Todos con Marcos

Neste serán, antes da homenaxe, presentaremos Historia de Ourense, o libro máis recente de Marcos Valcárcel. Recomendo a magnífica reportaxe de Vieiros, as entrevistas de Soitu, La Región internacional e a anotación do propio Marcos no seu blog. Todos con Marcos.

Respecto para a nosa literatura

Na entrevista de Vieiros Rivas expresa hoxe con moita claridade unha preocupación que compartimos nestas brétemas sobre o enfoque actual da proxección da literatura galega. Esta frase é fulcral:

Creo que o máis importante segue sendo tratar con respecto á literatura no propio país. Sería irreal esperar que os franceses, ou os fineses, ou os norteamericanos desen un trato destacado ás nosas obras se estas obras non teñen ese trato no propio país. Esa é a mellor maneira de proxectar a nosa literatura no exterior.

Como ten, tamén, moita razón cando di:

Ti vas a Irlanda, ou a Islandia, e nos aeroporto xa podes atopar a súa literatura; aquí non sucede iso. En Galiza tampouco as obras galegas ocupan un lugar destacado nas bibliotecas, e nos medios de comunicación galegos a nosa literatura segue a ser algo exótico. Iso si, ás veces o coñecemento fóra dunha obra permite o seu redescubrimento no interior.

Se non pulamos con todas as nosas forzas pola saúde do noso mercado interior do libro (na calidade dos seus produtos e no seu atractivo para o público), se non coidamos con agarimo as nosas bibliotecas pública e librarías culturais, se non visibilizamos a nosa produción nos medios de comunicación galegos, de pouco servirá a voluntariosa presenza de editores, autores e políticos da cultura en feiras do libro internacionais. Estou con Rivas, non hai mellor proxección exterior para a literatura galega que as maiores doses de respecto e de autoestima que consigamos para ela no propio país.

Sesenta Aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos

O vindeiro 10 de decembro celebrarase no Auditorio do Centro Cultural Caixanova un acto cívico, con motivo do sesenta aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, no que se presentará o libro Educación e Paz III. Literatura Galega pola Paz, coordinado polo recentemente desaparecido Xesús R. Jares.

O acto, que será conducido por Manuel Romón, contará coa participación de Ánxela Bugallo (conselleira de Cultura e Deporte), Abel Caballero (alcalde de Vigo), Manuel Bragado (director de Xerais) e unha representación dos trinta narradores e poetas galegos que participan no volume de Literatura Galega pola Paz. Durante o acto dez alumnos e alumnas dos IES do Castro e de Teis de Vigo lerán o texto da Declaración e os profesores da Escola de Música Tradicional de Vigo, compoñentes da agrupación Son de seu, interpretarán diversas pezas. Este acto, ademais, constituirá a merecida e emotiva lembranza de Xesús R. Jares, fundador de Educadores pola Paz e promotor da triloxía Educación e Paz, editada por Xerais.

Este acto de conmemoración da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e de presentación de Educación e Paz III. Literatura Galega pola Paz está organizado pola Concellería de Educación do Concello de Vigo, por Educadores pola Paz de Nova Escola Galega e por Xerais, contando coa colaboración da Consellaría de Cultura e Deporte e de Caixanova.

O cartel do acto, así como a portada do libro, foron deseñados por Ángel Cerviño.

Retrasocero.com



Espectacular comezo publicitario do do Xornal de Galicia. Moi ben, moi ben!

Libro en galego: menos títulos en 2007

A edición de Vieiros dá conta hoxe dos datos, referidos ao ano 2007, extraídos do Anuario de Estatísticas Culturais do Ministerio de Cultura. Os datos amosan un crecemento da edición en Galicia (previsiblemente, a maior parte en castelán) e unha diminución da edición en galego, como xa adiantáramos no blog nesta anotación de comezos do pasado mes de outubro.
Os datos (tan teimudos) amosan un retraemento da actividade do sector editorial privado, máis notable, aínda, no eido do libro literario (que enfeblece as súas posicións). Os datos do barómetro de hábitos lectores en Galicia tampouco son mellores. Nin se avanza nunha solución corresponsable sobre o futuro do libro escolar (sobre o que pivota case a metade do noso mercado), unha cuestión que quedou aparentemente esquecida e sobre a que ninguén agora quere pronunciarse. Nin se desenvolven coa premura precisa os compromisos asumidos pola Lei do Libro e polo seu plan de lectura. Nin se concretan as medidas da declaración do libro como «sector estratéxico»…
Como non podemos permitirnos caer nin na desolación nin no conformismo, nin a cultura do país pode asumir o devalo melancólico do seu primeiro sector cultural, os profesionais (autores, editores, bibliotecarios, libreiros e distribuidores) debemos ser capaces de consensuar un novo programa para os futuros do libro e da lectura en galego coa intención de proporcionarlles un pulo renovado nos vindeiros anos. A lectura en galego (por riba de formatos e soportes) debe volver ocupar a centralidade no debate sobre o futuro da nosa industria cultural, primacía que perdeu ao longo desta lexislatura.

25-XI: Non a violencia machista

Recomendo os arquivos de Trafegando ronseis, blog que fai diariamente un traballo admirable de seguimento de todos os recursos existentes na rede contra a violencia machista. Beizóns!

Pedagoxía CAN

CAN (Caja Navarra) utiliza You Tube para explicar as razóns polas que acudiu á poxa de activos públicos. Semella realmente innovadora a súa estratexia de Banca Cívica. Un exemplo de utilización dos medios da web 2.0 na mercadotecnia bancaria.

Unha primavera para Aldara

Onte vimos en Vigo a representación d’ Unha primavera para Aldara, o primeiro texto dramático de Teresa Moure, gañador do Premio Rafael Dieste 2007. A adaptación de Xulio Lago e do elenco de formidables actrices da veterana compañía Teatro do Atlántico prendeunos completamente durante dúas horas. A pesar da dificultade da posta en escea dun texto longo e complexo, alén das características da súa estrutura dramática e da ambientación pechada no espazo dun convento do século XV, a representación séguese con enorme facilidade, grazas á magnifica intepretación das actrices (especialmente de María Bouzas, expléndida no papel de Aldara, a revolucionaria abadesa) e á aposta polo fío narrativo realizada polo adaptador. O menos conseguido é o travestismo da irmandiña Nuna, con evidentes problemas de verosimilitude no teatro actual (aínda que non no isabelino, tradición á que pretende achegarse o magnífico texto de Moure). No entanto, explorando os límites do teatral e arriscando na ruptura das caracterterísticas do xénero (comedia ou traxedia?), esta adaptación de Teatro do Atlántico do alegato de Teresa a prol da liberdade individual das mulleres e do pacifismo na resolución dos conflitos non desmerece a calidade dun dos textos de literatura dramática máis interesantes dos publicados en galego nos últimos anos.