Ler para comprender o mundo
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Educación, Lectura, Literacidade/por bretemasInevitablemente no artigo da semana comento os resultados do Informe PISA 2006. Como son consciente das limitacións do informe (mais vale que a ministra fose, tamén, máis prudente), pretendín facelo dende a perspectiva da oportunidade que ofrece para enfrontar o reto da mellora da comprensión lectora e da alfabetización informacional. Estou convencido, como teño salientado noutras moitas ocasións, que conseguir que o alumnado acade unha competencia aceptable en lectura comprensiva e crítica, tanto sobre os soportes impresos como sobre os dixitais, é o gran desafío do noso sistema educativo non universitario. Hoxe o dilema xa non está entre “ler ou non ler”, o envite do futuro é “ler para comprender de forma crítica o mundo coas palabras de outros”.
Ferradura en tránsito
/en Blogs, Polémicas/por bretemasANT diario dixital
/en Beizóns, Medios/por bretemasGustei desta nova ANT dixital. Un gran paso adiante!
Destaca nesta estrea a calidade da información cultural, eis os casos das cróinicas das presentacións de Cardume ou de Fóra do sagrado (mesmo acompañada cunha gravación en vídeo) en Compostela ou a entrevista con Margarita Ledo, por só citar unhas poucas.
Esta nova A Nosa Terra, dirixida agora polo noso amigo Manuel Veiga, merece as nosas beizóns. Desexamos que o seu equipo de profesionais acade os maiores éxitos.
Entrevista a Agustín Fernández Paz
/en Autores, Entrevistas, Narrativa/por bretemasJaureguízar entrevista a Agustín Fernández Paz con motivo da publicación d’ O único que queda é o amor. Unha conversa literaria que recomendo non perder (tanto como a lectura deste libro de relatos de grande madurez narrativa, para min á altura de títulos como os de Ferrín, Rivas ou Navaza).
Cita na Habana
/en Autores, Eventos/por bretemasTen razón Xosé de Casanova. É incomprensible que no primeiro adianto oficial da relación de autores e autoras para representar a edición e a literatura galega na Feira do libro da Habana 2008 non apareza, por agora, o nome de Fran Jaraba, o autor de cómic galego que con moita diferenza máis se ten ocupado das relacións entre Galicia e Cuba (ten publicados dous álbumes e preparamos xa o terceiro para a primavera, en edición tanto galega como castelán).
Tamén boto en falta (nunha relación prevista de corenta persoas) o nome doutros autores e autoras centrais da nosa literatura actual en todas as súas expresións, tanto sexa pola súa enorme aceptación entre os lectores e lectoras galegos, como polo seu papel fulcral no noso desenvolvemento cultural e literario. Agardo que nas próximas semanas, cando se coñeza a lista definitiva, poidamos felicitarnos da presenza de todos eles.
(Actualización: 10-12-2007): Hoxe escribiume Fran Jaraba para comunicarme que recibira o convite para participar nos actos da feira. Unha boa noticia.
Heriberto Bens
/en Autores, Recurso_didáctico/por bretemasOnte reapareceu en Faro de Vigo a asinatura de Heriberto Bens, que enviou dende o Hospital Psiquiátrico de Charenton unha carta á sección “No fondo dos espellos” de Ferrín participando no debate sobre a identidade da nai de Rosalía de Castro.
Transcribo o texto da carta pola súa importancia para a nosa historia literaria.
