Suso Jares, ourive sensible

No artigo da semana publico unha lembranza de Suso Jares. Ao longo da semana foron aparecendo diversos textos no seu recordo: os dous artigos de Marcos Valcárcel e a anotación e os comentarios no seu blog; a anotación do noso amigo Manuel Area Moreira (profesor de Tecnoloxía da educación da Universidade da Laguna); a de Klimta, a de Francisco Castro e os seus comentarios, o artigo de María Reimóndez an edición impresa d’ A Nosa Terra e os comentarios que deixaron os profesores Gloria Ramírez, JM. Alonso Muñiz e José Tuvilla Rayo no xerais blog… A todos eles o noso maior agradecemento polas súas palabras.

Actualización (06-10-2008): artigo de Xosé María Palmeiro, anotación de Bouzafría, condolencias da Coordinadora Galega de ONGD.

«Rush», vídeo interactivo da Volvo Ocean Race

Coñezo grazas a Julián Gallo, Rush, este impactante trailer do vídeo de promoción da nova edición da «Volvo Ocean Race». A singularidade é que na pantalla aparece un mosaico de catro imaxes sobre as que o espectador pode tomar decisións sobre os protagonistas da aventura. Verdadeiramente novidoso este relato interactivo. Outra posibilidade da nova ficción dixital.
Enganchamos na páxina o trailer promocional existente en youtube. Para ver o vídeo completo mellor enlazar aquí.

Informe sobre o libro dixital en Francia

Os amigos de Ediciona acaban de traducir o Informe sobre o libro e os contidos dixitais, encargado polo Ministerio de Cultura francés. O documento propón respostas para as preguntas que adoito se realizan os membros da cadea de valor do libro (fundamentalmente autores e editores), ao tempo que examina ao ferta de contidos dixitais, con atención especial, a situación de Francia e Xapón. O texto é moi interesante, clarificador e de lectura recomendable. Pódese baixar dende aquí en pdf. Volveremos sobre os seus contidos. Grazas.

Con Herminio Barreiro en Riveira

Onte presentamos no Ateneo Valle-Inclán de Riveira Recordar doe, o libro de memorias de Herminio Barreiro. Unha moi agarimosa acollida. Grazas.
Actualización (05-10-2008): crónica de Gradicela.

«Galicia 25. Unha cultura para un novo século»

A exposición «Galicia 25. Unha cultura pra un novo século», inaugurada este serán no Centro sociocultural de Caixanova, é toda unha mostra de orgullo polo propio. Presentada en tres espazos e vinte e cinco módulos temáticos, organizada polo Consello da Cultura Galega con motivo do seu vinte e cinco aniversario, deseñada por Imago Mundi e producida por Merlín Comunicación, esta exposición constitúe un escaparate inédito sobre o paso de xigante que deu a cultura galega nestes cinco lustros. Volveremos sobre os contidos desta proposta. Recoméndoa vivamente.

Valentín Arias, merecida homenaxe

Ben merece Valentín Arias a homenaxe, organizada pola Consellaría de Cultura e Deporte, que se lle vai tributar este serán en Vigo con motivo do Día Internacional da Tradución. Valentín Arias, ademais de prolífico tradutor, é unha das figuras senlleiras da historia da edición en galego. Traballador da Fundación Penzol, xerente da editorial Galaxia, nos díficiles anos do Tardofranquismo e do inicio da Reforma Política (1975-1978), tamén colaborou de forma decisiva no nacemento de Edicións Xerais de Galicia e no xermolo das súas primeiras publicacións educativas e de edición literaria; sendo autor do manual de divulgación ¿Como se fai un libro? e doutros manuais de estilo sobre o proceso de edición. Outrosí debemos apuntar no seu papel como mestre e promotor pioneiro da galeguización da nosa escola. É autor de dous dos traballos claves sobre esta cuestión publicados nos anos setenta A lingua galega na escola e A escola rural en Galicia, alén de participar, xunto a Avelino Pousa Antelo, en experiencias pioneiras para a escola rural en Galicia. Como tradutor, labor pola que hoxe é merecidamente homenaxeado, Valentín desenvolveu un labor hercúleo. Fundador da Asociación de Tradutores Galegos (ATG) en 1984, revisor de milleiros de páxinas en galego, recibiu o premio Ramón Cabanillas de Tradución (1989) e o Premio de Tradución Xuvenil do Ministerio de Cultura. Entre as súas moitas traducións atópanse as obras de Jules Verne A volta ao mundo en oitenta días, Viaxe ao centro da terra e Da Terra á Lúa, Voo de noite de Antoine de Saint-Exupéry, O estranxeiro de Albert Camus e A fractura do miocardio de Jacques Fansten. Tamén traballou no equipo que traduciu O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha. Ademais publicou numerosos artigos sobre a tradución e a función do tradutor, en especial en países con linguas minorizadas. A homenaxe que recibe hoxe é un xusto recoñecemento a tan importante traballo dunha vida ao servizo da causa de Galicia e da súa lingua.

