURSO DA LECTURA como construción social do libro e o protagonismo dos lectores e lectoras sobre a propia industria do libro é o modelo que lle acae ao proceso de tránsito entre soportes impresos e dixitais. Nesta FIl os chamamentos a prol da lectura e a reafirmación do protagonismo dos cidadáns que len («Somos lectores» foi o lema escollido polos organizadores) sobardan a súa incorporación como simples reclamos da promoción editorial.
  2. OS PAÍSES EMERXENTES, como Brasil e México, incorporan o discurso do fomento da lectura como eixo das súas políticas educativas e culturais. Moi lonxe da trivialización da cultura reducida a mero espectáculo postmoderno, a lectura preséntase así como unha das ferramentas que contribúen á construción dunha sociedade con maiores niveis de inclusión. A metáfora de Millás, empregada no maxistral discurso de Agustín («estamos feitos de pan de novelas»), expresa esta transversalidade social da lectura. Esta idea, que temos acuñado dende hai tempo como «o libro, o pan da cultura», é pouco frecuentada en Galicia, mesmo entre os chamados «sectores da cultura» que semellan ler pouco e preferir outras expresións das artes máis «a la page».
  3. O ÉXITO DE PÚBLICO da FIL, unha feira internacional do libro que coincide cunha grande festival literario dirixido a todos os públicos, convida a reflexionar sobre as posibilidades de organizar en Galicia un evento literario internacional que contribúa a inocular na sociedade galega o virus da lectura literaria. O éxito do fenómeno dos clubes de lectura por todo o país adiante axuda a profundizar na idea dun grande encontro anual de todos eles.
  4. O PREMIO RECIBIDO POR AGUSTÍN é unha oportunidade de visibilidade iberoamericana que a nosa literatura non debe desaproveitar; como tampouco a inxección de autoestima que supón para a nosa literatura e para o sector da edición galega.