“Escríbote para che decer que a nai de Ro, Teresa de Castro, mal podería ter 29 anos, como dis que tiña, canda a botou ao mundo. Tiña 33 anos, o que nos fai pensar que era unha muller feita e dereita á que eu podo supoñerlle un certo grau de autonomía para escoller os seus queridos. Concordo contigo en que non hai probas coñecidas de que o amante de Teresa que diu lugar á marabillosa creatura chamada Ro fose Xosé Martínez, o crego capelán da colexiata da Adina. Teresa de Castro é unha figura de Femeninas ou Jardín Umbrio de Valle-Inclán. Eu non son, como sabes, nin psicólogo nin psiquiatra. Antes ben, son un interno crónico do venerábel frenopático de Charenton. Pola miña experiencia coñezo as formas que vai cobrando a fantasía. Fas mal, meu amigo, en asociar a fantasía familiar dos Martínez e dos Tobío con aquilo que Sigmund Freud chama “novela familiar”. Trátase agora dunha forma paranoide e atenuada do “delirio de grandeza”. Na súa modalidade aguda, o tolo non quer ser el, que é pouca cousa, e di ser Napoleón. Nunha forma atenuada, o paranoide di que o seu avó o tataravó foi un aristócrata ou un multimillonario famoso que non recoñeceu á súa antepasada ou antepasado. Os Martínez e Tobío de que se trata lograron meterlle a toda intelectualidade galeguista o encalatro de que Ro existiu grazas que un seu parente crego inseminou Teresa de Castro. E a posteridade aquiesceu cunha mansedume que a min, aquí en Charenton, me arrepía a pel.
Vexo que a figura de María Francisca vai collendo corpo na bibliografía rosaliana. Victoria Ruiz de Ojeda xa ollou con perspicacia que Don Fermín Bouza Brey intuía nesta señora unha personalidade que moito influíra na de Ro. A ver se os investigadores investigan e os escritores escriben sobre a vida de Ro e ti calas un pouco a boca porque non sabes mais que confudilo todo. Le poing levé”.Heriberto Bens
Hospital Psiquiátrico de Charenton.
"Cardume", a memoria resistente da literatura
/en Autores, Entrevistas, Narrativa, Premios, Presentacións, Xerais/por bretemasAs dúas presentacións de Cardume constataron a importancia do debut de Rexina Vega como narradora, ao tempo que constituíron senllos actos cívicos de homenaxe á memoria resistente da literatura e da figura de Urbano R. Moledo.
En Compostela, Suso de Toro comezou a súa presentación sinalando que “é sorprendente que aparecese unha primeira novela tan ben resolta, impecable, tan ben feita como Cardume, ao tanto que aparece unha escritora”. Logo estableceu un paralelo da novela de Rexina con Paradiso de Lezama Lima: “Hai moito de vocación, dun mundo non vivido, moi numénico, cheo de aura, de densidade, cheo de ecos, e isto está todo na novela. Un mundo que actúa como fermento, coma o pan que está a levedar. Comeza cunha invocación á memoria, coa voz da narradora, unha meniña, na visita ao cemiterio de Pereiró. O libro é, pois, unha viaxe ao pasado, ao país dos mortos”. Continuou, Suso de Toro apuntando que “o carácter do libro é o daquela historia que merece ser contada; o seu material é o do que se nutre a tarxedia e o melodrama para un publico de lectores que se atreve con ese descendemento. Quen o faga vaise ver envolto nunha atmosfera pegañenta”. Detívose, despois, en abordar un aspecto que, coma galegos pode ser interesante: “a épica da cidade, a do Vigo do primeiro terzo de século, onde hai todo tipo d eoportunidades, hai futuro, hai ledicia, hai esperanza…, demostrando que non somos fillos dunha historia colectiva de fracaso”. Para rematar, Suso salientou que en Cardume hai un fío umbilical entre a narradora e a historia contada: “Esa presenza é sintomática dunha función esencial da literatura, dar sentido ás nosas vidas, dar sentido á existencia. En Cardume nárranse moitas mortes, mais non aparece contado ningún funeral, non houbo palabras de despedida e esperanza para persoas como Urbano R. Moledo. A literatura pode servir como forma de oración para esas vítimas”.
O acto de Vigo consistiu nunha homenaxe á figura de Urbano R. Moledo con intervencións moi fermosas da autora (que leu fragmentos da novela, ao tempo que expresou as súas intencións como autora: “Na miña escrita quero a frase precisa e máis honesta”), de Manuel Forcadela e de Xavier Moreda (membro da Asociación Viguesa pola Memoria do 36). O profesor Xesús Alonso Montero desculpou a súa ausencia e enviou este texto que transcribimos:
Palabras, desde Valencia, sobre Rexina VegaMiñas donas e meus señores:
Falo desde Valencia, onde asisto, como conferenciante, a un Congreso Literario que conmemora, no seu 70 aniversario, o celebrado en 1937 polos Escritores Antifascistas do mundo enteiro, aquel Congreso que se propuña defender, da barbarie fascista, a República española, a nosa gloriosa República.