Xesús R. Jares, in memoriam

«Dende hai varios anos, Suso libraba con enorme serenidade unha difícilísma partida, na que seguiu ofrecendo aos seus seres máis queridos un modelo de dignidade e serenidade humana, e como tal, morreu cos brazos abertos, aloumiñando e amando a vida, consolándonos con provisións enormes de coraxe, sementando camiños de paz e gromos da tenrura e da esperanza polas que loitou ao longo dos seus cincuenta e tres anos.
Suso foi o primeiro cidadán da república libre da paz, da igualdade e da fraternidade, palabras que nos ensinou a pronunciar co respecto que merecen os grandes ideais da humanidade.
Mestre, catedrático, pedagogo, educador pola paz, investigador universitario, cidadán libre da utopía da Irmandade, é dos que levaba orgulloso na fronte unha estrela e no bico un cantar, as insignias da nosa Galicia do corazón.
Dende os anos mozos da Compostela universitaria, cando tivo a fortuna de atopar a Paz, a súa inseparable alma xemelga, moitos somos os que con Suso compartimos o soño de construír «para todos os nenos galegos unha escola do sol, das pombas e das gaivotas», os ideais pedagóxicos do movemento Freinet do que Suso foi en Galicia un pioneiro na súa primeira escoliña rural de Montederramo, onde hai trinta anos iniciou a súa andaina.
Ideais que alicerzou a súa chegada a Vigo, a comezos dos anos oitenta, como profesor do Colexio Público García Barbón, onde, toliño e atrevido que sempre foi, montou axiña unha horta escolar, onde os rapaces de segunda etapa cultivaban tomates e leitugas e, pouco despois, fundou o colectivo de Educadores pola Paz de Nova Escola Galega, o noso movemento de renovación pedagóxica, auténtica célula de amizade e de soños compartidos.
A creación de Educadores pola Paz, unha das obras das que máis orgulloso se sentía, supuxo, tamén o inicio do movemento de «Educación para a Paz» xa que este grupo de profesionais da educación foi o primeiro que asumiu en España a construción da paz e a resolución pacífica dos conflitos como eixo vertebrador da súa actividade educadora. Non teñades medo de acudir a Internet e escoitar e presenciar a maxistral conferencia de cincuenta minutos que Suso pronunciou hai uns anos nas xornadas de convivencia de Gasteiz sobre esta cuestión. Un testemuño extraordinario, emocionantísimo, que nos deixou en herdanza.
Educadores pola paz, o grupo animado de forma infatigable polo traballo paciente e rigoroso de Suso, constituíuse nunha entidade de base, crítica e independente que serviu de alicerce ao movemento de Educación pola Paz, primeiro en Galicia, logo en todo o estado, máis tarde en Portugal e, xa durante os anos transcorridos deste novo milenio, en Latinoamérica.
Hoxe non podemos deixar de lembrar como nos anos oitenta, o grupo de Educadores pola Paz organizou as primeiras celebracións en centros escolares vigueses do «Día Escolar pola Paz» (30 de xaneiro), formando as primeiras cadeas de nenos e nenas pola paz diante do cárcere vello, as primeiras soltas de globos nos patios das escolas ou os programas cos rapaces de Bacharelato en radio Popular. Hoxe non podo esquecer, como Suso, un organizador nato, promoveu a celebración das exitosas «Xornadas de Educación para a Paz» que, por primeira vez, trouxeron a Vigo a conferenciantes como Fernando Savater e no que se proxectaban películas memorables como «Johnny colleu o seu fusil» (o cinema foi outra das súas grandes afeccións).
Aquel agromar de Educadores pola Paz consolidouse vizoso en Panxón no ano 1986, coa celebración do primeiro «Encontro Galego de Educadores pola Paz», dende entón, unha cita anual, que se consolidou en Camposancos, onde se despregou por primeira vez o paracaídas e se comezaron a desenvolver os xogos cooperativos, nos que é unha autoridade mundial.
