Iniciativa cívica para o 14 de novembro

Onte anunciamos en Santiago un novo xesto das persoas que apoiamos o texto Galego patrimonio da Humanidade. O acto será o 14 de novembro, ás 12:00 horas, no Teatro Principal de Santiago.

Xerais, Herta Müller e o Nobel

Falaba cun xornalista cando souben da concesión do Nobel a Herta Müller, a escritora romanesa de lingua alemá. Pensei que era unha brincadeira e díxenlle tan farruco que non me soaba de nada. A verdade é que axiña me decatei que se trataba da autora d’ O home é un grande faisán no mundo, obra que publicamos en 2001 como un dos primeiros títulos da serie «As literatas» (catorce extraordinarios títulos de narrativa escrita por mulleres) que dirixe a escritora María Xosé Queizán. Nun primeiro momento quedei moi sorprendido, quizais por non tratarse dun deses nomes que sempre saen nas quinielas do Nobel (aínda que si na do blog The Literary Saloon da que se facía eco Que leer), para máis tarde, celebrar a afouteza dunha elección acertadísima, a dunha escritora perseguida pertencente á minoría suaba, a da comunidade alemá de Bánat, rexión do centro de Europa dacabalo de tres estados Romanía, Hungría e Serbia. Axiña comezaron as chamadas dos medios para interesarse pola «rareza» da elección e a «sorpresa» de que contásemos no noso catálogo cunha das súas obras. A verdade é que cando preparabamos a anotación para o blog de Xerais, resultábanos moi divertido facer números sobre o noso elevadísimo nivel de acerto con respecto a este premio (cuxa concesión depende de factores moi diversos e dificilmente controlables), xa que dos últimos seis autores e autoras premiados, catro (Jelinek,Pinter, Le Clézio e agora Müller)  xa formaban parte do noso catálogo con anterioridade ao seu nomeamento. O máis probable será que se trate dunha coincidencia azarosa, aínda que haberá quen a atribúa a nosa «influencia» sobre os académicos suecos. Sexa como for, este premio da Herta Müller énchenos de fachenda e permitirá que mañá todos os xornais falen dunha autora literaria (que tamén está traducida ao galego, o que constitúe un orgullo para a lingua de noso). Beizóns para a nosa autora, para María Xosé Queizán (a súa descubridora en Galicia), para Franck Meyer (o seu tradutor na nosa lingua) e para Marga Romero (a autora do limiar d’ O home o grande faisán do mundo, por certo unha fermosa metáfora que expresa a torpeza machista nun mundo dividido). Ademais, non perdemos a esperanza de que algún ano celebremos o Nobel dun dos autores ou autoras que escriben na nosa lingua; se mantemos esta incrible estatística, ese feito grandioso chegará antes do que soñamos.

O futuro das caixas

No artigo da semana aposto pola fusión de Caixa Galicia e Caixanova como futuro para as caixas de aforros galegas.

Esperanza, Río 2016

[kml_flashembed movie=”http://www.youtube.com/v/SUiSjSqhpFA” width=”425″ height=”350″ wmode=”transparent” /]

A elección do Río de Janeiro como cidade organizadora dos Xogos Olímpicos de 2016 é a vitoria dunha cidade fermosa onde vive tanta e tanta xente feliz con lágrimas. O pobo brasileiro nunca perdeu a esperanza e non desiste, a pesar das enormes dificultades, nese complexo e dificilísimo proceso de construír a nación e unha sociedade en igualdade. Esta elección olímpica, ademais, transcende o feito deportivo, amparando o futuro desta cidade de oportunidades, contradiccións e e importantes dificultades de mobilidade e seguridade, proxectándose sobre o conxunto do Brasil e de todo o continente sudamericano. Esperanza é a palabra que define hoxe esta oportunísima elección.