A Valencia de 1937 e a Valencia de hoxe non son alleas á temática, á tensión e á emoción literarias presentes nas páxinas de Cardume, algunhas, poeticamente excelsas.
Se tivese a sorte de falar aí, en Vigo –en prosa non preescrita– disertaría sobre a xestación da gran novela de Rexina Rodríguez Vega que hoxe nos convoca, un prodixioso e dramático relato protagonizado por alguén que se chamou Urbano Rodríguez Moledo, cidadán de ideas socialistas, escritor polifacético en galego e humilde funcionario municipal, fusilado no monte do Castro o 10 de decembro de 1936 ós 34 anos de idade. Resulta que o infortunado escritor –o Urbano da novela– foi curmán da avoa de Rexina Vega, como ela mesma conta no limiar d’ A volta da perdida, peza teatral inédita incautada a Rodríguez Moledo polos militares no tráxico verán de 1936 e atopada, hai pouco, pola man dilixente do historiador e filólogo Ángel Rodríguez Gallardo. Hoxe tamén presentamos a primeira edición desta obriña de teatro, rescatada dos arquivos da represión 71 anos despois, e que se publica, en Edicións do Castro, nunha colección que eu bauticei cun termo non eufemístico: “Biblioteca do 36”. Precede a esta exhumación un estudo esclarecedor e reinvindicativo de Rexina Vega, hoxe por hoxe a única monografía sobre o cidadán e o escritor Urbano Rodríguez Moledo.
Se eu tivese a sorte de falar aí –en prosa non preescrita– disertaría sobre a xestación de Cardume, a novela protagonizada por Urbano, un personaxe construído coas mellores normas da ficción narratolóxica pero inspirado na biografía do dramaturgo socialista fusilado en Vigo hai 71 anos. Rexina Vega, mentres se interesaba, como cidadá e historiadora, pola vida e a obra literaria de Urbano Rodríguez Moledo, resolta a devolverlle a dignidade arrebatada, inventa un relato novelesco que o infortunado escritor protagoniza, un relato, Cardume, que xa é unha páxina de ouro da narrativa galega das últimas décadas. Relato inscrito, de cheo, na narrativa centrada na Guerra Civil, Cardume é novela con rasgos e virtudes ausentes nas mellores deste xénero.
Rexina escribíu coa mesma man a breve monografía sobre o infortunado escritor e a novela que el protagoniza: coa man esquerda. Eu comecei a ler esta novela, aínda inédita, cun certo temor, pero, lidas as primeiras páxinas, atrapoume e convenceume o universo humano do relato e a feitura do relato mesmo, ademais da súa prosa, da súa literaria prosa.
Se eu tivese a sorte de falar aí, disertaría sobre a xestación da maxistral novela de Rexina Vega, e apuntaría que, mentres ela investigaba a vida e a obra do seu infortunado parente, sentiu a necesidade de construír a súa novela e, quizais sen sospeitalo, foise descubrindo como narradora; para nós, os lectores, como unha orixinal narradora literaria. Rexina Vega acaba de entrar na Literatura pola porta grande.X. A. M.
novembro, 2007
Urbano R. Moledo
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Autores, Historia/por bretemasNo artigo da semana fago unha semblanza da figura de Urbano R. Moledo, o dramaturgo galeguista de ideas socialistas que protagoniza Cardume, a novela de Rexina Vega. Tamén recupero do esquecemento os nomes doutras doce persoas que, coma el foron, fusiladas o 10 de decembro de 1936 no castelo do monte do Castro. A literatura como memoria resistente.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- Os Baltar18 de Decembro de 2024 - 4:17 p.m.
- AVE polo Miño17 de Decembro de 2024 - 7:05 a.m.
- Doutrina 79/201011 de Decembro de 2024 - 9:04 p.m.
- Casal11 de Decembro de 2024 - 8:49 p.m.
- Fusilados no Castro11 de Decembro de 2024 - 8:41 p.m.