Todos con Ramiro Fonte

Os organizadores da homenaxe a Ramiro Fonte comunican que, finalmente, o acto se celebrará o luns, 28 de xullo, ás 13:30 nas instalacións do Palacio Municipal de Ferrol. A entrada é libre. As persoas e institucións que desexen adherirse á homenaxe poden enviar os seus textos ao correo do Real Coro Toxos e Flores (amboage56@hotmail.com). No acto darase lectura a estes comunicados. A noticia desta importante homenaxe xa apareceu en diversos medios como Galicia hoxe, Vieiros, A Nosa Terra e La Voz de Galicia. Animamos a participar en xornada tan importante. O luns todos en Ferrol con Ramiro Fonte!

Ramiro Fonte será homenaxeado o 28 de xullo en Ferrol

Recibimos con emoción a noticia que hoxe publica Perfecto Conde no seu blog sobre a homenaxe que recibirá Ramiro Fonte en Ferrol. Transcribímola polo seu enorme interese e animamos a participar no acto e enviar adhesións:

O próximo luns, 28 de xullo, ás 13 horas, no pazo do Concello de Ferrol, terá lugar o acto de homenaxe do mundo das letras ao escritor Ramiro Fonte. No seu transcurso, seralle entregado o Premio Porto Magno polo conxunto da súa obra, que lle foi outorgado por un xurado composto por Julia Uceda (Premio Nacional de Poesía), Iolanda Díaz (concelleira de Cultura de Ferrol), Félix Villares Mouteira (chanceler da Curia da Diócese de Mondoñedo-Ferrol e un dos mellores coñecedores da poesía galega do século XX), Miguel García-Posadas (presidente da Asociación de Críticos Literarios de España), Ramón Pernas (director da Fundación Ámbito Cultural de El Corte Inglés), Segundo Leonardo Pérez López (catedrático da Universidade Pontificia de Salamanca e coengo da catedral de Mondoñedo) e Ramón Loureiro (xornalista e escritor). Está prevista a asistencia do ministro de Cultura, César Antonio Molina, e van ser moitos sen dúbida os representantes da cultura e das letras galegas, da política e da vida soial, que se sumen a esta homenaxe que tanto merece o escritor de Pontedeume, que agora está pasando polo tratamento dunha dificil doenza.

Unimos entusiasmados a este merecidísimo recoñecemento para o noso poeta primeiro Unha candea esperanzada para Ramiro

The Power of Books

[Tirado de Librosfera, grazas.]

O fracaso da área metropolitana

No artigo da semana abordo o que entendo son as razóns do fracaso do proxecto da área metropolitana de Vigo. Creo que o cerne reside na incapacidade das forzas parlamentarias de acadar un acordo sobre a organización administrativa e política do territorio, para min, a grande revolución que precisa o país.

As nosas linguas comúns

Recomendo a lectura deste Manifesto a prol do plurilinguismo, asinado por varios profesores universitarios, entre eles o noso amigo Carlos Taibo.

Galicia continúa á cola en lectura

Continúa sendo tan triste como desolador: Galicia non sae dos postos de cola en índices de lectura. Na presentación da campaña “Lee en la playa” (campaña moi pouco imaxinativa e eficaz, por certo), organizada pola Federación de Gremios de Editores e o Ministerio de Cultura, salientouse que, segundo os datos do máis recente barómetro de lectura 2007, as comunidades con menor índice de lectura son Galicia (51,2%) e Estremadura (49,5%). Os responsables do estudo xustifican estes fracos porcentaxes a “cuestións históricas”, feito que pouco nos consola. O máis decepcionante do dato, que arrastramos dende que se ven elaborando este barómetro, é que non semella importar a case ninguén. Unha sociedade penúltima en lectura pode aspirar a colocarse con algunha garantía en cabeza noutros ámbitos? Teño para min que estas balanzas de lectura son tan significativas sobre as nosas posibilidades futuras como as balanzas fiscais. Cando asumiremos que a lectura é unha cuestión estratéxica (e, polo tanto, política)?

Culturgal 2009

Afortunadamente, a pesar do retraso de varios meses, este ano tamén haberá Culturgal. A organización pasou da AGE á Consellaría de Cultura e Deporte que decidiu montar esta feira galega das industrias culturais no Palexco coruñés na primeira fin de semana de decembro. Agardamos que con este novo modelo de xestión, Culturgal continúe co seu espírito fundacional e chegue a converterse nun referente para todos os sectores da cultura. Atraer á maior cantidade posible de público é o seu reto.

Ler novelas aumenta as habilidades sociais

Segundo un estudo realizado por un grupo de psicólogos canadianos ler novelas aumenta as habilidades sociais. Segundo este traballo empírico os lectores e lectoras de novelas adquiren novas habilidades sociais e melloran, grazas á lectura, ás que xa posúen. Como sinalan no blog ediciona, sexa certo ou non, sempre é bo contar con outro argumento a prol da lectura.