Durante a década dos noventa o grupo de Educadores pola Paz consolidou a súa presenza e influenza sobre o mundo educativo (tanto galego, español como portugués), sobre todo, por medio das publicacións de Suso sobre educación, paz e dereitos humanos. Foi esta década a dun enorme entusiasmo para Suso. Sira, Sira outro dos seus orgullos, inundouno de ledicia e optimismo, ademais de consolidar a súa traxectoria na Universidade da Coruña, onde foi acollido con enorme agarimo polos seus compañeiros e compañeiras.
Relevancia singular tivo en 1996, o desenvolvemento do proxecto solidario e multidisciplinar «Construír a paz. Cultura para a paz», artellado arredor dun libro e dunha exposición itinerante, no que participaron un centenar de ensaístas, escritores e pintores. As presentacións multitudinarias deste libro e do proxecto de cooperación en diversos teatros galegos constituíron un fito sen precedentes na nosa historia educativa e da edición en galego. Así como o desenvolvemento do proxecto solidario en Guarapuava, en Paraná, no Brasil, onde Suso viviu unha experiencia moi marcante. Nese período, Suso promoveu a constitución da Asociación Española de Investigación para a Paz (AIPAZ), da que foi presidente, e da Asociación Galego-Portuguesa de Educación para a Paz (AGAPPAZ), que presidiu ata o día de onte.
Xa neste milenio Jares, cunha notable presenza en Latinoamérica (o continente do seu corazón), enfocou a súa reflexión sobre a resolución pacífica dos conflitos nas aulas, promovendo os programas «Aprender a convivir» do concello de Vigo e «Aprender xuntos. Convivir» do concello de Lugo, ao tempo que elaborou unha proposta de tramitación dunha «Lei galega da paz», presentada por Nova Escola Galega e aínda pendente de resolución, coa intención de que o Goberno Galego asumise dende unha óptica global o fomento dos valores da cultura de paz. Foi a reflexión sobre a importancia da materia de «Educación para a cidadanía» o tema que ocupou as derradeiras angueiras académicas de Suso e lle ocasionou bastantes cabreos.
Ademais deste traballo de enxeñaría pola paz e pola educación en valores, Suso Jares desenvolveu unha intensísima actividade académica no eido universitario, recollida nas súas obras ensaísticas, publicadas orixinalmente en galego e traducidas na súa maior parte ao español e portugués. Dese labor editorial e publicístico, que a Suso sei tanto gostaba (vivía o proceso de edición cunha emoción e un primor como poucos autores coñezo), naceu o seu derradeiro proxecto a triloxía «Educación e paz», da que se publicaron dous títulos este ano e da que estamos ultimando o terceiro.
Precisamente, e así o preparou Suso nos seus últimos días, o vindeiro 10 de decembro, coincidindo co Día dos Dereitos Humanos, será presentado no Auditorio do Centro Cultural Caixanova de Vigo este volume «Educación e paz III. Literatura e paz», o derradeiro libro colectivo coordinado por Jares no que participan corenta escritores e escritoras galegos. Ese día, ademais, renderémoslle a grande homenaxe nacional que o seu maxisterio merece.
En días tan difíciles para todos os que tivemos a enorme fortuna de gozar da súa amizade fraterna, aínda sabendo que as palabras non abondan para enunciar o noso pesar, só podo expresar máis que a miña admiración e agradecemento (que sei todos compartimos) por este seu labor de ourivaría sensible destinado a contribuír na loita contra a desesperanza e o conformismo e a procurar dende os espazos educativos unha sociedade plenamente democrática, xusta, solidaria e pacífica. Cantemos, cantemos sen temor na súa honra. Con todos os nosos abrazos para Paz e Sira.»

* Fragmento do texto lido na cerimonia civil do 28-09-2008 en lembranza de Xes
ús R. Jares.

Victoria Diehl

No artigo da semana ofrezo unha crónica da nova exposición de Victoria Diehl, «Frías, fráxiles e durmientes», encadrada en «PhotoGalicia 2008». A magnífica exposición pode verse na sede de Policarpo Sanz da Fundación Caixa Galicia de Vigo.